martes, 24 de novembro de 2020

3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados en 2019, na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil

 

Estamos de noraboa. Unha das editoras galegas, Kalandraka, acaba de ser premiada.

Bichopoemas e outras bestas de Leire Bilbao ilustrado por Maite Mutuberria e traducido ao galego por Isaac Rubín foi distinguido polo MInisterio de Cultura co 3º Premio Nacional a los Libros Mejor Editados en 2019 na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil “pola súa maquetación limpia con ilustracións orixinais e coherentes cos textos”. Este libro xa conseguira o Premio Euskadi de Literatura 2017 e o Premio Kirico al Mejor Libro Infantil y Juvenil de 2019.

 

domingo, 22 de novembro de 2020

De premios en Banda Deseñada


A proba de auga de Anémona de Río resultou ganadora do I Premio Banda Deseñada O Garaxe Hermético, publicada agora na colección Merlín Cómics de Xerais.
É unha boa noticia esta colaboración da editorial Xerais coa escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko da Silva. Están a faltar cómics en galego, especialmente para primeir@s lector@s. Xerais botou a andar coa serie de Marcopola.
Así nos presentan o seu resumo:
"Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba."
Unha viaxe polo corpo humano, relacionándose cos glóbulos vermellos, as neuronas, bastón e conos que andan polos ollos, vacinas, leucocitos... pasando polos diferentes órganos e vísceras. Algo que non po

derás esquecer, especialmente nestes tempos de virus.

xoves, 19 de novembro de 2020

Localismos, facéndolle fronte dende a LIX

Meigas fóra! de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván R. vai diso, de dúas vilas veciñas entre as que se establece unha rivalidade. Unha quere ser máis que a outra e a outra máis que a unha, gastando o que non teñen para destacar e quedar por riba. Os principais responsables o alcalde de Leira e a alcaldesa de Beira que andan a ver quen ten máis poder, sempre fachendeando. O punto álxido chegou na noite de San Xoán, o alcalde pediulles que talaron todas as árbores para ter a cacharela máis grande e a alcaldesa pediu que queimaran mobles e roupa. Foi tanto, que se queimaron as estrelas do ceo, a lúa escapou e o mar secou, daquela os veciños decidiron marchar e fundar unha nova vila na que conviviron os de Leira e os de Beira porque cando se atoparon déronse conta de que estaban ben xuntos en Feira.
Aproveita o autor para achegar a canción do San Xoán e as flores que han de recollerse  para lavar a cara ao día seguinte. Polo tanto, un libro para esa festa e a crítica aos localismos, na colección Merlín.

domingo, 15 de novembro de 2020

LIBRARÍAS... DENDE 1880

Dende 1880 de Pietro Gottuso é o XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. 

Un libro silencioso que nos mostra un anaco de rúa ao longo de 140 anos. Daquela, en 1880, ábrese a libraría que permanecerá vixiante ata a última década. O tempo representado, por un Cronos impasible, mira dende o alto do portal aos humanos e os seus aconteceres. A libraría é familiar así que nos vai mostrando toda a árbore xenealóxica que se vai facendo cargo do negocio. Do outro lado do portal, un café que posteriormente pasa a ser galería de arte que nos mostra, a través do seu escaparate, as correntes de cada momento; máis tarde, pasará a ser unha tenda de electrodomésticos ou un lugar de acceso a internet... A rúa vai sendo ocupada polas modas e os movementos históricos, os autos e as roupas de cada momento. Todo vai seguindo o seu curso e nós podemos ver o avance histórico observando esas imaxes que o din todo.  Rematamos vendo as caras cubertas cos tapabicos por segunda vez porque xa a principios do XX estiveran aí. A imaxe final vainos dar para pensar e teremos que escoller se nos apropiamos da esperanza ou desistimos, se decidimos actuar cando estamos a tempo ou nos deixamos levar. 

O futuro está nas nosas mans! 

venres, 13 de novembro de 2020

Venres 13 de novembro, Día das Librarías


Miralas. Entrar a mercar o libro que temos na cabeza. Pedirlles asesoramento acerca de novidades que descoñecemos…

A libraría forma parte dese comercio próximo que debemos manter para conservar calidade de vida. Soster o ecosistema. Diso sabemos moito a xente de aldea. Comezamos a coller o coche para ir ás grandes áreas comerciais, íase ás vilas a tomar o café e… ao final quedamos sen tabernas nas que reunirnos, sen comercios dos que tirar no momento que precisamos sen necesidade de coche.  Agora, só se ve a xente na misa. Non hai onde ir buscar esas galletas que precisamos. Quedamos orfos, sen lugares nos que facer comunidade, con menos recursos que os que tiñamos antes, con menos servizos… As librarías son parte diso, o comercio de barrio, a cultura ao pé da man. 

Nas aldeas, neste momento, escóitase a chamada do panadeiro e os múltiples coches que fan reparto dende amazon oou calquera comercio virtual. Cada día máis pechados dentro das casas, cada xornada un pouco máis lonxe unas casas das outras.

Volvamos. E como parafraseando un anuncio coñecido, “Vivamos como vecinos”. Despracémonos a esa libraría que nos serve o que precisamos e cando o precisamos sen necesidade de facer máis ricos ás grandes empresas estranxeiras.

Por que seguir defendendo o de outros e non o noso? Por que  seguir cargando co complexo de inferioridade? Por que entregarlles os nosos cartos aos que non pagan impostos no noso país? Por que permitir pechar comercios para pagar máis desemprego (cando iso si que o pagamos nós)? Eses, tamén nos poden servir os libros na casa, se estamos angustiados e non nos sentimos con forza para saír. Eses, ademais dos libros, igual nos preguntan como estamos…

Vaiamos á pequena libraría, non á das grandes superficies se non á próxima, á do veciño e a veciña. E merquemos o que queiramos, é un bo día para facelo, para darnos ese gusto e darllo a outros/as agasallándoos con esta desculpa: “É que é o Día das Librarías, sabes?” E ogallá o exemplo se espallara (en vez do coronavirus) e andiveramos todos na roda do agasallo, o único que é cultura e non consumo.

Hai novidades e hai libros sobre libros, sobre os lugares e as persoas que andan entre libros. Hoxe recoméndovos:

Catro cartas. Un libro de Xabier P. Docampo que é unha boa lectura para todos e todas. Cartas a ten nos inoculou o virus da lectura.