sábado, 28 de abril de 2018

Violación, tamén, na literatura xuvenil

 
Estes días nos que a palabra violación, abuso ou agresión sexual, violencia de xénero... están nas nosas cabezas e nas rúas, hai que lembrar un libro: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre.
Dúas amigas, á volta dunhas festa, entran  no coche duns mozos sen desconfiar. Prodúcese a violación e é horrible, pero máis tremendo aínda (polo que supón de violación simbólica repetida) son os tempos que seguen. A decisión de se denunciar ou non, facelo e ver a reacción da policía, dos medícos, dos medios de comunicación, dos veciños e coñecidos,... o xuicio público a elas; as dúbidas que as acosan a cada instante sobre a decisión tomada e sobre todo, sentir que son elas as que teñen que defenderse porque todo semella estar en contra. 
A ficción, neste caso, non é máis dura que a realidade. Ler esta novela achegaranos a ese ... proceso.
Poucas veces a mitoloxía se aproximou tanto a unha historia actual e poucas veces unha fotografía de cuberta foi tan connotativa. Victoria Dielh lévanos da pel ao mámore, da rapaza actual á mitolóxica para facernos pensar algo máis.

mércores, 25 de abril de 2018

Novidades de literatura xuvenil

Segredos no Solpor é o segundo libro de Iria Misa, a autora ganadora do Jules Verne con Xa non estou aquí.
Nesta entrega sitúanos no hotel dunha vila da costa, nun verán. Este enclave fainos pensar na cantidade de películas e series enmarcadas nese tipo de lugares, a relación entre os traballadores e donos do hotel cos clientes... pero neste caso vai ser unha adolescente a protagonista, unha moza que anda de amores e escapadas pero que no comportamento familiar continúa a ter moito de nena.
Violencia de xénero en dúas xeracións distintas (a duns pais pero tamén a dos adolescentes actuais) e un vello segredo que xira arredor de sexualidades non predominantes en tempos pasados.
As lembranzas perdidas no lago Antelväri de Xosé Duncan.
O autor, especialista en fantasía e terror, consegue o seu obxectivo. Un lago, persoas maiores que se van a vivir en casiñas na natureza. Unha sociedade de asistencia á terceira idade, medio de beneficencia, que oculta algo do que non se pode nin debe falar. Esoterismo e seita. Terror en estado puro que sempre vai máis alá do que podías pensar.
Como sempre, toca pensar nas relacións con algunha outra sociedade que poida andar preto de nós...  porque nada é tan tremendo como a realidade.

martes, 24 de abril de 2018

Poesía de premio: "Cara de velocidade"

Cara de velocidade resultou gabadora do X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía.
Fálase na presentación editorial da literatura como bálsamo, da necesidade de acompañar un proceso de enfermidade cos versos, de loita contra a enfermidade a base de referencias a cancións...
Porque é unha heroicidade superar cada un dos obstáculos, pero hai que facelo botándolle humor, porque como se recolle na cita de Narf "somos dunha tribo que acredita no futuro" e non hai mellor maneira de facelo que coa poesía, con boa poesía que vai ao encontro da sensibilidade e se acompaña dunhas magnificas ilustracións.
O derradeiro poema leva por título "Teletransporte urbano" e di así:
As superheroínas   
viaxan 
á velocidade da luz 
en patinete.

luns, 23 de abril de 2018

23 de abril, dia do libro

E nada mellor para celebralo que enlazar coa páxina de bibliotecas escolares e acceder ao marcapáxinas conmemorativo, esta vez co texto de Fran Alonso: 
"Se queres que os demais che digan o que tes que facer, non leas. Se queres que os demais che digano que tes que pensar, non leas. Se queres que a publicidade che diga o que tes que mercar, non leas. Se queres vivir coma un robot que outras persoas programan, non leas. Non leas, porque a lectura é incómoda. Non leas porque a lectura che revolve a cabeza. Non leas porque a lectura te pon contra as contra as cordas. Non leas, porque a lectura é rebelión. Así que, por favor, é mellor que non leas."

xoves, 19 de abril de 2018

Carlos Negro, premio dos Clubs de Lectura... e con el chegou a poesía!


Desde que se creara o Premio dos Clubs de Lectura, fóronse recoñecendo os xéneros da narrativa de Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas, o de banda deseñada representada por Miguelanxo Prado e o da poesía, este ano, por medio de Carlos Negro.
Este é un premio sen xurado ou cun xurado formado por miles de lectores e lectoras, porque o autor ou autora ganador é aquel do que se leron máis libros, ao longo do curso anterior, nos máis de douscentos centros de Secundaria con club de lectura.   
Makinaria e Penúltimas tendencias foron libros moi escollidos por este lectorado, que seguramente continuará ledo outras obras de Carlos Negro.
Facémonos eco da noticia publicada pola Asesorís de Bibliotecas Escolares na páxina Ler en mancomún

luns, 16 de abril de 2018

María Victoria Moreno no 8 de abril, Día do Pobo Xitano

Como se nos puido pasar, un día como ese sen lembrar a María Victoria Moreno?
Ela que escribiu un texto no que non só os lembrou, que non só denunciou a súa discriminación senón que, tamén, introduciu a súa lingua xunto coa galega cunha maridaxe perfecta. Lembrémolo:
"(...) Canto nos gustaron sempre as palabras! Lémbraste, meu Adonay? Hainas con música que agarima os oídos -calochí, pesquibén, chipicallí, armensallé-; hainas que se pintan en cores polas paredes -custañí, nacardar, chibel, chalachí-; hainas que esvaran pola pel coma as bágoas quentes e amargas - brijinda, tarachí, pañibarí, bielima (...)"
"(...) Adonay, meu calochí, mañá loce o sol e abre a escola, dixérono pola radio. Tamén dixeron que ti non estarás, mais eu non desespero. Este luceiro que sempre brillou cando os ollos de "Pan con Chocolate" pousaban á par no mesmo armensallé, na mesma paisaxe e no mesmo ensoño segue vivo. Está no mar que se ve desde a porta da túa casa? Iso non o sei, mais xúroche que o terei acotío no meu horizonte.
- Chamuchí? -parece que me pregunta ese buratiño de luz que remata de abrir no ceo. (...)"

