martes, 21 de abril de 2026

Álex ten vergoña de Natalia Shaloshvili


Álex ten vergoña é un álbum ilustrado de Natalia Shaloshvili, traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.

Despois de Que precisa un gato pequeno? e Pablo está de mal humor, aparece esta nova obra que nos mostra emocións introducíndonos no mundo dos pequenos animais. 

Así se presenta: "Cando Álex chega á casa de Leo para gozar dunha tarde de xogos, encóntrao cheo de enerxía e listo para a acción. Leo quere xogar coa súa amiga aos restaurantes, formar con ela unha banda de rock ou voar xuntos á Lúa. Álex imaxínase preparando esponxosos pasteis, actuando sobre o escenario ou sucando o espazo, pero a súa timidez véncea rapidamente e só desexa volver á casa. Como poderá demostrarlle a Leo que de verdade quere xogar con el?

Natalia Shaloshvili regresa con outra historia inspirada nas súas propias experiencias infantís dedicada a aqueles nenos e nenas que necesitan máis tempo para socializar. Un álbum cheo de tenrura e humor no que un pequeno cachorro de lobo é capaz de superar a súa vergoña e timidez coa axuda do seu amigo para, por fin, gozar xogando xuntos."

Xogando coa tipografía (fragmentos en letra caligráfica) váisenos presentando a situación. Unhas ilustracións a base de manchas, moi expresivas e doces que nos van levando a entender a eses animaliños que se atopan para xogar. Mamá leva a Álex á casa de Leo para que xoguen xuntos, pero o pequeno rato prefire  xogar con súa nai e non ter que enfrontarse a novas situacións que o poñen nervoso. Por riba, Leo é todo seguridade en si mesmo, quere xogar a ser cociñeiros, tamén a ser estrelas de rock e ata astronautas. Álex, a pesar de que lle apetcen todas esas opcións, queda paralizado e quere volver á casa. Daquela Leo confésalle a tristeza que lle dá o feito de que non queira xogar con el, porque o que máis desexaba é que puideran ser os mellores amigos para sempre. Ela dáse conta de que é o que tamén desexa e confésalle a súa vergoña. Nada hai mellor que a sinceridade. Leo fálalle desde o corazón, tamén el ten vergoña ás veces e ademais pode mostrarse un pouco berrón e mandón. Agora si que poden xogar, a todo, a facer chulas e a ser rockeiros do espazo.  Un cachorro de lobo e un ratiño poden xogar xuntos, só llo pode impedir a vergoña dun deles e, quen é o máis animoso? pois, o ratiño! (non vos deixedes levar por prexuízos)

Falar de que se sente, dos afectos, das emocións... é máis necesario que nunca, para continuar sendo humanos, para que nos importe o que pasa, para que a indiferencia non nos gane.  Para non perder ningunha oportunidade que compartir e ser felices! 

Ula vergoña? 

Ningún comentario:

Publicar un comentario