Amosando publicacións coa etiqueta Edicións do Cumio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edicións do Cumio. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de agosto de 2025

Libro de coñecemento

O gran libro dos nosos mares de Blanca Millán está publicado por Cumio formando parte desa colección "O gran libro de", todos eles desta autora que xa publicou o da nosa horta e o dos nosos montes. Unha ilustradora e divulgadora que neste caso nos pregunta: Sabías que máis do 70 % da superficie terrestre está cuberta de auga salgada? Este dato pon en valor a importancia dos mares e océanos nas nosas vidas, así como nas de miles de especies animais e vexetais que fixeron deste inmenso hábitat o seu fogar.

Nas páxinas deste libro, agardante moitos datos curiosos, ideas inspiradoras e actividades divertidas para que explores o mar en toda a súa grandeza. Ben sexa que esteas a gozar dun día de praia, explorando o porto ou practicando algún deporte acuático este libro convídate a mergullarte nunha viaxe emocionate. Embarcaste nesta aventura?

Olibro consta dos seguintes apartados que nos falan da súa riqueza e variedade: Un mar de auga, O mar sempre en movemento, Os nosos mares e os noso ecosistemas, Aves á vista!, No verán imos á praia, Na area tamén se pode vivir, O mar tamén ten plantas, Quen vive no mar?, Como peixe na auga, Tempo de deportes acuáticos, Un paseo polo porto, O mar dá moito emprego, Imos de pesca, O mar é unha delicia, Unha pesca sustentable,Un océano en perigo, Os nosos mares necesítannos,Un mar dentro da casa e E agora, a xogar! Polo tanto, remata con xogos e actividades na natureza, para diferentes idades.

sábado, 1 de xuño de 2024

Na colección Lemos +6

Dous novos títulos: O rei Medorento de Susana Peix e Héctor Borlasca (o medo á escuridade fai que o monarca non deixe durmir aos súbditos que han de traballar pola noite e manter todas as luces prendidas para espantar os fantasmas, polo día van andar todos medio durmidos así que o rei ha de buscar unha solución que lle dá unha meiguiña que resolve o problemón) e O mellor gato da vila ("A Calcetíns encántanlle os ratos, pero non para comelos. Gústalle brincar con eles. Agarda a que saian do seu agocho e perségueos pola casa. Mais iso non é o que espera a súa dona del. Calcetíns terá que demostrar que é o mellor gato da vila para seguir vivindo na casa. Será quen de conseguilo?") da mesma autora e Brenda Figueroa en Cumio.

Da presentación editorial:"Ao rei Fear dáballe medo a escuridade. Tiña tanto medo que se encerraba na súa alcoba cada noite para non ver como o sol desaparecía no horizonte. Necesitaba atopar unha solución ao seu problema. No palacio ninguén durmía pola noite, así que decidiu buscar o sabio máis sabio do reino..."

Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe facilitar a lectura a toda a rapazada

Lemos +6 é unha colección creada para fomentar e gozar da lectura por pracer, a través de historias frescas que teñen un transfondo cheo de valores: solidariedade, amizade, honestidade, perseveranza… Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións. Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe para facilitar o acceso á lectura a todos os nenos e a todas as nenas."

mércores, 1 de maio de 2024

Esmendrelle, unha colección de libros seleccionados por El Hematocrítico

Seleccionados e traducidos por El Hematocrítico. O que resulta algo especial se contamos con que os seus propios libros son normalmente traducidos ao galego por outros, pero alegrámonos infinitamente que agora o faga el cos desta colección. 

Vai polo pan de Jean - Baptiste Drovot publicado por Edicións do Cumio.

"Neste primeiro libro o noso protagonista Manuel recibe o encargo de ir polo pan á súa vila. A Manuel encántalle o pan, pero tamén pasear e claro, despístase un pouco de máis polo camiño e, cando chega, evidentemente a tenda está pechada. O que comeza como un simple recado convértese nunha aventura épica e trepidante cando Manuel tenta conseguir o pan dun xeito menos habitual (...) Un libro axeitado para explicar aos nenos que non todo sae sempre segundo o previsto! As delicadas ilustracións de cada páxina están rodeadas por unha fina liña negra co texto debaixo, o que reforza a sensación de estar nunha historia de aventuras".

O que tal lle pasa a Manuel cando vai polo pan... e cando volve, despois de mil aventuras nas que corre moito, pero que moitos riscos, a nai pregúntalle: - E o pan?  Como son as nais e a vida cotiá!!!

luns, 9 de outubro de 2023

Un libro divulgativo

Pícache a curiosidade? de María Canosa e Ro Ledesma, está publicado por Edicións do Cumio e preséntase así: "O queixo procede dun líquido, o cacao dunha semente, o algodón obtense dunha planta e a la dun animal. Tanto o queixo, como o chocolate ou a la, poden viaxar nun avión, pero tamén fan viaxes polo mundo a auga e a electricidade. E a túa mente... ata onde é capaz de viaxar?

Din que o mellor das viaxes non é o destino, senón o propio camiño. Velaquí un libro no que descubrirás a andaina que el mesmo fixo para chegar ata ti, pero non só iso, senón que tamén te guiará na viaxe de obxectos, materias ou enerxías que habitan ao teu redor. Quizais non sexas consciente de cantas travesías marabillosas acompañas. Queres descubrilas? Non necesitas cinto de seguridade para esta viaxe, nada máis que unha mente inqueda que che permita descubrir a orixe das cousas."

Interesante, non? Un percorrido pola auga e a luz, a electricidade, a lan, o mel, o chocolate, os avións, as tormentas, os libros, o ouro, o noso corpo, o cerebro ou os tres RRR da sustentabilidade. Entender o funcionamento de todo canto utilizamos ou nos rodea é a finalidade deste libro, axudar a resolver as dúbidas: como viaxa a información polo noso corpo, como se fan os lingotes de ouro, por que se producen as tormentas, como pode voar un avión sen mover as ás, de onde sae a auga que utilizamos ou como chega a auga ás billas das casas ou a onde vai a auga dos baños... algo de todo e a promesa de continuar.

martes, 11 de abril de 2023

Coleccións traducidas (Cumio...)

 

De Susana Peix, con diferentes ilustradores/as, traducidos por Iolanda Mato e publicados por Cumio. Xa vimos varios, a colección enteira conta con Miko, Un lobo de conto, Planeta Q Un lugar onde vivir, Un elefante no deserto africano e os dous que presento hoxe: De quen é este ovo (ilustracións de Anna Mongay e Carnaval animal (ilustracións de Roger Zanni). Aparecen recomendadas para máis de seis anos, ese lectorado que se bota a andar con ánimo e engade outros formatos ao álbum ilustrado. A autora é bibliotecaria pero podería ser psicóloga, ao final do conto engade unha explicación ao obxectivo que conduce a mensaxe, no primeiro caso: a curiosidade, a paciencia e a tenacidade; no segundo libro: o apoderamento, a amizade e o valor. 

Cando todos os animais están incubando os seus ovos hai un apagamento e aparece un novo no centro do curral, entre todas vano quentando, por quendas sabendo que non e seu, o día sinalado nace un crocodilo... agardamos que non os coma! O outro libro coloca a todos os pequenos animais do parque preparando a festa de disfraces para o entroido, pero o rinoceronte branco cando lle pregunta ao pai dille que eles son solitarios e non van a festas, o resto dos amigos acoden a convencelo e conségueno. Vaia festa!


sábado, 14 de xaneiro de 2023

Un par de libros para peques

 

Agora somos tres, de Georgio Volpe e ilustrado por Paolo Proietti (con lapis de cores) nun álbum publicado por Edicións do Cumio. O raposo asiste á chegada da primavera. Roibo prepáralle unha sorpresa a Chío, o esquío que está a piques de espertar da hibernación. Presentaralle ao amigo que fixo neste tempo, Bas? Dubida se é boa idea. E se pensa que agora non lle quere? E se agora se fan amigos eles e non lle queren a el? Como o ve raro Bas sígueo, como o ve raro Chío sígueo... así que se atoparán os tres, el confesa os seus medos e todo se resolve. Serán aínda máis felices!

Se eu fose un gato de Paloma Sánchez Ibarzábal, Anna Llenas. OQO. Realizado con colaxe. 

Respostas á pregunta: Que pasaría se fose un gato? O que lle gusta e o que non, o que faría e o que non, o que podería e o que non... pero sempre sería o teu amigo. O mundo das mascotas e o que fas ou agardas delas.

luns, 9 de xaneiro de 2023

 


Milo e loberto
de Gaston Caba publicado en Edicións do Cumio. Unha banda deseñada infantil. Dous seres con cabeza de gato e raposo, ambos con cairos... son monstros? son nenos?

 A rede de Inés de Paula Merlán con ilustracións de Silvia Álvarez, publicado por Lata de Sal. Lapis de cores. Inés pesca con rede peixes que mete na peceira. Os pais pídenlle que libere os peixes... pero queda durmida e soña que está dentro dunha burbulla, así descende ás profundidades mariñas, sentíndose peixe, bate con plasticos e latas; cando volve á casa faino co coproiso de devolver os peixes ao mar e axudar co medio ambiente. Esperta cando os pais a espertan para levar os peixes ao mar e agora xa non pesca peixes senón refugallo.

martes, 3 de xaneiro de 2023

Libros infantís con información e... algo máis

De festa en festa. Un percorrido por algunhas celebracións da península de Ramón D. Veiga, ilustrado por Sr. Reny e publicado por Edicións do Cumio. Vanse presentando as festas seguindo as estacións, en inverno (Noitevella, Vinajera, Carnaval, Fallas), primavera (cerdeira en flor, moros e cristiáns, feira de abril, os maios), verán (a noite das fogueiras, festa dos tabuleiros, descenso nacional do Sella, o cipotegato) e outono (a vendima, festa da rosa do azafrán, magosto e samaín).

Ilustracións enormes e letra pequena para explicalas, localizala, datalas e recoller a declaración, explicar a tradición e engadir unha historia, nota de prensa ou poema relacionado coa festa. 


Quen é quen? de Vera Galindo, Bululú. O mércores ás 12 é o día das máscaras na escola, desta maneira cada un pode ser o que queira. Como sempre pasa, na escola aprovéitase para ampliar coñecementos, para expandirse, polo tanto falarán das máscaras dende a antigüidade e nos diferentes lugares do mundo (Exipto, grecia para o teatro, Xapón, culturas indixenas (chamáns), Idade Media... Nesa hora, xogan, bailan, divírtense e sémtense coma os seus personaxes. Ás 13 horas todo volve á normalidade, agora, seguirán sendo o que queiran ser (científicos, músicas, pintores...) mesmo sen máscaras.