martes, 25 de outubro de 2016

Día da biblioteca coas Premios Nacionais: Ledicia Costas, Elena Odriozola


Elena Odriozola, Premio Nacional de Ilustración
Ledicia Costas, Premio Nacional de Litetratura Infantil
Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 
Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Ledicia Costas

venres, 21 de outubro de 2016

DÍA DA BIBLIOTECA. Texto de David Otero

A BIBLIOTECA NO SEU DÍA
Nós andabamos por libre, cóntanme unha lectora e un lector. Cada un polo seu reconco. Pensabamos que a lectura era cousa de soidades consentidas. Mesmo daquela pensabamos que así estabamos ben coas nosas lecturas. E non. Pois, sen saber unha do outro, entramos na biblioteca e atopamos moitas “ elas” e moitos “ eles”coma nós. Atopámonos. E agora desexamos fondamente sabernos “nós” consolidados (que de verdade aínda falta, leva os seus momentos). E así foi como nos lanzamos. Botámonos polos tantos mundos. Os das e dos que nos metéramos na rolda aquela tan primorosa de lectoras e de lectores.Tamén o fixemos polos tantos mundos dos libros. E así se foi creando, vaise creando, un mundo xigante de mundos. Universo de nós. Todo o fixemos porque nos petou. Cos libros. Na biblioteca. Coas bibliotecarias. Para así instalarnos mellor fóra, nas rúas, nas casas e nos nosos propios lugares de nos atopar para vivirnos íntimamente tantas cousas. Tanta vida.
Notamos que as nosas experiencias collían máis de moito para encher as nosas vivencias de amantes e de amados. Por iso sempre volvemos ao facer ourado de ler e da lectura. Ao prateado inmedible dos libros. Na biblioteca. Nas Bibliotecas. Alí recordamos con gusto os tempos de ir por libre, que non eran feos, pero estes momentos de arestora, os de nós, na biblioteca sobre todo, vannos de moi ben. Tanto que nos colocan, que nos poñen , xusto e máis no que desexabamos.
A biblioteca deixou de ser ese lugar de baleiros feitos silencios a palabrapouca, a curtapalabra Volveuse unha festa popular interminable. Xa que logo culta. Menudo amor alí. Na casa de libros e de lecturas ( dunhas, que tamén hai outras que non se fan alí). Lavabos de certas soidades asumidas agora liberadas. Espazo no que avanzar e conquistar. Pintando e repintando. Sabendo que pintamos. Facendo e refacendo, Soñando e desexando. Que é dicir sentindo. Que é dicir comunicando. Que é dicir lendo. Con tentos e contentos. Con libros. A sinfonías acompasadas a momentos de corazóns latexantes que van medrando, medrando, a cada ilusión. A cada animación… Indo e vindo. Sen querer marchar de alí, da Biblioteca, así polas boas (aínda que irse a outros sitios fai falla).
E saberás, dixéronme ela e el , que todo iso antedito éche moi guapo. Que merece a pena vivilo. Que non é obligatorio. Claro que non. Pero non se sabe o que se perde. Probade. E xa nos diredes. A nós pasounos esa marabilla. A nós pásanos. Na Biblioteca. Nas Bibliotecas.

David Otero, escritor.

luns, 10 de outubro de 2016

Círculos de lectura e outras circunstancias






 
Accedo a información sobre un círculo de lectura que se dá cita un día da semana, a unha hora determinada, nunha biblioteca, para ler en voz alta despois ou antes de presentar o texto, falando del e do autor, explicando a escolla. A xeito de recomendacións. Nalgún caso, tamén presentan algo escrito por eles.  
E tamén accedo a un artigo onde se recolle a relación de varios futbolistas (Valdano,  Manuel Fernández Fernández que lía obras prohibidas pola censura franquista ou Juan Mata que le a Murakami) cos libros e a lectura. Remata o autor lembrándonos os beneficios da lectura "aumenta a perspectiva que temos sobre as cousas, alimenta a imaxinación e a creatividade, estimula a conectividade neuronal e, sobre todo, fai aos homes máis libres e menos maleables. 
Tamén relacionado co fútbol, aparece unha iniciativa que tenta animar a ler a un grupo de futbolistas relacionados coa universidade, UNAM, un escritor, Benito Taibo, coméntalles "os libros sirven para contarnos de que estamos feitos e de que somos capaces", non se podía dicir mellor! Aínda me chama máis a atención o título "Como non che vou a ler" que nos pode suxerir máis dunha actividade.





