domingo, 30 de abril de 2023

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O reverso de Funworld

Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O reverso de Funworld é un libro de Abraham Carreiro publicado por O Papagaio.  Unha nova aventura, despois dun par de títulos publicados por Sotelo Blanco. Xoeliki é un neno de once anos introvertido e tímido. Xoga aos videoxogos on-line e bota horas chateando na Internet. Pasa moito tempo só porque a nai traballa todo o día e o pai morreu hais uns anos. A súa vida é moi rutineira, xira arredor da casa e do colexio, ata que un día ocorre un feito misterioso que lla cambiará por completo: recibe un paquete sorpresa. Isto levarao a vivir aventuras, coñecer amigas e amigos como Ari, o sabio Barbabranca, o enigmático Maverick, Centulo –profesor de Programación e Desenvolvemento- e algún inimigo como Mr. Virus. 

Esta entrega preséntasenos así: "Funworld é o metaverso de moda. Un mundo virtual feito á medida das crianzas, con infinitas opcións para pasalo ben, pero cun reverso endemoñado oculto. Co paso dos días, Funworld vaise convertendo nun mal soño do que é difícil escapar! Xoeliki, Ari e a Resistencia Pirata farán todo o posible para acabar con el. Para conseguilo, contarán coa axuda dos Dixitais, uns personaxes creados e programados exclusivamente para traballar no metaverso, pero que tamén desexan fuxir e ser libres. Unha historia de aventuras trepidante, que demostra que as marabillas do mundo real nunca poderán ser igualadas por un mundo virtual!"

xoves, 27 de abril de 2023

Libros de Rocío Bonilla

Grazas. Historia dun rueiro é da autoría completa de Rocío Bonilla, traducido ao galego por Elvira Ribeiro Tobío e publicado en Algar.

Así se presenta: "Grazas a unha avaría inesperada, a vida do rueiro vai mudar totalmente. Grazas á curiosidade e á empatía,os veciños e veciñas van chegar lonxe, moi lonxe. E farano xuntos. Unha historia sobre a convivencia e as relacións humanas. Unha historia sobre todos nós."

Comeza así: "Había unha vez un ru
eiro coma moitos outros. Tiñas casas, farois, árbores... e veciños que non se coñecían." Cada un coas sáus características, cada un imaxinando como eran os demais, desconfiando deles, ignorando como vivían ou o do que gustaban ata que un día sucedeu esa avaría inesperada que os vai poñer en contacto, porque uns poden axudar aos outros, facer cousas xuntos e divertirse moito máis. Contar cos demais!  Pasar da incomunicación á solidariedade...

A cuadrilla dos 11 da mesma autora e publicado tamén en Algar, neste caso traducido por Bruno Martínez. A presentación explícao de maneira moi clara: "Cando o invitaron a unirse a aquela cuadrilla, Benxamín sentiuse importante. Era extraordinario formar parte da cuadrilla dos 11. Todo o mundo os admiraba e respectaba! Mais... era admiración de verdade ou simplemente lles tiñan medo? Benxamín tiña que tomar unha decisión: seguir sendo o peixe número 11 ou defender a amizade e o verdadeiro respecto." Porque si, o peixe antes de ser o número 11 chamábase Bruno, era tímido e xogaba cos outros, cando apareceu a cuadrilla convidárono só a el a ir con eles, sentiuse importante de converterse no número 11, sentíase ben porque todo era máis doado ao non ter que tomar ningunha decisión, só seguilos... ata que deixou de facerlle gracia tanto divertirse a conta dos demais e decide deixar de seguir aos outros 10. O mellor de todo foi que os outros tamén foron caendo na conta de que aquelas brincadeiras tapouco lles parecían tan divertidas e un a un foron abandonando a cuadrilla. 

Moi didácticos, certo, pero moi ben montados, moi ben ilustrados. Ambos contaron con axuda do Ministerio.

luns, 17 de abril de 2023

Seguimos co Camiño...

Mar de Santiago. A Xénese do Camiño de Alberto Cacharrón Mojón está publicado por Teófilo Edicións (unha garantía de bo facer dende as gardas ao texto, as ilustracións ... Publícase coa colaboración dos concellos de Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures. Narra partindo da Ruta espiritual do mar de Santiago, o Libro Sacro da Cristiandade, a Narratio Xacobea, a Historia de Santiago o Maior, Os Cinco Feitos (A Traslatio, A Revelatio, A Inventio, A Comunis e A Divulgatio), O mito Santiaguista, A ruta do Mar de Santiago e Os Símbolos do Camiño. Ese camiño que vai marcado polos cruceiros que aboian no mar. Un libro bilingüe, en galego e castelán (co título en castelán, para non asustar) e co selo da Xunta de Galicia.

Entre tanto libro sobre o Camiño, este pode ser un dos mellor trazados.

As aventuras do cabaleiro de prata (que era dama ou cabaleira) forma parte da colección "A miña primeira aventura de..." (neste caso de cabalarías), escrito por Ana Mariño e ilustrado por Iago Torres (nuns debuxos sinxelos a lapis pero ben acaídos), traducido por Alba Rozas e publicado por Boadicea editora.    

De vez en cando aparece unha páxina deseñada ao estilo do xénero para explicar algunha das cuestións que aparecen no libro, poden levar código QR... A primeira delas que fala de Lingua minorizada debe sinalarse "Unha lingua minorizada é aquela que, como ocorre co galego, ve restrinxido o seu uso en determinados ámbitos como poden ser a xustiza, a administración, os medios de comunicación ou o ensino, aínda sendo historicamente a propia dun pobo. Isto débese a que a sociedade, ou parte dela, non lle outorga o mesmo prestixio que a outra lingua coa que convive, no caso do galego, o castelán. De xeito que, se os falantes non fan por revertir esta situación, a lingua minorizada pode chegar a desaparecer."

martes, 11 de abril de 2023

Coleccións traducidas (Cumio...)

 

De Susana Peix, con diferentes ilustradores/as, traducidos por Iolanda Mato e publicados por Cumio. Xa vimos varios, a colección enteira conta con Miko, Un lobo de conto, Planeta Q Un lugar onde vivir, Un elefante no deserto africano e os dous que presento hoxe: De quen é este ovo (ilustracións de Anna Mongay e Carnaval animal (ilustracións de Roger Zanni). Aparecen recomendadas para máis de seis anos, ese lectorado que se bota a andar con ánimo e engade outros formatos ao álbum ilustrado. A autora é bibliotecaria pero podería ser psicóloga, ao final do conto engade unha explicación ao obxectivo que conduce a mensaxe, no primeiro caso: a curiosidade, a paciencia e a tenacidade; no segundo libro: o apoderamento, a amizade e o valor. 

Cando todos os animais están incubando os seus ovos hai un apagamento e aparece un novo no centro do curral, entre todas vano quentando, por quendas sabendo que non e seu, o día sinalado nace un crocodilo... agardamos que non os coma! O outro libro coloca a todos os pequenos animais do parque preparando a festa de disfraces para o entroido, pero o rinoceronte branco cando lle pregunta ao pai dille que eles son solitarios e non van a festas, o resto dos amigos acoden a convencelo e conségueno. Vaia festa!


domingo, 9 de abril de 2023

O xardín das sete portas de Concha Castroviejo

O xardín das sete portas de Concha Castroviejo aparece agora, traducido por Felicia Estévez e publicado por Belagua.

Así e presenta:"Catorce contos e unha obra teatral que lle dá título compoñen este volume co que Concha Castroviejo gañou en 1961 o Premio Doncel (Contos). Historias cheas da maxia, a fantasía e a cor dos paraísos que coñeceu a súa autora. Rescatámolo agora traducido ao galego por Felicia Estévez, con suxestivas ilustracións de María Lapido, e prólogo de Raquel Conde Peñalosa, estudosa da literatura feminina e especialista na obra das escritoras da posguerra española. "

O prólogo sitúa a autora no contexto familiar (e histórico) e a obra dentro da literatura da súa época. Unha atmosfera algo distante que nos fala dunha fantasía especial na que vellos e nenos sofren penurias pero contan co afecto e a ilusión, de nenos que queren coñecer o sono e o agardan espertos, de países nos que é posible cambiar a realidade para que podan volver os paxaros (canta esperanza esa de cambiar a guerra e a rapiña pola agricultura), de pardais e lúas, de sereas perdidas por presunción, de Matías o perseguidor da lúa, de anos que se perden, de tecedeiras que han de buscar o seu lugar para poder debuxar soños con fíos... e unha obra de teatro que lle dá título ao libro no que unha velliña agarda polo pintor que poda crearlle o xardín e a casa onde ser feliz cos nenos que foxen do asilo. Un halo de misterio, a esperanza nun mundo paralelo, unha mirada a animais e humanos máis alá da convención... 

Un pracer recuperar estas historias ás que -para o meu gusto- lle sobran cores para que os enigmas, os segredos que non se din... o que permaneza oculto teña o seu lugar.

venres, 7 de abril de 2023

Libros de non ficción en galego

O gran libro das nosas cousas de Blanca Millán publicado por Cumio. Trátase dun libro de gran formato no que se presentan imaxes cos seus correspondentes nomes en galego e inglés, divididos nos temas: flores, lonxa, bichos, casa, praias, roupa, mar, monte dende arriba, monte dende abaixo, escola, gandeiría, horta, réptiles, xogos, música, colleita, vila e cociña. Así se presenta: "O mundo está cheo de cousas marabillosas, algunhas naturais, outras fabricadas polo ser humano, pero todas elas únicas e moi valiosas. Este libro é unha viaxe ilustrada polas cousas do día a día, desde os pequenos insectos do xardín ata os xigantescos cachalotes do noso fondo mariño". 

O gran libro das nosas cousas é un libro sobre todo o que nos rodea. Nel atoparás máis de 600 palabras divididas en 18 temas e acompañadas da súa ilustración correspondente, que che axudarán a coñecer e mellorar o teu vocabulario de maneira amena e divertida. Ademais inclúe a súa tradución ao inglés, para que poidas sacarlle aínda máis partido.

Outro libro de Blanca Millán, tamén publicado por Cumio e co mesmo formato é O gran libro da nosa horta. Así se presenta: "Ter unha horta na casa está ó alcance de calquera. Só precisas saber algunhas cousas e poñerte mans á obra. Neste libro atoparás todo o que precisas saber para creares a túa horta na casa e dende cero. Coñecerás o lugar perfecto para ela, os procesos de semente e colleita e os cultivos que podes poñer en cada época do ano para así ter froitas e verduras frescas cada día." E diso se ocupa, xa non de poñerlle nomes ás cousas senón de acompañarnos no cultivo.

martes, 4 de abril de 2023

O libro de Urberuaga e Javier Zabala

 

Peixe de Emilio Urberuaga e Javier Zabala, traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú.

Unhas magníficas ilustracións. Unha historia para ler: o peixe está farto de ver sempre os mesmos peixes e plásticos na auga, así que salta á praia, afaise a estar na area, incorpórase na aleta e camiña, pérdese na cidade. Case cae nas bocas duns gatos pero un vexetariano sálvao, lévao onde ictiologo e... non acaba aquí a historia porque o noso peixe tamén cansa de estar na terra e veredes que atopa solución. 

As ansias de liberdade e o inconformismo dun celacanto que darán moito que falar.

domingo, 2 de abril de 2023

Un libro que dá moito que pensar... Un libro para ter en todas as bibliotecas!

O magnífico mundo das profesións. Descubre o que poderías ser de maior de Pavla Hanackova e Hana Mokrosova, ilustrado por Helena Harastová, traducido por María Reimóndez e publicado por Baía.

Así se presenta: "Algunha vez tentaches contar cantas profesións hai? Imposible, verdade? Que haxa tantas é algo fantástico porque permite que cadaquén atope o traballo que máis lle preste. Tanto se che gustan os ordenadores, a danza, a música, a historia, as matemáticas, o transporte, o espazo ou as profundidades do océano, de maior eses afeccións poden levarte a interesantes oficios! Acompáñanos para saber un chisquiño máis das profesións menos coñecidas pero que máis moven o mundo hoxe en día. Descubre que habilidades precisa a xente que se dedica a cada cousa e o que lle gusta do seu traballo para así atopar a chave que fará os teus soños realidade!"

Vale a pena. Parte dos gustos persoais para introducirnos nun universo de oficios ao redor. E vai dun a outro: Interésanche os ordenadores? Gústanche os coches, avións e outras máquinas? Interésache o espazo? Préstache explorar o mundo? Adoras os libros? Préstache debuxar e fabricar cousas? Gústache expresar a túa creatividade? É a música a túa mellor medicina? Préstache bailar e ser o foco de atención? Interésanche os animais? Vives para a natureza? Gústache axudar outras persoas? Gústache traballar coas persoas? e Interésanche a cociña e a comida? Ao abrir un destes melóns imos atopar moito zume, por exemplo, o primeiro deles vai dar programadora, técnica de sistemas, animadora por ordenador, deseñadora web, especialista en ciberseguridade, creadora de videoxogos, administradora de rede, creadora de modelos dixitais de terreo, creadora de apps, deseñadora de son ou influencer. E si, xa sei que houbo algo que che chamou a atención, igual que a min, pero María Reimóndez explícao moi ben: "Como profesión é feminino e persoa tamén, aquí falaremos sempre nese xénero para axudarche a descubrir que profesións interesantes, mesmo abraiantes, poden ser para ti"

Seguramente a tradución é moi libre pero resulta marabillosa. Estamos ante un libro cunha linguaxe coeducativa a tope, un texto que reverte o normativo dándolle moito valor á muller aínda cando as ilustracións mostren homes, exactamente igual que cando lemos da maneira convencional (ao revés). Un libro para ter en cada biblioteca!