mércores, 30 de setembro de 2020

Cos contos facer poemas

Paula Carballeira acaba de facer iso: poemas que derivan dos contos tradicionais, en Hai quen escolle os camiños máis longos, publicada en Positivas, na colección Di-versos.
Cinco partes, cada unha dun conto: O da nena coa carapucha vermella, O da nena de pel branca como a neve, O da nena que atopou a bruxa damcasa de chocolate, O da nena que durmiu 100 anos e Hai quen escolle o camiño máis longo.
Unha cata:
"Hai quen prefire non arriscarse
Ao arrecendo do zucre nunha casa de chocolate
Entre a ramaxe

Hai quen non se detén nin para coller flores
Hai quen prefire a madeira
A non as árbores

Hai leñadores
Hai cazadores
E hai nenas
Con ou sen carapucha vermella

Hai
Ten que haber
Bosque."

Pois si, os poemas van de nenas e de bosques, de golosinas e espellos, de príncipes e princesas, de madrastas e ananos, de mulleres e homes, de cazadores e presas.

sábado, 26 de setembro de 2020

De princesas, de distopías

Que lles pasa ás princesas? é un libro álbum de Felicia Redondo, con ilustracións de Jessica Mera.
Feito para  darlle unha volta aos contos de fadas que pode divertir e facer pensar, seguramente precise a man dunha persoa adulta para colaborar no xogo, pero aí está, ao alcance de quen queira.
Aqueles momentos que perdemos de Xavier Estévez publicado por oqueleo. Unha novela para adolescentes contada desde as voces de dous personaxes: Ela e Gabriel, que supoñemos mozos aínda aínda que cando chegan a nós ela xa non o lembra nin lembra o propio nome.
Que sucedería se de repente perderamos a memoria?
Que pasaría con ese silencio onde se perdeu todo o que fomos nós e a forma de funcionar o planeta? Conservaríase aquilo que está na base da humanidade, esa maldade innata ou esa solidariedade, ese coidado das crianzas?
Ela é o nome que lle pon Sara, a nena que aparece fronte a ela para cambiarlle a vida. Gabriel é o nome dun mozo da súa idade coa que non se vai atopar ao longo da novela, pero tamén é o nome dun anxo. Igual que tamén é nome de anxo, Miguel, un home maior que as recolle ás dúas cando estaban enfermas... El garda a memoria da curación e da cultura, vive fóra do mundo e pídelles que queden con el, pero Ela marcha. Cando o fai descobre que a nena tamén acaba de perder a memoria, igual que a perde Gabriel de repente. Non hai saída, todo está perdido, ninguén vai poder gardar nada porque o que está a pasar é para rematar coa humanidade dunha vez por todas. Despois da atraínte imaxe dos miles de persoas tirándose ao mar como unha entrega á natureza contra a que tanto se ten feito, despois dos mortos por inacción porque non saben nin que teñen que comer, están os asasinados polos que conservaron ese pouso de crueldade.
"Eu chameino o Día do esquecemento, mais en realidade non foi un día. Foi un instante, un pestanexo, un aire frío que nos envolveu e logo... todo mudou.
E un mundo sen memoria estaba condenado a isto. Ao seu remate..."
Esa é unha parte do texto que aparece como pórtico, para rematar con Ela afirmando
"Somos po de estrelas.
E vexo o universo. E vexo o planeta. E vexo esta praia.
Non. Somos borranchos de tinta na esquina dun papel. Estrelas fugaces arrastradas pola forza da gravidade do pasado.
Xa non son ninguén.
Camiño pola area coma unha sombra.
Iso son.
Unha sombra"



xoves, 24 de setembro de 2020

Un novo libro de Paula Carballeira

Hai quen escolle os camiños máis longos, publicado en Edicións Positivas.
Falando de camiños, está o da nena coa carapucha vermella,  o da nena de pek branca como a neve, o da nena que atopou a braxa da casa de chocolate, o da nbena que durmiu 100 anos... porque despois de cada un destes apartados, o libro remata cun par de poemas baixo o epígrafe "Hai quen escolle o camiño máis longo"
O último deles:
"O camiño máis corto
Acaba enseguida
E con el
A viaxe
Na que te vistes dunha persoa
Que es ti tamén
Con outra roupa.
O camiño máis longo
Ten bruxas, ten ananos, ten perigos, ten lobos
Ten espellos
Nos que vas vendo como mudas
ten codias de pan seco
Corvos
Serpes
Samesugas
Ten tobos.
Hai quen prefire non arriscarse
Ao arrecendo do zucre unha casa de chocolate
Entre a ramaxe.
Hai quen non se detén nin para coller flores
Hai quen prefire a madeira
E non as árbores
Hai leñadores
Hai cazadores
Y hai nenas
Con ou sen carapuchas vermella
Hai
Ten que haber
Bosque

Versos arredor dos contos marabillosos. unha nova mirada a esas historias onde as nenas e mulleres aprenden determinados comportamentos. Porque o bosque é o perigo, porque no bosque está o lobo, porque o lobo leva na súa natureza enganar ás nenas, sobre todo a aquelas que levan caperuzas vermellas porque xa deron o sangue tiñeu a súa roupa... e hai que avisalas para que escollan sabendo ao que se arriscan porque os dous camiños non son iguais. Princesas que son enganadas e só espertaban co bico dun príncipe. Historias a revisar.

luns, 21 de setembro de 2020

El Hematocrito e un dos seus libros

Rapunzel con piollos de El Hematocrito.
Ilustrado por Mar Villar e publicado por Xerais. Neste libro prodúcese un cambio nas ilustracións, anteriormente realizadas polo ilustrador Alberto Vázquez, co que formaban un dúo moi especial, ao estilo de Roald Dahl e Quentin Blake.
E vai a historia: Rapunzel odia levar o pelo tan longo pero o rei, seu pai, empéñase en que no o corte polo asunto dos príncipe que igual ten que escalar por el para salvala dun dragón, dunha madrasta, dun ogro...Nunha destas, mentres soltan a trenza para medir o longo, pilla un piollo que se vai reproducindo ata montar unha verdadeira cidade na súa cabeza. Para acabar con eles proban co exército, pero resulta imposible, inténtano cun lavado de Brancaneves, coa axuda de garavanciño, coa emperatriz do Frío ou raíña das Neves... pero nada. Ata que por fin o rei decide escoitar a un mendigo  que vén sendo o frautista de Hamelín que os leva. En lugar de recompensa quere un traballo para reinsertarse na sociedade (como están as cousas!!!!). Nestas, Rapunzel aproveita para cortar o pelo, horas eran!

venres, 18 de setembro de 2020

Sensibilidade, diversidade funcional, relacións pai filla,...


Miña guía, meu capitán é un álbum de Gonzalo Moure e María Girón, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka

Porque a selva de luces e sombras, de sons e arrecendos pode ser temible pero tamén rica e divertida. Podes utilizar a falta de nitidez para xogar a adiviñar, para imaxinar e crear un mundo que é teu (e só teu e daqueles con quen o compartas). Todo pode tomarse de diferentes maneiras: o ruído do bastón pode ser a percusión que anime o baile, non ver cos ollos da cara pode conducilos a ver cos das emocións

Pai e filla, da man, realizan o percorrido dende a casa ata a escola. El leva o bastón branco, ela un parche nun ollo. Mentres camiñan, dous mundos se abren ante eles: o cotián (cos semáforos, as persoas coñecidas que atopan, os coches que pasan pola calzada) e o propio (creado por eles e desenvolto pola ilustradora ao engadir ás imaxes reais as de animais que ocupan ese espazo nun exercicio creativo). Eses dous mundos nos que viven só a guía e o capitán poden confirmarse no paso do semáforo, cando arredor deles aparece todo tipo de animais acompañándoos.

Cando se separan, a pequena ten gana de chorar e imaxina ao pai triste volvendo á casa... As crianzas acostuman sentir ese pesar ata que a realidade os somerxe. 

Un libro para ter, para compartir entre guías e capitáns, para traer lembranzas desa relación coa que camiñaron percorrendo rutas e aventuras.

Un acerto o título, traducindo o castelán de Mi lazarillo, mi capitán.

xoves, 17 de setembro de 2020

Constelacións literarias II. Muller pola igualdade. Violencia de xénero

Con "Constelacións literarias II" denominamos aquelas constelacións dirixidas a lectorado adolescente, para diferencialas de "Constelacións literarias I" que estaban dirixidas a primeiras lecturas e lecturas autónomas. Moitos dos epígrafes repetiranse, como sucede con este da violencia de xénero.

sábado, 12 de setembro de 2020

De música e músicos, de cantantes e historias

Maneiras de vivir de Luis Leante conseguiu o premio Edebé de literatura xuvenil no mesmo ano que o infantil foi para David Nel·lo pola obra A crónica de Ivo Cukar. 

Unha pseudo historia real, na que o autor, escritor de literatura xuvenil, encontra a un dos seus ídolos de rock, co que a vida non se portou todo o ben que cabía agardar. Unha tenda de discos de vinilo, un vello rokeiro ao fronte e un nostálxico que lembra o primeiro dos grandes concertos e as vicisitudes do cantante co paso polas drogas e o cárcere. A conversa crea amizade e un bo día, o narrador autor decide contar a historia en base a entrevistas aos diferentes personaxes: Jimi, a súa muller Rosa Winchester, a filla desta Luna, o fillo del Manu, os amigos, algún familiar e amizades (das que se conservan ao longo do tempo vaian como vaian os asuntos pecuniarios).

Unha novela trepidante na que non soltamos o libro ata o remate porque os nós vai indo dun a outro ámbito, problemas familiares e de incomprensión de pais e fillos, nais e fillas, os avós e os tíos con todas as variedades de persoa, as desgrazas sempre no peor momento, os namoramentos sen aclarar... Unha historia na que o protagonista vai ser vitima dun delincuente ao que coñecera no cárcere. Polo tanto, unha dose de novela negra cara ao final, un manipulador moi ben retratado e un final que nos deixa contentos.

mércores, 9 de setembro de 2020

Constelacións literarias I. Muller e igualdade. Series protagonizadas por nenas

Nesta constelación recolleremos algunhas estrelas que forman sagas femininas ou series protagonizadas por nenas. Cada un dos planetas cos seus satélites xirando sempre arredor dun personaxe que lle dá continuidade e nos pega á historia que continúa en cada entrega.
A de María Reimóndez, unha nena galega que acompaña a súa nai cioperante na India: Usha e Volvo! O regreso de Usha.
A de Xoán Abelleira, unha nena inuit que vai descubrindo o seu mundo e mostrándonolo a nós, que ficamos tan lonxe: As aventuras de Nunavut. O nacemento de Nunavut, Sedna, a deusa do mar, O caribú namorado, Un día de caza
A de Ramón Caride, Said e Sheila, dous irmáns que viven no futuro e nos contan as súas aventuras a través do ordenador, como se nos enviaran cartas ao pasado: Perigo vexetal, Ameaza na Antártida, O futuro roubadoAs aventuras de Said e Sheila, A negrura do mar e O camiño da Estadea