Amosando publicacións coa etiqueta Álbum ilustrado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Álbum ilustrado. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de outubro de 2026

"BO - TO O robot" de Mariana Ruiz Johnson

BO - TO O robot de Mariana Ruiz Johnson está traducido por Víctor Mascato e publicado por Cumio .

Un álbum en maiúsculas. Tipografía sen serifa, é dicir, sen os pequenos trazos ou remates que tradicionalmente se atopan nos extremos das letras en moitas fontes como a Times New Roman.

Milo recibe un agasallo redondo, que vén sendo un robot. O neno ensínalle a facer cousas, a falar, xogar... Pasa todo o tempo con el; isto impídelle facer outras cousas e compartir con outros nenos. A nai preocúpase e mándao que baixe ao parque. Alí atopa un grupo de rapaces e rapazas que están facendo un proxecto, constrúen unha nave espacial e Milo quere participar. Coa axuda do robot conseguen que voe. Chegan a un lugar estraño polo que van investigando, pero logo han de volver e para iso debe recargarse o robot, conségueno xogando con el e regresan antes da cea (como sucede sempre nestas viaxes). Esa noite Milo que é el, o neno o que é agasallado ao robot no seu mundo, onde esta vive tamén coa nai.

Nas primeiras gardas aparece a noite no mundo de Milo, todo en blanco e negro agás a fiestra do cuarto do neno a toda cor. Nas últimas a explicación técnica do robot en blanco e negro.  

Que estupenda é a tecnoloxía cando nos serve sen complicarnos! Cando se pode converter en amigo sen evitar que vexamos aos outros... que realicemos un proxecto con eles axudado pola máquina. Pero canto coidadiño temos que ter con esas máquinas que ás veces nos aíllan do mundo provocándonos adiccións e outras lacras. 

Na presentación editorial anunciase como unha visión aberta e sen prexuízos acerca dos vínculos coa tecnoloxía. A amizade entre un neno e un robot. Entre o álbum e o cómic.

xoves, 8 de outubro de 2026

Os libros non son para os osos, iso din


Os libros non son para os osos 
de Mark Barry e Katy Halford está tgraducido por Vanessa López e publicado por Miau / Jaguar.

El letras maiúsculas, unicamente. Alá vai o oso polo bosque, atopa un libro pero non o entende porque non sabe ler, vaille ensinar o bufo. Canto máis le, máis lle gusta. Busca outros libros pero non os atopa. O que si atopa é unha bicicleta así que a monta e vai á cidade ver se alí os encontra. Na cidade ninguén o ve agás os nenos; el vai mirando ata que ve unha escola, alí hai libros, entra feliz pero dinlle que nin as escolas nin os libros son para osos. Disgustado segue na busca, descobre unha libraría de onde tamén o botan, ve unha biblioteca e case non se atreve a entrar porque xa creu iso de que os libros non son para osos ata que a bibliotecaria o convida a entrar dicíndolle "os libros son para todos". Fai o seu carné e carga de libros a bicicleta que recupera diante da escola, pensa que se ninguén a recolleu é que está destinada a ser súa. Volve ao bosque coa carga de libros, os amigos están felices porque el vaillos lendo...

O gusto pola lectura e a gran lección da bibliotecaria, os libros son para todos e ninguén debe quedar sen eles, ninguén debe medrar sen as marabillosas historias que se agachan e cada volume. O oso, igual que Borges, pensa que o paraíso é unha biblioteca de onde ninguén o vai botar.

Os libros non son para os osos? Os libros son para todos! Dixo a bibliotecaria. 

luns, 21 de setembro de 2026

A continuación dunha serie: Ratos no tren

 

Ratos no tren de Oli e Natalia Colombo, é unha nova "aventura dos roedores máis divertidos, que transcorre en tren, no que viaxan, se divirten e fan trasnadas." Así son os ratos, e nós que moitas veces os odiamos (ou tememos) na realidade somo admiradoras súas na literatura. 

Antes desta edición, coñecemos Os ratos da casa, Ratos de viaxe e Ratos na escola.   

Enlazando palabras e versos, asistimos a divertidas aventuras que nos levan á escola para aprender, á casa para manexarnos por ela sen correr perigo, de viaxe para coñecer novos lugares e no tren para gozar de todos os momentos no que este nos fai soñar.

Os ratos son todos diferentes, grandes e pequenos, de diferentes sexos e condicións, cada un leva a roupa, accesorios e adornos que considera, os diferentes tipos de maletas e mochilas, de bolsos e bolsas. Na primneira das gardas preséntansenos elementos que logo atoparemos no álbum, nas últimas atopamos momentos que vimos ao longo do relato.

"Pola avenida / poñede atención, / que veñen os ratos / buscando a estación. 

Na estación, / portas e valados, pasan sen billete / os máis aloucados.

Aos máis aloucados, / deulles a arroutada / de coller no quiosco / moitas lambetadas.!

E así continúa o texto, collendo a idea do verso final para comezar a seguinte estrofa / plana.