domingo, 8 de abril de 2018

Constelacións literarias II. As "Rapazas" e o seu mundo.




Poucos libros de ficción, como este de AFP, conseguiron mostrar tan ben o mundo das adolescentes e as discriminacións de xénero a que se ven sometidas. De aí que comece por el, en xeral, e por cada un dos seus relatos (en particular) para elaborar unha constelación literaria que podería chamarse "As rapazas e o seu mundo".
Vou escollendo as claves que definen o volume:
Mulleres protagonistas absolutas de todos e cada dos conto. Neste sentido podemos constelar coa maioría das obras de AFP: Trece anos de Branca, As flores radioactivas,...
Libros de relatos: Contos por palabras; Amor dos quince anos, Marilyn; Tres pasos polo misterio; O único que queda é o amor... todos de Agustín Fernández Paz.
E as claves que definen cada un dos contos:
"A última meta". O mundo do deporte: Corredora de María Reimóndez... Un loto na neve de Gonzalo Moure, Lume de biqueira de Vázquez Pintor, Déixao medrar de Silvestre Gómez Xurxo, "O partido de Reis" en Madomna e outros contos de inverno de Manuel Rivas.
"Querida avoa", os prexuízos ante o "outro" (a avoa trátase a respecto dos africanos que venden na rúa). O meu nome é Skywalker, Lúa do Senegal de AFP, "Pan con chocolate" de María Victoria Moreno, A lagoa das nenas mudas ou A pomba e o degolado de Fina Casalderrey, Salitre de Jaureguizar.
"Unha pedra na area", a superación dun problema (a vergonza de ver os seus sentimentos ao descuberto). A Pomba e o Degolado; Asústate, Merche de Fina Casalderrey.
"Visitante das estrelas". Ciencia ficción e extraterrestres: A serie de Said e Sheila de Ramón Caride,  Proxecto Pomba Dourada de Miguel Vázquez Freire, Moncho e Dríar de María G. Yáñez, as obras de Bradbury Crónicas marcianas ou Fahrenheit 451. Ecoloxía: As flores radiactivas de AFP, a serie de Said e Sheila de Ramón Caride, O rescate do peneireiro de Marilar Aleixandre, A Terra de Anna de Jostein Gaarder e Sementes de Sonia García Vidal. 
Diglosia: Made en Galiza de Séchu Sende, Comedia bífida e Menú de enganos de Núñez Singala.
"Un curso con Ana" Feminismo: O segredo da Pedra Figueira de Mª Xosé Queizán; A expedición do Pacífico, Rúa Carbón, A filla do Minotauro, A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre; Usha, Volvo! O regreso de Usha, Corredora, O club da calceta de María Reimóndez, Marta e a píntega de Eli Ríos.
"Dúas rosas murchas", a morte e o misterio: Tres pasos polo misterio, Cartas de inverno, Aire negro, Noite de voraces sombras, Corredores de sombra, As fronteiras do medo, A neve interminable de AFP

venres, 6 de abril de 2018

Catálogo do mellor da LIX do 2017, publicado pola OEPLI

A OEPLI ven de publicar, por primeira vez, un catálogo do que se consideran as mellores publicacións de LIX do ano 2017 nas diferentes linguas oficiais do Estado.
Con motivo desta selección, caemos na conta de que o número de publicacións deste tipo en galego foi menor que en euskera nese ano. Algo que asusta e nos compromete (a todos e todas) a facer algo, o que sexa!
Dos 200 libros que compoñen o catálogo, pola produción en galego corresponderíannos 11 títulos en galego fronte aos 13 do euskera. Isto fala moito da falta de apoios institucionais á publicación en galego de literatura infantil e xuvenil, fala moito do papel das editoriais, e ata dos mediadores. Que nos está a pasar? É que imos desaparecer sen unha queixa?
Ao final, en plan solidario, aceptouse na OEPLI (e co acordo de todas as súas seccións: GALIX, Clijcat, Consejo General del Libro e Galtzagorri) que houbera 10 títulos de partida e cada lingua, para engadir, a continuación, os que corresponden por produción. Desa maneira contamos con 21 títulos en galego.
Aquí, neste enlace,  pódese acceder ao catálogo.

mércores, 4 de abril de 2018

luns, 2 de abril de 2018

A mensaxe e o cartel do Día do Libro Infantil


Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for  Young People) promove a celebración do 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen. 
Como símbolo de unión entre os pobos do mundo, cada ano un país membro do IBBY é o encargado de seleccionar un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para que redacten a mensaxe e deseñen o cartaz para todos os nenos e nenas do mundo.
No 2018, o país encargado é Letonia: a mensaxe é unha creación da escritora e editora Inese Zandere e o cartaz, do recoñecido ilustrador Reinis Petersons.