sábado, 8 de outubro de 2016

Cartel de bibliotecas escolares

                                                                          Cartel de bibliotecas escolares para o curso 2016/17
O cartel actual de Bibliotecas Escolares de Galicia foi realizado por Minia Regos, unha ilustradorta moi nova pero con todas as cualidades que a Asesoría busca sempre neste tipo de profesionais: ter calidade, ser ilustradora e galega, recoller a idea da biblioteca que se precisa neste instante e achegar suxerencias e vías de lectura.
Conseguiuno con creces. Ese territorio das artes é unha artistada pola que se move a danza e a música, a literatura e o cine, arquitectura, pintura, escultura e todas as que nos visitan nas escolas e as bibliotecas que se precisan. As bibliotecas escolares galegas móvense por ese mundo inmenso no que información, artes, letras, ciencias, aprendizaxe,... lectura están presentes.
Un cartel para soñar o noso soño.
Un cartel para mostrar o que se fai.
Un cartel para centrar a atención nun campo determinado, porque non imos de péndulo dun extremo a outro senón seguindo unha folla de ruta.
Un cartel para facer aínda máis visible a biblioteca desde o primeiro día de clase e desde todos os lugares.
Os que anden por Santiago, poden  pasar polo CSC Aurelio Aguirre de Conxo,  e ver a exposición que Minia Regos ten no hall e incluso mercar algún debuxo. Bos prezos e bo traballo.


venres, 7 de outubro de 2016

O silencio, un ecosistema para a lectura


Cada día aparecen máis noticias nas que se relaciona a lectura co silencio, co paro tecnolóxico e a necesidade de sosego. Desconexión dos teléfonos, tabletas e redes sociais, un libro gustoso na mochila, un café para acompañar cunha música suave. Seica é o espírito das Silent Reading Parties.
Igual que a reivindicación da lentitude no camiñar.
Encontros de lectura silenciosa para darlle a benvida ao outono, ao mes da biblioteca ou... sen necesidade de desculpa de ningún tipo.



luns, 3 de outubro de 2016

Buero Vallejo e as bibliotecas


Cando se cumpren cen anos do nacemento de Antonio Buero Vallejo, habería que lembrar aquel manifesto asinado por el que se titulaba "Sen os libros nada somos", no que se recollían apuntes como estes: "Os pobos que aspiran a culturizarse han de consolidar a súa rede de Bibliotecas Públicas", "Somos persoas porque lemos e serémolo cada vez máis se non pasamos día sen lectura. E o mundo no que vivimos o é porque os libros o refliten", "As bibliotecas espérannos sempre; os seus estantes resérvannos non só auténticos praceres, senón boa parte da nosa verdadeira madurez. Quen, que o comprenda, querería resistirse a tan limpa chamada?"
Este dramaturgo que foi premio Lope de Vega e Premio Cervantes; este escritor que sendo case un neno viu como fusilaban a seu pai, que foi el mesmo condenado a morte no 1939, en prisión ata o 1946, alí realizou un retrato de Miguel Hernández e dedicouse ao debuxo e a narrativa ata centrarse na dramaturxia. En 1967 estrea El tragaluz, a primeira obra de teatro na que se fai unha referencia directa á Guerra Civil. 
Compromisa e escrita.
Dramaturxia e crítica social. 

sábado, 1 de outubro de 2016

Manguel, director da Biblioteca Nacional

                                                                                                  Biblioteca da UVI  
Dicía Manguel, cando se fixo cargo da Biblioteca Nacional Mariano Moreno,  “Apenas estou indagando de que se trata. Teño a intuición de que unha biblioteca representa a identidade dos seus lectores. Polo tanto, unha biblioteca nacional ten que ser de todos os arxentinos e actualmente parece máis unha biblioteca porteña. Parte da miña misión será ver como achegarme aos lectores máis alonxados”. E continúa "Unha sociedada que se di letrada necesita formar lectores, persoas que poidan descifrar o código que esa sociedad ten para comunicarse e para rescatar a súa experiencia, coñocer a memoria do pasado”.
Falaba tamén da necesidade de enfrontar o consumo e o "facilismo" co razoamento produto da lectura, esa actitude subversiva; e tamén declara que para poder acceder ás bibliotecas hai que coñecer os seus ritos, algo que semella obvio pero non o é.
Creo que daquí se poden extraer varias leccións, porque se a biblioteca é de todos e todas, haberá que ver quen non está representado nela, haberá que atraer a toda a xente para que coñezan a memoria do pasado e a información do presente, para que acceden a un ocio cultural e poidan comunicarse e compartir con outros e outras, e, sobre todo, haberá que darlles entrada, facela inclusiva, de maneira que ninguén quede fóra.
A biblioteca, un lugar común.