domingo, 11 de xullo de 2021

Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

O Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil está convocado polo Concello de Pontevedra, a editorial Cuarto de inverno e o Salón do Libro.

Van alá tres edicións. Antonio Manuel Fraga foi o gañador da primeira edición en 2018 con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa. O xurado valorou a fortaleza das personaxes femininas e o feito de introducir o bestiario máxico galego nun contexto histórico. O II premio, de 2019, foi para Beatriz Maceda Abeleira; as persoas integrantes do xurado destacaron, no texto titulado Ardora, "o compromiso que no traballo se mantén co ecoloxismo e tamén co público potencial: lectores que aínda se atopan durante os seus primeiros anos da adolescencia". O III Premio foi para Lorena Conde por Velloucas e minchas; o relato ten como protagonistas a cinco mulleres, dúas adolescentes e tres anciás, e a trama comeza cando unha das mozas ten que ir vivir coa súa avoa para, xuntas, enfrontarse e resolver os problemas de cada unha.

Así se recolle na contracuberta: Despois do “suceso”, a Sofía non lle queda outra que ir pasar parte do verán ao piso da súa avoa Rosa en Veigamoa, onde parece que nunca acontece nada. Unha vez alí, a rapaza decátase de que o ambiente na vila está enrarecido, de que a xente escapa da súa avoa e das súas amigas cando van pola rúa, de que reciben chamadas telefónicas no medio da noite e de que sofren actos vandálicos no edificio. Coa mosca detrás da orella, Sofía decide pescudar. Non lle gusta nada o que descobre, se hai algo que non pode soportar, son as inxustizas. Coa axuda da súa mellor amiga, Gabri, e as boas persoas da vila, trata de resolver o sarillo no que está metida a avoa Rosa e máis as súas amigas e veciñas Gloria e Lita. Conseguirano?

As que andan polo final do vida teñen experiencia e as preadolescentes intuición, hai quen dea máis? quen vai poder con elas? Ademais, os abusóns non o son só nun espazo determinado, nun ámbito especial... tenden a actuar mal sempre que poden, polo tanto será maís doado lograr vencelos, sobre todo contando coa axuda de Antón, un rapaz ao que a vida tampouco tratou demasiado ben pero que está disposto a colaborar coa xustiza (aínda que sexa coa poética).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario