martes, 26 de xuño de 2018

Todas as beizóns para Xabier P. Docampo

 
Din os que estiveron na última Gala do Libro, que cando Docampo recolleu o seu premio maldixo a aqueles que non defenden a lingua e a cultura de noso, cando deben e poden. Igual foron as súas derradeiras palabras públicas e só mostran o seu compromiso co patrimonio.
Combativo por comprometido, ademais de gran escritor, decidiu estar sempre do lado dos perdedores, escolleu a derrota como singradura e loitou duro e continuo como demostra o seu empeño en Prolingua e as súas derradeiras palabras públicas.
Eu debo dicir que dentro dese mundo pequeno no que nos movemos, nunca me fallou, sempre estivo onde tiña que estar sen importar que isto supuxera perder oportunidades, premios e outras "vituallas" e outros, si o fixeron, e posiblemente parte da súa dignidade proviña del. Porque era moi "f..." fallarlle a Xabier.
Home do relato oral e do escrito, da literatura e o cine, deixou tanto sen escribir que fixa orfa a literatura. Despois da súa derradeira novela A nena do abrigo de astracán ninguén pode dubidar da súa escrita para adultos, como nunca se lle puido negar a excelencia da dirixida a público infantil e xuvenil.
Premio Nacional de Literatura Juvenil, premio Rañolas, Fervenzas literarias, da AELG, Isaac Díaz Pardo... con libros nas Listas de Honra do IBBY e White Raven e a súa obra Cando petan na porta pola noite foi considerada unha das cen mellores obras do século XX español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Participou na creación de GALIX, formando parte de varias directivas.
Como mestre participou activamente en Nova Escola galega, pertencendo ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Colaborou na radio e aínda soñando con utopías foi quen de crear unha revista de literatura infantil e arte, Bloc.
El, que nos últimos tempos andaba de viúva (así o dicía) lembrando a Juan Farias e Agustín Fernández Paz polos camiños... agardamos que lle aparezan moitas que nos axuden a mantelo presente. 
Lelo, de novo, unha e outra vez. Reler as Catro cartas: a gran mensaxe de promoción da lectura. Ter medo "cando petan na porta pola noite" e... tamén pola mañá. Confiar en que el, eles, non se van, e quedan por aquí, por algunha das realidades, defendendo o que tanto amaron. E a nós quédanos o seu compromiso para obrigarnos a continuar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario