luns, 29 de febreiro de 2016

Fundación Manuel María. Recursos.

As casas de escritores ou de artistas en xeral son lugares plenos de recursos.
Son espazos tan especiais que sempre lembrarei unha anécdota:
Unha vez... unha profesora de infantil contaba ao seu alumnado que ían visitar a Casa de Rosalía. Explicoulles como collerían o bus a unha hora, como logo se moverían en tren... e como a unha hora determinada comerían alí. Un pequeno ergueu a man e preguntou: E Rosalía sabe que imos tantos?
Pois si, a escritora ou o escritor non nos vai dar de comer, pero do resto vaise ocupar de todo.
Na Casa Museo Manuel María poderemos realizar visitas guiadas, incluso de maneira virtual.
Podemos realizar rutas pola contorna, un par delas deseñadas por Adela Leiro, ás que se pode acceder tamén na páxina; neste apartado, os textos relaciónanse cos lugares, coa músicas e as explicacións necesarias para entender determinados personaxes como Manuel de Paderna ou a Casa de Hortas.  
Na páxina atoparemos a biografía, obra e fotobiografía; os textos e os lugares; os recursos de todo tipo (vídeos, audios, exposicións, unidades didácticas, propostas de actividades, obras de teatro...)
Nas visitas ás casas museo, sempre é ben pasar pola tenda. Un recordo, un agasallo que levar aos que quedaron na casa... será a mellor maneira, tamén, de educar en determinados valores culturais. 
E sempre, antes de ir, visitar a páxina onde abrir boca, coas noticias (onde por exemplo nos decatamos que está dispoñibel para uso libre o texto de Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela), o diario da Casa, ou os textos que deben lerse por anticipado.
Esta é unha maneira exemplar de levar a casa dun escritor, por iso tamén, estamos de noraboa. 
Grazas a quen tanto ben fixo!

venres, 26 de febreiro de 2016

Manuel María e a Literatura infantil galega.

No limiar de Os soños na gaiola, Manuel María, explicitou as razóns polas que escribía para os nenos e as nenas galegas.
Con eles como destinatarios impúxose a tarefa de introducir os diferentes xéneros: o teatro con As aventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, Barriga Verde..., a poesía con Os soños na gaiola ou As rúas do vento ceibe, e a narrativa con A tribo ten catro ríos, Cando o mar vai foi polo río, As ribeiras son escuras, O bigote de Mimí, Viaxes e vagancias de Manuel de Paderna, Unha sombra vai polo camiño. Cando desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos.

mércores, 24 de febreiro de 2016

Un ano para celebrar

2016 vai ser un ano produtivo.
Tivemos sorte. A R.A.G. (Real Academia Galega) púxolle sentido e decidiu dedicarlle as Letras Galegas a Manuel María
Porque as Letras son algo decisivo para o ano, cando a lingua está nas condicións nas que está, cando as eleccións han de facilitar o traballo dos axentes sociais e non despistalos tendo que perder o tempo definíndose a nivel ético, porque as escritoras e escritores recoñecidos é bo que sexan modélicos e a razón é doada de ver se pensamos que onde máis se traballan (e máis horas se dedican e máis presentes están é nas escolas -e nas escolas ensínase, edúcase-...); por todo iso, debemos agradecer á R.A.G. a decisión tomada neste ano e pedirlle (por favor, por favor...) que sexa así de consecuente sempre.
Manuel María. Un nome sen necesidade de apelidos para nomear un home, unha obra literaria e de compromiso coa lingua, coa cultura e co país. 
Unha Fundación que colabora nesta celebración. Unha escola disposta a traballar e gozar das súas creacións e todo un ano por diante.

luns, 22 de febreiro de 2016

De libros e outros... artefactos culturais

                                                                                                            Imaxe: Alicia Martín
Disto vai, de artefactos culturais que se poden ler ou que se poden ver, que se poden manipular ou degustar, pero, sobre todo, de libros e de novas sobre eles. 
Porque eles, os libros, forman parte da nosa experiencia vital. Son eles os obxectos do desexo para unhas xeracións que sentiron, sobre todo, o a súa necesidad, que os botaron de menos, que investiron os primeiros froitos do seu traballo en encher os ocos, en compensar. Dínnolo os textos de Olga Novo e de Xabier Quiroga demandados por Lemos Le, como un exemplo máis, neste caso literario.
Por iso nos gusta falar de libros e, por iso, botamos a andar.