sábado, 31 de agosto de 2019

Premios de novela curta Xosé Neira Vilas para infancia e mocidade


O último deles, Detrás dos perdidos, da autoría do xornalista e poeta Pedro Rielo acaba de saír do forno, en edicións Embora.
Di así a presentación editorial: "A piques de empezar o verán de 1986, Fran, un rapaz de quince anos, vese obrigado a pasar o verán na aldea dos avós en Caldarcos, o que el denomina a aldea máis fría do mundo, o máis semellante que coñecía ao Oeste" Quixera quedar en Pontevedra, preto do mar e da rapaza que anda a interesarlle e que deixou caer case un convite a pasar tempo xuntos, pero non, debe ir cos pais e a irmá pequena á Terra Cha luguesa. Ten medo a aburrirse e a ter que estudar as matemáticas que lle quedaron para setembro, pero, o mellor do verán serán os encontros cun par de rapaces que xa non lembra, co sancristán e co mundo da avoa e da casa onde segue a lembranza dese guerrilleiro que alí se resgardou pola mediación do avó pero que decidiu un día irse coa muller a feiras e mercados vestido de branco como se de verdade chegara de Cuba. Ese Caldarcos que máis que un recanto xeográfico é un estado de ánimo. Alí, no medio dese realismo marabilloso a avoa ponlle a comida e fala co avó morto e acompaña o Grupo dos Perdidos nas noites de lúa chea axudándolles a cumprir as súas promesas e resolver problemas. por iso, o rapaz acaba confesando que "aquel verán no salvaxe Oeste de casas con tellados de lousa, baiucas, e de praias soñadas, foi a semente corsaria de todo" porque entre o que viu, o que escoitou e soñou a fantasía abriuse para sempre.Unha novela na que o autor deixa a pegada da súa maneira de ver mundo ou de contalo, con riqueza de verbas que poden adquirir o lirismo ou a metáfora case absurda, as múltiples referencias ao mundo da literatura infantil clásica e situala nese xogo de far west que non deixa de ser o país que habitamos. 
A convocatoria dos premios que tamén foi ganada por An Alfaya na convocatoria anterior con O home de negro. Na primeira convocatoria resultou ganadora Brian, o chinés de David Vázquez


martes, 27 de agosto de 2019

Contos de ratos: "Ratos de viaxe" e "Os ratos da casa"

Ai, as series! Un autor, unha ilustradora, uns personaxes e... a ler!
Oli, ás palabras; Natalia Colombo, ás imaxes... e os ratos a facer das súas.
Ratos de viaxe con ilustracións a páxina completa, máis ben a dúas páxinas que se abren para mostrar unha imaxe. Catro versos para acompañala con rima nos pares. E... unha cadea que une a última palabra do cuarteto coa primeira do seguinte, así:
"Os ratos,
para ir de viaxe,
meten na maleta
cada un o seu traxe.

O traxe,
de gala ou semana,
vai mellor colgado
na autocaravana.

A autocaravana
(...)"
O mellor dos cotos de ratos é que nos fan querer a eses animais que normalmente odiamos.

venres, 23 de agosto de 2019

Lectura por conta allea

"Lectura por conta allea" chámalle Juana a esa modalidade de lectura na que pai, nai, avoa, avó, tía... lle achegan un libro a un ou unha pequena que non pode ler aínda. Unha lectura acompañada na que a persoa adulta moi preto da pequena coa presenza a flor de pel, lle le, facilitando que observe o son das palabras ou o recoñecemento das grafías, comenta imaxes, aclara termos, amplía o vocabulario e vai deixando caer a sintaxe das frases máis elaboradas que as cotiáns, traballa a entoación e a comprensión,  pregunta, amplía horizontes e dá a coñecer outros mundos, relaciona o lido con algo acontecido no mundo real conectando así coa fantasía; ofrece un tempo de calidade, unha atención personalizada, momentos relevantes que non perden significación senón que a ganan cada vez que se repiten...
Esa conexión entre os afectos e a cultura, esa proximidade a un porto seguro, ese apego. 
Ese momento máxico no que entre unha persoa e outra hai só un libro, unha historia, uns versos, unhas ilustracións, toda a atención e a confirmación do que importa a través das miradas que se recoñecen e se falan coa linguaxe secreta do silencio. Sentirse protagonista, recoñecido na quentura das palabras e a aperta que o envolve como a historia, nunha situación amigable e familiar.   

mércores, 21 de agosto de 2019

Novelas que forman series: Dragal ( e xa van V)

 


Dragal V. O segredo do dragón ven sendo a quinta entrega da serie Dragal, creada por Elena Gallego Abad.
Unha igrexa medieval con imaxes de dragón, unha fraternidade de individuos dragóns e un grupo opoñente. Adolescentes estudantes de ESO e adultos que veñen sendo nai, directora do museo, inspector de policía ou crego. Un segredo a gardar, unhas transformacións que os converten en animais mitolóxicos, uns voos de adestramento e un embarazo. Está servida a trama, que se tece en capítulos curtos, de maneira áxil. Os que comezaron lendo a primeira das entregas chegan aquí e atópanse cunha historia triste porque as traizóns sempre o son, coas consecuencias de actos inconscientes que as mulleres sempre acaban pagando nunha medida desproporcionada e a novela dá ese punto de reflexión nas diferenzas entre o que pasa cos mozos e as mozas...
O final déixanos preocupados ou máis ben preocupadas? E xa estamos desexando que apareza o VI para que alguén nos traia un pouco de esperanza.