As imaxes son estupendas. aí os vemos moverse, uns con gafas de sol, outro tirando por unha criatura, con expresión para indicarnos a ledicia ou a preocupación, os que xogan en calquera circunstancia, os accidentes que ois sorprenden, a axuda que se prestan uns a outros ou como se aproveitan der quen tira pola maleta para que os leve en volandas Os ratos, coma nós perden a cabeza e o tempo despistándose á mínima, un deles (ou unha delas) aproveita para ler en calquera circunstancia, outros xogan ou comen, pensan ou dormen, pouco a pouco ímolos recoñecendo: o que leva gorra azul, a do turbante amarelo, o que leva máis carga da debida, a mamá que leva a peluche para a cría... o momento de entrar na cama, cada un co seu pixama, gorriño e pantuflas, a criatura co doudou ou obxecto de apego e outros coa almofada, o romántico mirando a noite a través da fiestra, as posturas diferentes para durmir... e de pronto, no medio do sono, o máis madrugador dá a voz de alarma: ven o revisor! e todos botan a correr. Porque si, a súa non é unha viaxe ormal ou legal, van clandestinamente. Sentímonbos tan unidos a eles que esquecemos que son animais incómodos nas nosas vidas. 


 



mércores, 9 de setembro de 2026

O lago e os medos de Flop

Flop e o lago de Marianne Dubuc é un álbum ilustrado, traducido por Tamara Andrés e publicado por Kalandraka. Preséntase como "a historia dun pequeno coello e dun lago, en cuxas profundidades se agochan moitos segredos, pero tamén unha gran valentía."

Forma parte da colección Demademora a partir de tres anos.  

Hai unha emoción maiúscula, un na que ten sentido pararse e é o medo. Ese que nos salva de riscos pero tamén nos limita non permitindo que cheguemojs a onde poderiamos. Si, no medo ten sentido que afondemos, tal como o fai Flop (o protagonista desta historia). Vai cos irmáns ó lago pero mentres eles se bañan e xogan na auga Flop le e só se atrefve a andar sobre as pedras que sobresaen da auga, non quere nadar, sabe que o lago agacha segredos pero pode caer e non sabe nadar. Nunha ocasión entra no lago (non diremos como) e descobre que pode respirar debaixo da superficie, daquela investiga, descobre unha sombra enorme e tamén que en vez de temela pode ser amable con ela e facerse amigo, descubrir a beleza do mundo subacuático e aplicar a mesma estratexia con todos os seres que poden asustalo... pero isto cóntao dunha maneira ben fermosa con palabras e imaxes.

Será que soñou ou foi real, será que podemos superar todos os medos?    

Teredes que lelo e atopar ese outro ser pequeniño que o acompaña nesa viaxe pola auga e o que significa a sombra da que se fai amigo. Porque nos libros para pequenos tamén hai varias lecturas e todas están ao noso dispor. 

sábado, 22 de agosto de 2026

A xirafa e o rato





 A xirafa e o rato 
de Tomi Ungerer e Barbara Brenner traducido por Óscar e Sandra Senra Gómez está publicado por Kalandraka na colección Tras os Montes.

Da presentación editorial:"Un clásico contemporáneo sobre a amizade, a colaboración e como as diferenzas poden converterse en fortalezas, co estilo inconfundible de Tomi Ungerer." 

Non podían ser máis diferentes pero coincidiron baixo unha figueira, miráronse e viron as diferencias (alta, baixo, grande, pequeno, castaña, gris, ríronse un do outro, discutiron quen era mellor e niso estaban cando un cazador comete unha imprudencia e o bosque arde, sen que eles se dean conta. Canto se ven entre o lume, asustados, cada un pon en marcha as súas artes e conseguen escapar ata o lago ao que se dirixiron todos os animais. Daquela, recoñecen o valor do outro, porque o rato escoitou aos animais fuxindo e a xirafa veu cara onde estaba o lago, agora tampouco é cousa de discutir por quen é mellor dos dous aínda que c ase case porque a xirafa di que se non chega a ser polo rato non se salvan e o rato di o mesmo dela. A xirafa e o rato, tan distintos e tan necesarios. Polo medio da historia, aquilas outras historias que a acomapañan (o mono entre a follaxe, a bolboreta libando flores, a atuendo completo do cazador, toda a fauna do bosque correndo, o cazador a piques de ser cazado polo crocodilo, os tonos neutros agás o negro da noite e o vermello do lume que se estende polas gardas...

Distintos pero igual de importantes, distintos pero amigos, a xirafa e o rato. 

luns, 17 de agosto de 2026

Un fermoso álbum para a hora de ir durmir


Sobe, sobe e sobe de Émile Jadoul con tradución de Xosé Ballesteros na colección Demademora (Kalandraka, 2026) que se presenta como "unha divertida historia que une grandes e pequenos, un álbum ideal para compartir á hora de ir durmir."

As onomatopeas anúnciannolos: Tap tap tap sobe o coelliño, toc toc toc sobre o crocodilo, bum bum bum sobe o elefante axudado polos anteriores que tiran del... e así uns detrás dos outros, uns coa axuda dos outros, outros sen axuda e serán recibidos con vivas e palmas. O chan é amarelo e alí está o neno que os felicita e di que falta un, quen será? sabédelo, o que vén agora vaille dar o bico de boas noites, o que o pequerrecho distribuirá entre toda a fauna que o acompaña. Non pode ser máis sinxelo e suxerente, máis afectivo e tenro, vamos papá sobe para que de verdade chegue a noite cos seus pasos e o seu pechar de ollos!

Nunca nos defraudan as escollas de Kalandraka. É unha sorte vivir nestes tempos  nos que eles están atentos ás necesidades das crianzas.  

martes, 11 de agosto de 2026

Traducións (V)

Es libre de Cristina Expósito e Mo Gutiérrez na colección Somos 8 de NubeOcho. De novo, atopamos vaias linguas nas que buscar os seus libros na páxina, pero non en galego. Seguimos sen entender esa falta de consideración cara a nosa lingua, as persoas que a falamos e lemos os seus libros.

Un álbum ilustrado que xoga con elementos mínimos (imaxes realistas e con poucas cores e textos moi medidos) pero que dá pé a moita reflexión, nun tempo no que esta é tan necesaria, especialmente para falar de liberdade.

Unha obra que nos obriga a pensar no que é a liberdade e no que non é, nas sensacións que produce. O respecto pola liberdade propia e pola dos demais, a necesidade de dicir non cando é necesario porque o primeiro respecto é cara un e non podes deixar que che fagan dano, pero tampouco podes facelo ti porque romperías as túas ás. Porque liberdade igual é algo como poder elixir quen es, como es e como pensas, escoller pensando en ti e nos outros, compartir e comunicarse con diferentes linguas, sendo diversos e tendo distintas opinións, respectando e entendendo aos demais para poder ser todos libres. Tes que coidar das túas ás sabendo que tofois teñlen  dereito a mover as súas aínda que o fagan de diferente maneira. Comeza e remata deténdose na sensación: "Pecha os ollos. Respira e pensa: son libre. Como te sentes?" 

Un libro para compartir cos pequen os da casa ou da escola, para ler e reler, para dialogar, para afondar no concepto da liberdade, para debater e construír pensamento. Un álbum moi necesario. 

Da presentación editorial: "Unha oda á liberdade e ao seu verdadeiro significado. Sabías que todos somos libre e temos ás? Pero aprender a voar leva o seu tempo e esixe dedicación. Ser libre non é facer o que queiras, porque todos os nosos actos teñen consecuencias. O máis importante para que as túas ás non se rompan é portarte ben contigo e cos demais. Todos os que te rodean tamén teñen dereito a mover as súas ás por onde queiran. Escoitalos e respectalos é parte da liberdade. " 

luns, 3 de agosto de 2026

Traducións (I)

 
Derradeira viaxe en tren de 

Da presentación editorial: "Despois de máis de corenta anos percorrendo o mesmo traxecto, don Toupo despídese do seu querido tren na súa derradeira viaxe. Mais desta volta algo é diferente: cada vagón esconde unha sorpresa... e, ao final, alguén moi especial o está a agardar. Un traxecto cheo de lembranzas, emocións e reencontros inesperados. Derradeira viaxe en tren é un álbum ilustrado único que invita a nenos e adultos a valorar as pequenas cousas da vida e as relacións que construímos co tempo. Unha historia chea de sensibilidade, que axudará aos máis pequenos a entender a importancia de quererse e coidarse a un mesmo, mentres desfrutan dunha viaxe literaria inesquecible." 

Don Toupo conduce o tren por dous traxectos: da Vila Azul ao Mar Branco atravesando o Bosque Verde, cruzando a Ponte Amarela e pasando polo Túnel Gris ou dende o Mar Branco á Vila Azul cruzando a Ponte Amarela e atravesando o Bosque Verde. Sabíaos de memoria. No tren viaxan diferentes animais. Nesta derradeira viaxe, a maquinista Osa dille que disfrute do traxecto e que vaia para o último vagón onde o agarda alguén moi importante, cando chega a el non ve a ninguén ata que van aparecendo: Mapache coa música, Leirón coas flores e Esquío coa tarta porque todos o queren felicitar e compartir esa viaxe con el. 

A estrela cos pés no chan de Olga de Dios está publicado por Apila.

Ilustracións realizadas con sprai e técnicas dixitais. Moi coloristas e case estilizadas con moito contraste. 

Da presentación editorial: "Eliximos o noso camiño? Unha aventura sobre dúbidas, riscos e solidariedade.
A historia dunha estrela valente e cos pés no chan. Este libro ten unha lectura enriquecida con luz ultravioleta. Non a perdas!"

Unha estrela que non fai coma as outras: brillar pola noite e durmir polo día. Case non dorme, pasa o tempo observando os planetas afastados. Quere coñecer o mundo e déixase caer a pesar da vertixe. Aparece no mar e alí coñece as estrelas de mar coas que intercambia saberes (ensínalles a brilar e elas a nadar), baixa ás profundidades escuras e acompaña aos que alí viven na procura da luz propia, logo explora a superficie aprendendo a camiñar e facendo brillar todo o que atopa ao seu paso. Percorre selvas, bosques, montañas... sobe ao pico máis alto e dálles as boas noites ás irmás estrelas e bótase a durmir cos pés no chan. 

 

mércores, 29 de xullo de 2026

Novos títulos en OQO

A xirafa Oriana de Sabela Gil e Borxa Guerrero está publicada por OQO en marzo de 2026, na colección O.

Da presentación editorial: "Este álbum conta, en verso, a historia da xirafa Oriana, que se ve obrigada a emigrar e buscar traballo noutro país." En verso rimado, dun a outro continente, deixando caer cales son as causas de ter que emigrar, as dificultades para integrarse no país, a colaboración de nenos e nenas coas boas causas, a necesidade do activismo social cando non queda outra opción e como este pode (e debe) dar resultados positivos poñendo aos políticos a debater os verdadeiros problemas da xente... pero tamén o poder da narración oral coa que remata o álbum no mesmo lugar no que comezou a historia, porque a Historia ha de ser contada!

Todo ten valor no álbum, dende a sobrecuberta con solapas (*que ademais de recubrilo e protexelo, nos propón un traballo manual a realizar coa axuda dun código QR para elaborar unha xirafa Oriana) ás gardas onde se nos anticipa a historia, dende o principio ata o final. Un obxecto moi coidado para educación literaria e visual, pero tamén para centrar a atención en cada detalle pola información que nos ofrece.  As tomas e angulacións, os diferentes planos e o que neles aparece dannos para moito mirar e falar. A historia sitúanos na sabana, vémolo polo tipo de chan e árbores, estamos noutro continente: Oriana leva no seu alto pescozo colocados moitos colares, a través dos prismáticos ve o cruceiro do que desembarcan os castores (nun turismo masivo que non nos sorprende), pero que fan os castores? acaban coas árbores e, polo tanto, coa comida das xirafas. Mentres eles se divirten, Oriana pensa en marchar. Chega ilusionada a outro país, non lle dá medo traballar pero non todas son alegrías: o lixo está por todas partes, os pelícanos vixían as aduanas, moitos traballos xa non precisan quen os faga porque están automatizados e para outros piden estudos que ela non ten. Tamén se pode observar a explotación dos estranxeiros (aquí é doado recoñecelos), cando máis desesperada está ao pasar por diante dunha escola os pequenos fálanlle e dinlle que quede con eles, como non conseguen que lle dean traballo han de manifestarse con moitos máis e levar o asunto aos gobernantes (o bufo, a tartaruga pero tamén o burro e o raposo) e chegar a "un bo trato" cun traballo a medida que só ela pode facer con ese pescozo longo e o afecto pola rapazada. Remata a historia na sabana, sobre os troncos das árbores taladas un animal conta a historia "porque traio na memoria / a miña querida Oriana", ela é a mesma que podemos seguir dende a escola, con ese lazo rosa avermellado na orella. Quen conta tamén é protagonista e así o demostra. Esa lámina final móstraa coas lentes da idade pero cos colares de Oriana e fronte a unha nova xirafa con chupete, no seu ollo reflíctese! Cada  animal ao seu dende unha á outra garda: o escaravello lento coa súa bola, todos escoitando.   

Importante o que se le, fundamental o que se mira e este álbum dá moito para pensar porque está reflexionado en cada pormenor, minuciosamente. 

*Así explica o ilustrador que facer: "O álbum vén cun plus, que é un videotutorial —accédese a través dun código QR, mentres que un segundo permite imprimir novas maquetas— para amosar as posibilidades do que se pode facer coas sobrecubertas, que en realidade son para que os nenos poidan abrilas e pintar nelas... Neste caso, non é só colorear, senón que eles poden facer as súas propias creacións de xirafas (...) A xirafa ven sen vestir, polo que podemos facerlle un vestido ou un pantalón, ou podemos poñerlle a roupa que queiramos. É xogar a vestila e a darlle a nosa propia imaxe ou a que nós quereríamos que tivese Oriana."  

luns, 27 de xullo de 2026

As dúas avoas

Nina e Tina de Beatriz García - Huidodro e Raquel Catalina Ledesma, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección Demademora para lectorado a partir de tres anos.    

Non sempre as avoas son como aparecen nos libros que as crianzas len, por iso unha desteas criaturas nos conta como son as súas, totalmente diferentes ás que ve no papel. Máis alá de ir analizando as diferenzas entre o que le e o que ve nas súas avoas (tan diferentes unha da outra) está o que vai descubrir, porque os libros igual non se enganan tanto, ou si? 

Esa relación tan especial entre avoas e netas merece este e moitos libros máis, tal como pode verse na edición en galego. E... que riqueza que as avoas podan ser tan distintas unhas das outras!

As ilustracións moi interesantes. Polos trazos soltos e abocetados realizados con lapis de cores, cun uso contido da cor, a diversidade de planos e por facer protagonista a mirada da nena máis alá do que conta. Unha serie de metáforas visuais axúdannos a enriquecer a lectura, máis alá da chiscadela do gato da primeira páxina, o desenvolvemento da imaxinación da nena a partir da lectura, as posturas e representación da pequena moi autónoma que se move polo plano mentres os pais fan sempre outra cousa. Estes van avanzando nunha preparación que só entenderemos ao final; ela ao seu, contándonos o que pensa, movéndose pola escena con total liberdade. A nena está de cumpreanos dísenos na imaxe, cumpre catro, igual que se nos di que é o que lle gusta, os agasallos que recibe ou o que le. 

Unha combinación perfecta de texto e imaxe!

mércores, 15 de xullo de 2026

Da lectura e as súas rebelións

A rebelión da lectura de Fran Alonso con ilustracións de Chus Rojo publicado por Cumio.

Da presentación editorial: "Unha historia sobre como o poder dos libros pode cambialo todo. Porque cando les, todo é posible! Conto poderoso e creativo que resalta a importancia dos libros como poderosos e transformadores. A través dunha narrativa orixinal, mostra como a lectura non só proporciona educación, senón que tamén empodera ás persoas para cuestionar o mundo que lles rodea e loitar contra as inxustizas. É unha ferramenta ideal para espertar nos mozos o amor polos libros."

Unha historia que lembra a dos tres porquiños cunha casa de madeira, unha de pedra e unha de libros nas que se van metendo un grupo de persoas que escapan do Cobrador do Sol. Si, existe! Un recaudador que cobra a luz do sol que a xente recibe polo día, que vai subindo a cuota e que os vai empobrecendo cada vez máis. De quen é o Sol? Seica da empresa multinacional Universo 2.0 pero sucede que o día en que xa non aguantan máis se meten nas casas que o cobrador vai tirando ao soplar ata que chega á dos libros. Ai! aí cambiou a cousa, pois a xente lera e aprendera a pensar e chegaron a boas conclusións coas que remataron coa explotación. Que boa cousa ler, non? A lectura lévanos a razoar o que está ben e o que está mal, a comprender mellor o mundo, a coñecer outras perspectivas e rebelarnos contra as inxustizas. 

A historia lévanos a outra, a da Casa da Lectura, situada en Gondomar e que pertence á asociación Espazo Lectura. Unha casa que leva vinte anos empeñada na lectura e dando de ler a todo tipo de persoas.

domingo, 14 de xuño de 2026

Onde está a mamá? e O irmán maior máis mellor de todo o mundo


Onde está a mamá? de patasedepeixe de Julia Donaldson e Axel Scheffler, traducido por Laura Sáez e Sandra Sánchez Sáez.

O moniño perdeuse, busca a mamá; o bolboreto quere axudalo e pregunta: como é? a cada resposta do mono o bolboreto lévao xunta un animal que non se corresponde co que andan a busca. Se o mono di grande, o bolboreto lévao co elefante, se di que co seu rabo se agarra ás árbores condúceo xunto as serpes, se di que ten patas preséntallo ás arañas, se vive na cima das árbores lévao co papagaio... que ten o pelame marrón, logo debe ser un morcego... e así unha e outra vez nunha especie de xogo de adiviñas que semella desesperar ao mico. Ata que se enfronta e lle di que ningún deses animais se parece a el, a resposta é magnífica "nunca me dixestes que vos parecedes e os meus non se parecen a min." Tamén é certo, as crías de bolboreta son vermes e nada teñen que ver coa gracia das bolboretas. Daquela o bolboreto lévao co pai e xa se sabe... Os dous encamíñanse ata onde está a nai. O xogo está servido, describir un animal polas súas características (podemos facelo dunha nunha ou de dúas en dúas...) e ver quen acerta primeiro.

Un final feliz e un percorrido divertido, que máis se pode pedir? Non perderse máis que para xogar!

O irmán maior máis mellor de todo o mundo de Ben Mantle está publicado por Andana editorial e preséntase así: "Ter un irmán é o mellor do mundo ata que...  Din que ter un irmán é un agasallo, pero aqueles que o experimentaron saben que vivir xuntos é unha mestura de amor e conflito. Este libro ilustrado captura esa realidade con sensibilidade e humor. Nano e o seu irmán maior, Fèlix, son os mellores irmáns do mundo. Len as mentes un do outro e teñen palabras secretas, como "súper lichi". Fan todo xuntos, desde xogar a monstrocamións dinoaplastadores ata ser unha parella artística incrible. Pero un día, Nano descobre un cartel na casa da árbore de Fèlix que di: "Prohibido o paso a Nanos" Como resolverán este conflito? Unha historia que explora sinceramente os matices da relación entre irmáns, desde a adoración ata as pelexas máis tolas." 

A historia está contada polo pequeno en primeira persoa, el está feliz con seu irmán, pero Félix o maior cansa del ás veces (desfaille cousas, métese moito nos seus asuntos, cópiao en todo, non lle deixa espazo propio...). O pequeno conta "Somos como unha persoa en dúas copias". Todo comeza pola casa na árbore á que Félix lle prohibe entrar, o pequeno fai a súa propia casa pero lévalla o vento, o maior decide pedirlle perdón e facerlle unha moi grande para que cando o pequeno o convide a entrar podan xogar os dous observando o que sucede ao seu arredor, pero a meirande ensinanza é que hai que deixar liberdade e autonomía, cada un precisa o seu propio espazo e o seu tempo, por moito que se queiran.  

martes, 9 de xuño de 2026

Parchís de María Girón


Parchís de María Girón está publicado por Kalandraka con tradución de Iago Nicolás.

Trae un taboleiro de parchís para que o xogo se faga real e o tempo compartido sexa verdadeiro. Catroi casiñas, cada un coa súa cor e o seu animal, a súa casa. 

Preséntase como unha historia tenra, enxeñosa e divertida sobre a amizade, o xogo e o pracer de compartir as pequenas cousas. O que conta é unha historia de convivencia, de como todo é mellor cando se comparte, de como non tmeos que ser iguais nin achegar o mesmo senón complementarnos e achegar cada un o aquilo no que destaca. Unha mañá de inverno, todo nevado, gato pensa que o mellor é tomar unha cunca de leite quentiño, pero se vai buscar alguén máis o leite saberá mellor, meteo nunha botella abrígase (pon o abrigo, a bufanda e o gorro) e sae á busca. Para na casa da árbore onde coella acaba de sacar do forno o seu biscoito de cenoria, pero pensan que mellor vai saber se almorzan en compañía, así que coella abrígase (abrigo, bufanda e gorro) e xuntos van á casa do lago. Alí parrulo di que é un día perfecto para tocar o ukelele a carón do lume, pero aínda soará mellor se comparten ese tempo con alguén máis, abrígase (de novo a repetición: abrigo, bufanda, gorro) e vanse á casa do outeiro, pero non atopan a teixugo, porque este saiu, ben abrigadiño e co parchís, na súa zorra e vai pasando polas diferentes casas (a do río, a da árbore, a do lago) e seguindo as pegadas vainos atopar na propia casa, na do outeiro onde o están a agardar. A carón do lume, toman o leite, o biscoito, escoitan o ukelele e xogar ao parchís mentres a roupa seca. Son felices!

Unha historia acumulativa na que as ilustracións nos contan máis que as palabras e onde se demostra que a felicidade compartida é máis e mellor. Unha historia circular como a amizade que envolve aos amigos e amigas e os conduce dunha a outra casa, dun a outro refuxio, dun a outro mundo, dunha a outra soidade que, de vez en cando, se alimenta da compañía.      

luns, 8 de xuño de 2026

Un álbum ilustrado sobre o medo


Quen dixo medo? de Ana Sánchez Garea é un álbum ilustrado publicado por Pepa a Loba editora. 

Así se presenta: "Unha obra que pon de manifesto a fermosísima relación paterno-filial das personaxes, coa escuridade como fío condutor da historia." 

Pois si, vai de medo á escuridade e da demostración de que esta pode ser fonte de moitas alegrías porque... como se ven as estrelas se non é na escuridade? e os fogos de luces, acaso se poden ver polo día?... e tantas outras cousas ás que accedemos grazas a ela. Pero o mellor de todo é que cando teñas medo estea perto alguén que con cariño che axude a ver que a escuridade é necesaria e que o medo nos serve para estar alerta cando pode haber perigo pero non nos pode paralizar; escoitámolo e valorámolo pero superámolo!

venres, 22 de maio de 2026

Onde caben dous... ou Onde caben catro


Onde caben dous caben tres de Cristina Oleby e Xiana Teimoy está publicado por Jaguar na colección Miau.

Da presentación editorial: "Raposo está a esperar a unha amiga para celebrar unha velada romántica. Pero van chegando varios amigos que non queren cear sós. Así, Mapache, Lebre, Sapo e Curuxa únense a esta improvisada cea na que pode haber sorpresas. Cristina Oleby e Xiana Teimoy convídanche a unha cea romántica con Raposo e os seus amigos do bosque, haberá comida para todos? Ou haberá cambio de menú? Descúbreo neste divertidísimo álbum ilustrado". 

Raposo agarda coa mesa posta pola amiga coa que vai compartir cea romántica. Mentres agarda, van aparecendo diferentes animais do bosque que van cear sós, e Raposo convídaos a compartir mesa porque onde caben dous caben tres. A repetición e acumulación son pautas importantes no que se conta ou le para estas idades ("Non me digas! No me gustaría nada que ceases só. Cea connosco! Onde caben dous caben tres"). Unha sorpresa final para aqueles e aquelas que son quen de observar detidamente as ilustracións e comprender as frases que poden ter máis dun sentido; isto amplia o significado do relato.  

xoves, 7 de maio de 2026

Un novo libro de Antela editorial


Lis e o Bosque das Sombras de Clara Artiaga está publicado por Antela editorial.  Entre o álbum, o cómic e narración, un produto que innova e non deixa indiferente. Unha nena, unha voz interior que critica coma Pepito Grillo non permitíndolle que se conforme co que logra pero alguén lle mostrará que o camiño consiste en non esquecer os soños. 

Preséntase así: "Lis quere ser cabaleira, afouta coma a das lendas. Acompañada do seu amigo Bigotes, internarase no Bosque das Sombras en busca de aventuras. Mais a realidade pode ser máis complexa e difícil do que ela imaxinaba. Conseguirá vencer todos os perigos?" 

Porque a lenda fala dunha cabaleira valente que protexeu o reino do mal ao longo de centos de anos, pero desapareceu un día sen deixar rastro. Lis quere ser coma ela, unha cabaleira andante, tal como contan os xograres que pasan pola vila. Ela prepárase, sempre acompañada polo seu amigo e fiel escudeiro Bigotes. Con el intérnase no Bosque das Sombras, ese lugar do que non volvía ninguén. Alí atópase na casa da bruxa que engana aos nenos coas ricas tortas e os converte en ananiños; ela tanpouco se salva, pero o anel da bruxa racha cando o ratiño lle morde o dedo e todo desaparece... Semella que o que logrou non foi un bo final así que continúan a aventura, agora con Lis montada no rato Bigotes e atopan un novo desafío no sotobosque por onde agora se moven debido ao tamaño da pequena. Alí, as flores choran porque unha avelaíña bruxa, nai das flores non as deixa medrar e só se mira no espello. Ofrécese a volver a Lis ao seu tamaño e poder saír do bosque se lle trae luz de lúa. Lis recolle as bágoas das flores e baixo a luz da lúa entrégallas á Dama Avelaíña. Daquela vaille pedir o desexo que lle prometeu no trato que fixeron, terá que deixar que as flores medren e florezan cando queiran e terá que escoitalas. De novo, todo acaba no cabreo da nai que berra e berra. Unha voz na cabeciña de Lis vaina acusando de non conseguir realizar fazañas... Tócalle seguir e seguir tentándoo sen conseguir calar esa voz acusadora nin sentirse satisfeita, ata que unha noite esperta escoitando á Cabaleira das Lendas. Que pasará?

Unhas imaxes moi atractivas e acaídas a queles tempos de cabaleiras/os e bruxas, de bosques enmeigados e aventuras míticas. Nalgún momento, semella que a elipse resulta algo difícil, ou se non é a elipse é a pouco información sobre determinados pasos, pero todo se amaña para quen le con gusto e atención, que é do que se trata.  

mércores, 6 de maio de 2026

PATAS ARRIBA

Patas arriba de Anna Derenne, traducido por Xosé Ballesteros, está publicado por Kalandraka. Trátase dun "divertido libro-xogo que convida a lectores e lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana e libralos dun final non desexado". Un libro interactivo? Un libro que acaban de crear os lectores e lectoras? Un libro sobre o que se pode tomar decisións que van máis alá de por onde comezar a ler. Así se presenta en Dideco: "Un día tranquilo na sabana. Todo o mundo está no seu lugar salvo o elefante, que se acerca trotando, daquela o chan retumba cos seus pasos. Enseguida se dá conta do desastre: todo está PATAS ARRIBA. Agora é o momento das crianzas, as verdadeiras protagonistas deste álbum, aos que lles tocará sacudir unha e outra vez o libro ata que todo volva ao seu sitio. Se o sacuden demasiado forte, a paisaxe porase patas arriba. Se non o sacuden suficientemente, algunhas cousas seguirán desorganizadas. Sacudir arriba e abaixo, á dereita e á esquerda. Pero... Quen se agacha detrás do arbusto? Un cazador? Sigamos sacudiendo ata facelo desaparecer! 

Una paleta de cores vivos, figuras de contornos definidos sobre fondos planos e personaxes con expresións divertidas caracterizan plásticamente esta obra de Anne Derenne que nos lembra a algunhas producións de animación. Un orixinal libro-xogo cheo de humor que convida a lectores y lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana de libralos dun final non desexado. Feliz aventura!"

O poder de quen le faise evidente nesta obra, porque ti, lector, lectora, tes a capacidade de facela avanzar cada un lado ou outro, de ordenar ou desordenar o mundo, de colocar cada cousa n o seu sitio ou deixala dunha maneira absurda, pero tamén de descubrir quen se quere aproveitar da ocasión para cazar algún deses animais que andan medio mareados pasando dun lugar a outro. O principoio da historia fálanos desa inxenuidade do elefante que se move con toda a alegría que lle é propia (como elefante en garaxe, diríamos) e descontrola o mundo. Cada plana dános a ocasión de ver que animal está fóra de lugar e cal deles xa está onde corresponde, un a un teremos que revisalos para descubrir que é o que debemos facer, ir comentándoo e ir tratando de situalo na paz primixenia é o que corresponde a partir de agora, pero non é tan doado, non, as nosas mans tamén poden ser moi brutas e os movementos non ser os axeitados pero ademais, a autora introduce un novo elemento que debemos descubir para evitar unha hecatombre de verdade, cando o fagamos, cando toda a fauna o mire, avergonzarase e marchará por unha esquina, esa mesma esquina da que está colgado na garda final da obra. 

Dende o mesmo título escrito seguindo o significado ata a plana colocada ao revés do sentido, todo se converte nun xogo total. O xogo do abaneo...

Escrito, todo el, en letras maiúsculas. 

xoves, 23 de abril de 2026

Unha tradución que é recreación, versión propia

Unha tradución que é recreación, versión propia, que toma as referencias do país.

A Cornecha e a Xibardo de Julia Donaldson e Axel Scheffler. A tradución de Sandra Sánchez Ogando e Laura Sáez. Un aspecto tan importante que son as tradutoras quen dedican a obra, neste cas a Xohana Torres. A corrección e revisión lingüística é de Mónica Pazos. O asesoramento sobre terminoloxía de bechos mariños é de Teresa Rodríguez. A maquetación e deseño de Diego Núñez e Marcelino V.  Cageao.

Moita xente detrás, como vedes. Moito traballo para acadar unha obra de tanto interese publicada pola editorial patasdepeixe que a presenta desta maneira:

"Imaxinas ser un cornecho minúsculo e viaxar no lombo dunha balea xibardo xigante por todo o mundo? Nesta historia percorreremos incribles mares de corais, atravesaremos glaciares xeados, descubriremos illas con volcáns, e nos quedaremos pampos ante o inmenso que é o mundo…
Agora ben… Que pasa cando por culpa dunhas motoretas perdemos o rumbo e nos metemos nun problema ben, ben grande? Axuda ao noso cornecho na meirande aventura da súa vida neste emocionante conto que te vai deixar cos pelos de punta e bágoas nos ollos." 

Pois si, nun principio está a pequena cornecha nun con negro con toda a súa colonia e saloucaba: "O mundo é tan grande e tan fondo é o mar! Eu tamén navegar!" O cornecha expresa os seus desexos de coñecer mundo e océanos co verso que Xohana Torres pon na boca de Penélope, o que segue é a maneira de conseguir facelo na cola dunha balea xibardo que se presta a levala, así percorrerán mares e mares, dun a outro confín, ata o punto de que a cornecha confesa "Síntome tan pequena" e ata a letra se fai minúscula para representala. Coñecer mundo, abraaiarse ante a beleza e a inmensidade, ante a variedade de paisaxes e animais que poden ver. E nun momento de distración perder o rumbo polo ruído enxordecedor das motoras e quedar varada nunha praia. A cornecha pídelle que se mova pero ela contesta que non pode moverse porque é grande de máis. Este é o momento no que a cornecha vai pagar o que a balea fixo por ela... Veredes o que fai, veredes como convence as crianzas dunha escola e e3stes ás familias e estes aos bombeiros ata conseguir devolvelos ao mar, pero non acaba aí a historia que teredes que ler. Así gozaredes da maneira de contar presentando cada personaxe e paisaxe, cada situación: Esta é a historia,,, Este é o con negro... Esta é a gran familia... Este é o ronsel... Esta é a balea... E esta é a cola negra... Este é o mar... Estas son as ondas... Estas son as covas... Este é o ceo... Estes son os lóstregos... Estas son as motoras... Este é o momento... e tamén do ritmo e da rima que acompañan esta marabillosa viaxe que comezou: 

"Esta é a historia do conto alucinante / dunha pequena cornecha e dunha balea xigante."

para rematar:

"E cornechas e cibardo cantáronlle ao mar, / felices e contentas: -Nós tamén navegar!" 

martes, 21 de abril de 2026

Álex ten vergoña de Natalia Shaloshvili


Álex ten vergoña é un álbum ilustrado de Natalia Shaloshvili, traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.

Despois de Que precisa un gato pequeno? e Pablo está de mal humor, aparece esta nova obra que nos mostra emocións introducíndonos no mundo dos pequenos animais. 

Así se presenta: "Cando Álex chega á casa de Leo para gozar dunha tarde de xogos, encóntrao cheo de enerxía e listo para a acción. Leo quere xogar coa súa amiga aos restaurantes, formar con ela unha banda de rock ou voar xuntos á Lúa. Álex imaxínase preparando esponxosos pasteis, actuando sobre o escenario ou sucando o espazo, pero a súa timidez véncea rapidamente e só desexa volver á casa. Como poderá demostrarlle a Leo que de verdade quere xogar con el?

Natalia Shaloshvili regresa con outra historia inspirada nas súas propias experiencias infantís dedicada a aqueles nenos e nenas que necesitan máis tempo para socializar. Un álbum cheo de tenrura e humor no que un pequeno cachorro de lobo é capaz de superar a súa vergoña e timidez coa axuda do seu amigo para, por fin, gozar xogando xuntos."

Xogando coa tipografía (fragmentos en letra caligráfica) váisenos presentando a situación. Unhas ilustracións a base de manchas, moi expresivas e doces que nos van levando a entender a eses animaliños que se atopan para xogar. Mamá leva a Álex á casa de Leo para que xoguen xuntos, pero o pequeno rato prefire  xogar con súa nai e non ter que enfrontarse a novas situacións que o poñen nervoso. Por riba, Leo é todo seguridade en si mesmo, quere xogar a ser cociñeiros, tamén a ser estrelas de rock e ata astronautas. Álex, a pesar de que lle apetcen todas esas opcións, queda paralizado e quere volver á casa. Daquela Leo confésalle a tristeza que lle dá o feito de que non queira xogar con el, porque o que máis desexaba é que puideran ser os mellores amigos para sempre. Ela dáse conta de que é o que tamén desexa e confésalle a súa vergoña. Nada hai mellor que a sinceridade. Leo fálalle desde o corazón, tamén el ten vergoña ás veces e ademais pode mostrarse un pouco berrón e mandón. Agora si que poden xogar, a todo, a facer chulas e a ser rockeiros do espazo.  Un cachorro de lobo e un ratiño poden xogar xuntos, só llo pode impedir a vergoña dun deles e, quen é o máis animoso? pois, o ratiño! (non vos deixedes levar por prexuízos)

Falar de que se sente, dos afectos, das emocións... é máis necesario que nunca, para continuar sendo humanos, para que nos importe o que pasa, para que a indiferencia non nos gane.  Para non perder ningunha oportunidade que compartir e ser felices! 

Ula vergoña? 

domingo, 29 de marzo de 2026

Unha de Penélope


Penélope tece de María Besteiros e Bea Gregores. 

Da presentaicón editorial: "Penélope tece e lembra. E os fíos do seu recordo cóntannos unha historia onde a nostalxia e a beleza van construíndo un tapiz cheo de cor. María Besteiros toma o mito homérico como punto de partida para compor un poema ilustrado por Bea Gregores. Unha celebración literaria do amor e da resistencia." 

Un álbum para adolescentes e adultos. Volvemos a Penélope e o seu tear, ao mito de tecer e destecer, á muller que agarda a volta do seu home... pero é diferente. 

Contado en terceira persoa; non se dá a razón pola que tece e destece, pola que tece do dereito e do revés, ou si, pois mentres o fai lembra todo o seu pasado como muller: a súa infancia, a mentruación, o parto de Teléaco, a perda da filla ao nacer... Non se fala de Ulises máis que ao final e veredes como: 

"Ulises? 

Ulises, quen é?"