xoves, 28 de xuño de 2018

Lembrar a Docampo

Recoller algunha referencia para mantelo presente:
O artigo de Suso de Toro en Sermos Galiza "Xabier, non che puiden facer o obituario" con frasestan fermosas como "amaches un país que é un soño e, mesmo, este país existente tan desamparado e precisado da lealdade e o amor de persoas coma ti." ou este remate "Xa cho dixen, Xabier, o teu obituario non me sae. Porque non quixen, porque che quixemos. Irmán."
O de Manolo Bragado "Xabier, o fillo de Raimundo e Teresa de onde podemos recoller "(...)  E contou sempre DoCampo dende a patria da lingua, o idioma no que asistiu a creación do mundo e no que descubriu o nome das cousas, ese galego da Chaira miniado despois en lingua literaria no seu medio cento de libros. Lingua que levou sempre nos beizos orgulloso, como na lapela prendida a insignia de ProLingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor concibida en 2009 por el como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre» Unha lingua que para DoCampo nin sequera é patrimonio dos que a usan, xa que é un ben da humanidade enteira.
O de Daniel Salgado "Xabier P. Docampo, o escror amigo" que comeza "Un manto de loito estendeuse onte sobre os mundos da literatura galega. Porque a figura de Xabier Puente Docampo transcende a do pioneiro na modernización da literatura infantil e xuvenil, a do autor premiado, a do alquimista que cruzou Stevenson con Fole, Cunqueiro con Rodari."
O artigo de Jaureguízar en El Progreso "Adeus a Xabier Docampo, o último gran narrador popular"
E 8 videos para lembrar a Docampo en Praza Pública.
E o seu blog...

martes, 26 de xuño de 2018

Todas as beizóns para Xabier P. Docampo

 
Din os que estiveron na última Gala do Libro, que cando Docampo recolleu o seu premio maldixo a aqueles que non defenden a lingua e a cultura de noso, cando deben e poden. Igual foron as súas derradeiras palabras públicas e só mostran o seu compromiso co patrimonio.
Combativo por comprometido, ademais de gran escritor, decidiu estar sempre do lado dos perdedores, escolleu a derrota como singradura e loitou duro e continuo como demostra o seu empeño en Prolingua e as súas derradeiras palabras públicas.
Eu debo dicir que dentro dese mundo pequeno no que nos movemos, nunca me fallou, sempre estivo onde tiña que estar sen importar que isto supuxera perder oportunidades, premios e outras "vituallas" e outros, si o fixeron, e posiblemente parte da súa dignidade proviña del. Porque era moi "f..." fallarlle a Xabier.
Home do relato oral e do escrito, da literatura e o cine, deixou tanto sen escribir que fixa orfa a literatura. Despois da súa derradeira novela A nena do abrigo de astracán ninguén pode dubidar da súa escrita para adultos, como nunca se lle puido negar a excelencia da dirixida a público infantil e xuvenil.
Premio Nacional de Literatura Juvenil, premio Rañolas, Fervenzas literarias, da AELG, Isaac Díaz Pardo... con libros nas Listas de Honra do IBBY e White Raven e a súa obra Cando petan na porta pola noite foi considerada unha das cen mellores obras do século XX español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Participou na creación de GALIX, formando parte de varias directivas.
Como mestre participou activamente en Nova Escola galega, pertencendo ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Colaborou na radio e aínda soñando con utopías foi quen de crear unha revista de literatura infantil e arte, Bloc.
El, que nos últimos tempos andaba de viúva (así o dicía) lembrando a Juan Farias e Agustín Fernández Paz polos camiños... agardamos que lle aparezan moitas que nos axuden a mantelo presente. 
Lelo, de novo, unha e outra vez. Reler as Catro cartas: a gran mensaxe de promoción da lectura. Ter medo "cando petan na porta pola noite" e... tamén pola mañá. Confiar en que el, eles, non se van, e quedan por aquí, por algunha das realidades, defendendo o que tanto amaron. E a nós quédanos o seu compromiso para obrigarnos a continuar.

xoves, 21 de xuño de 2018

Constelacións literarias I. MULLER e igualdade. Princesas?


 
Todas as nenas son princesas e todos os nenos son príncipes, para seus pais. Son tan príncipes e princesas que ás veces síntense destronados cando chega un novo membro á familia... pero fóra diso, xa pasou o tempo de querer ser princesa, andar con vestidos de tul rosa, desfilar polo palacio e agardar por un príncipe que che veña salvar de algo.
Baixo o título de "Outras princesas" recollemos unha mostra.

mércores, 20 de xuño de 2018

"Página 2": premio ao fomento da lectura na Feira do Libro de Gijón


O xornalista cultural Óscar López  que acompañou ao profesorado e alumnado galego comprometido nos clubs de lectura, nas X Xornadas de Clubs de Lectura, acaba de recibir un premio.
Leva máis dunha década falando de libros e autores/as na pequena pantalla, no programa no programa que dirixe e presenta: "'Página 2".
A Feira do Libro de Gijón quixo recoñecer a labor deste profesional co primeeiro premio al Fomento de la Lectura.
De vez en cando pasan estas cousas, hai programas culturais na televisión, bos programas, e hai xente capaz de darse conta e premialos. Parabéns, non só para Página 2 senón tamén para a Feira do Libro de Gijón.

domingo, 17 de xuño de 2018

"Nós pensamos que o imposible é posible"

Esa ("Nós pensamos que o imposible é posible") é a frase de Ariel Dávila y Christina Ruf cando poñen en marcha Utopía (una experiencia interactiva para bibliotecas na que o usuario é protagonista).
É a volta a Fahrenheit 451 de Ray Bradbury. Un par de persoas van a intentar conseguir o libro que salve a biblioteca mentres a coñecen palmo a palmo. Unha boa formación de usuarios metidos en plena aventura.
Din os autores da iniciativa que quixeron poñer o foco en algo positivo nun contexto local, nacional e global que senten un tanto desolado. A idea da biblioteca como illa utópica onde se garda a memoria onde podes entrar e estar libremente sen que ninguén che trate como consumidor ou cliente senón como usuario dun servizo público. 
Pois si, trátase de ir á busca do público activo e arredor dos textos utópicos.
Ver toda a infrmación no seguinte enlace