"Lectura por conta allea" chámalle Juana a esa modalidade de lectura na que pai, nai, avoa, avó, tía... lle achegan un libro a un ou unha pequena que non pode ler aínda. Unha lectura acompañada na que a persoa adulta moi preto da pequena coa presenza a flor de pel, lle le, facilitando que observe o son das palabras ou o recoñecemento das grafías, comenta imaxes, aclara termos, amplía o vocabulario e vai deixando caer a sintaxe das frases máis elaboradas que as cotiáns, traballa a entoación e a comprensión, pregunta, amplía horizontes e dá a coñecer outros mundos, relaciona o lido con algo acontecido no mundo real conectando así coa fantasía; ofrece un tempo de calidade, unha atención personalizada, momentos relevantes que non perden significación senón que a ganan cada vez que se repiten...
Esa conexión entre os afectos e a cultura, esa proximidade a un porto seguro, ese apego.
Ese momento máxico no que entre unha persoa e outra hai só un libro, unha historia, uns versos, unhas ilustracións, toda a atención e a confirmación do que importa a través das miradas que se recoñecen e se falan coa linguaxe secreta do silencio. Sentirse protagonista, recoñecido na quentura das palabras e a aperta que o envolve como a historia, nunha situación amigable e familiar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario