venres, 30 de xullo de 2021

De Helena Villar, un libro na colección Árbore

 

De Helena Villar, un libro na colección Árbore, a partir de oito anos. A fuga de Guillermo tráenos unha historia orixinal e moi ben contada.

Imaxinade o personaxe dunha historia que está nun libro e o libro na biblioteca dunha residencia de tempo libre. Un personaxe, que semella un paxe, porque estaba na historia "Guillermo o pelador de mazás", pero colle medo cando ve un rato que vai morder o libro así que fai un esforzo e sae, salta ao chan e xa é un neno que comeza a moverse polo local, que descobre o comedor e se pon á cola do autoservizo e alí ten un certo problema cunha camareira que pensa que lle toma o pelo cando el lle di a verdade: que seus pais seguen no libro, que el lle ten medo ao rato que anda pola biblioteca, que non está nunha habitación senón que vén do conto... Pero todo se amaña cando descobre a unha señora maior que está soa e tranquila almorzando, sen présa, e se fan amigos; unha relación que nace dunha maneira tan pura e tenra que merecería ser certa. Ela enténdeo, acompáñao, amáñalle a roupa para que non chame a atención e decide que o mellor que poden facer é ser neto e avoa. Que felicidade e que ben contada está esta historia, como se fora o resultado dunha relación así de limpa e respectuosa.

As ilustracións de Luz Beloso traen a maxia dese mundo que está nun tris de ser creado para que a vida funcione mellor, un pouco máis feliz aínda que a tristeza non desapareza de todo.

mércores, 28 de xullo de 2021

Vai de álbumes

Maxia de Julio Fernández Peláez con ilustracións de Francisco Oti Ríos é un álbum abstracto. Unha imaxes nas que non aparece ningunha figura senón que se xoga con cores e formas inconcretas. Un texto no que se fala de cando fan maxia, de cando hai maxia; de como aparece a maxia na natureza ou nas artes, nas cousas ou nos recordos, "cando un barco sae dunha praia ceho de esperanza e chega a outra praia coa esperanza enteira" ou cando despois de tempo sen vernos... nos damos un abrazo. Publicado por Ed. Invasoras.

sábado, 24 de xullo de 2021

Pequenos libros de grandes sinaturas e moi ben artellados


Álvaro ao seu aire é un deses libros que se deixa ler dende o primeiro momento, que che chama con esa imaxe de rapaz amable dende a cuberta, que gozas en cada capítulo. De Monserrat del Amo, traducido por Ana Fachal e con ilustracións de Mª Luísa Torcida, está publicado por Bruño na colección Altamar a partir de seis anos.. Todo axeitado ao que é, porque a historia e as ilustracións van ao seu aire, expresivas e con sentido porque o que conta ten interese e está ben tratado.

A autora na dedicatoria di: "Para ti... Abrir un libro é como saír ao recreo ou ir ao parque, porque entre as súas páxinas tamén te xuntas con outros nenos e nenas para xogar e divertirte. Neste libro espérate Álvaro, un rapaz moi especial que vai ao seu aire pola vida. Seguro que acabaredes sendo amigos." Certo! É imposible non facerse amigo de Álvaro.

Así o presenta: "É enxoito, moreno e xurdo; ten dous remuíños no pelo e chámase Álvaro. Toda a xente do barrio o coñece porque, ademais de ser falangueiro e simpático, ten un brazo algo máis curto que o outro, aínda que non moito, e unha man pequeniña, precisamente a dereita, que non pode mover igual que a outra". Xa está, Álvaro ten un problema, pero el vai pola vida como se iso non tivera valor, proba todo o que lle interesa e cando non pode facelo, déixao e vai a outra cousa; nada o acomplexa, pero moléstalle cando falan do seu braciño como unha "mágoa" (-Fixáscheste nese neno? -Si. -Que mágoa!) que, como el di: "Si,. Xa o sei. Teño unha "mágoa". Pero, que sorte!, nin me pica nin me doe nin nada." As veciñas do piso de abaixo quérenlle a morrer, están sempre pendentes del, dándolle avisos e grandes merendas pero sempre andan co da mágoa e tentando que agache o brazo para que non se vexa. Os pais non, eles enténdeno cando explica "ë que unha mágoa metida no peto non serve para nada, e ao aire, axúdalle á outra man".  

xoves, 22 de xullo de 2021

De vellas historias e novos finais

 

Dormente é unha obra de teatro de Raquel Castro ilustrada por Laura Veleiro e publicada en Galaxia na colección Árbore a partir do 12 anos.

Unha axencia de detectives que precisa un caso. Unha princesa que dorme e non esperta. Un rei que visita aos detectives buscando axuda. Unha braxa Maléfica e o seu fillo Toniño, que lle saiu ao pai mago e bo, unha amiga... Un maleficio do que lle pode salvar un bico e... un final inesperado, ou xa non tanto, porque as princesas tamén teñen as súas querencias e preferencias sexuais que non teñen que coincidir coas dos pais nin coas tradicionais. Unha obra ben artellada con personaxes con verdadeira personalidade propia, cos seus toques de humor e o enredo que sempre achega suspense nas historias de amor (porque eu pensei que ti, pois eu pensaba que...).