mércores, 29 de novembro de 2017

Finalistas da décimo cuarta edición do premio Frei Martín Sarmiento

Estes son os finalistas:
Educación Infantil
PREGO, LUIS; Xogos musicais; Edicións do Cumio
MOURE, ANXO; Caramulo e a carpinteira de soños; Bahía edicións

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
FERRER, ÁNXELES; O sombreiro do mago; Ed. Xerais
SAMPAYO, ALEX E CAAMAÑO , BORJA F.; A nena que quería navegar; Redrum Teatro

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
CORTIZAS, ANTÓN; Zoonetos; Ed. Tambre-Edelvives
VILLAR JANEIRO, HELENA; Contos do sol e da lúa; Ed. Alvarellos

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
BABARRO, XOÁN; Hilario e os tres medos; Ed. Santillana
BAYORTI, ALEX; Tom, Hunck e o misterio da trabe de ouro; Urco editora

4ª categoría: 1º e 2º de ESO
CAROU FIGUEIRA, NATALIA; A cova da moura; Bahía edicións
DÍAZ VALADARES, FRANCISCO; Tras a sombra do bruxo; Ed. Rodeira-edebé

5ª categoría: 3º e 4º de ESO
PRADO, MIGUELANXO; Presas fáciles; El Patito editorial
TROUBS; A Alquitara; Ed. Figurandorecuerdos

6ª categoría: bacharelato e adultos
RIVEIRO COELLO, ANTÓN; A ferida do vento; Ed. Galaxia
FRAGA, ANTONIO M. ; A virxe das areas; Edicións Embora

xoves, 23 de novembro de 2017

O Pergamiño Vindel en Vigo


No Museo do Mar, como corresponde aos poemas de Martín Códax.
Unha historia para coñecer. Unha viaxe para reivindicar. Un home, Bragado, e unha páxina, Brétemas,  na que se nos conta esa odisea.
Así comeza:

"A data do 26 de setembro de 2017, na que procedente da Pierpont Morgan Library de Nova York chega a Vigo o “Pergamiño Vindel” quedará fixada na cronoloxía histórica desta cidade fundada hai séculos polo poeta Martín Códax. A nosa primeira alfaia bibliográfica, onde quedaron recollidas, dende finais do século XIII, as sete cantigas de amigo do trobeiro vigués, coa notación musical de seis delas, será exhibida no Museo do Mar de Alcabre durante os vindeiros seis meses no marco da exposición “Berce da nosa cultura”. Unha oportunidade única para que a cidadanía metropolitana coñeza in situ este documento literario excepcional, onde se identifica tanto o ADN da nosa lingua como a propia existencia da nosa cidade no territorio sagrado da ría de Vigo."
Unha Universidade (UVI), unha asociación (Asociación Cultural Pertenza de Vigo), un vigues que xestiona (Cipriano Jiménez Casas)... Agora só queda ir de visita.



luns, 20 de novembro de 2017

X Premio Compostela para álbums ilustrados

Xa van 10!
Esa complicidade ntre a editorial Kalandraka e  concello de Santiago xa ten dez fillos como xoias que se entregn en man á rapazada, cada ano.
Esta vez, o ganador é o libro A horta de Simón, escrito e ilustrado por Rocío Simón cunha técnica de etampación, moi elaborada e traballosa pe cuns resultados magníficos que lembran os gravados primitivos dalgúns pobos latinoamericanos. Unha horta que se converte nun "eloxio ao traballo colectivo, á convivencia en harmonía e en contacto coa natureza", tal como se recolle na presentación editorial."
Unha das marabillas do premio é que se publica a un tempo en sete linguas. Quen vai dicir de nós que non atendemos a diversidade ou que non estamos no mundo? Si, con todas as cores das diversas linguas porque polo menos, polo menos, sempre falamos dúas podendo pasar dunha a outra con toda naturalidade sempre que respecten a nosa que x o dicía Casares (non é coa miña): “A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estou a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”.

mércores, 15 de novembro de 2017

Exposición "Pasa página" da Biblioteca Nacional de España, tamén en Santiago

 
A exposición "Pasa página. Una invitación a lectura" da BNE pasará por Santiago. 
A libraría NUMAX é unha das nove seleccionadas en todo o Estado para poder mostrala.
Unha boa noticia porque existan estas exposicións, porque se nos teña en conta para que pasen pola cidade. Nunca estorban as ofertas culturais e moito menos as que buscan levarnos ao libro.
Falando de libros, tamén hai que dar citar unha proposta de Xerais que fala de libros para ler ás escuras. Ás veces o teito dos cuartos infantís convértese nun universo onde os pais colocan as luminosas estrelas formando as galaxias que cada noite se prenden ao apagar a luz, pero agora, ademais, contaremos cun conto para ler ás escuras, cando a noite chega e estamos a piques de pechar as persianas dos ollos.   
Temos creadores, mediadores e comercio cultural que traballa a favor da lectura, pero algo fundamental nos falta para que todo isto traballe a favor da nosa cultura e lingua e traia os froitos que merecemos... 


luns, 13 de novembro de 2017

Novembro: mes da ciencia en galego nas bibliotecasncia en


Dende o 2014, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén propoñendo a celebración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. En todas as bibliotecas: públicas e escolares.
Diferentes actividades xiran en torno a esta conmemoración que pon o acento sobre as ciencias, a necesidade de facela e lela en galego, de traela ás bibliotecas para que estean ao alcance de todos e todas.
De novo, as responsables de bibliotecas escolares din o que non se pode calar: cada vez estase a editar menos en galego e cada vez desaparecen máis os libros de información ou coñecemento na nosa lingua. Morreu A Nosa Terra (non sei se é denotativa ou connotativa a frase) e Baía fíxose cargo dalgunha das súas iniciativas, pero non chega: xa non era moito pero agora son menos.
A produción en galego diminuíu tanto que estamos por debaixo da edición en vasco e a anos luz da edición noutros idiomas. Aínda así, os nosos libros ganan premios por alá por onde andan; hoxe acaba de chegar outro: "O English PEN premia a tradución do galego ao inglés dunha obra de Eva Moreda". Ten quedar moita rabia... que che pisen a cabeza unha e outra vez e sigas a resistir!... Case me dá pena o pé (creo que xa Castelao falaba diso)

venres, 10 de novembro de 2017

2º venres do mes de novembro, día da libraría

 
Sempre, o segundo venres do mes de novembro, é  día da libraría.No calendario do libro aparece así, e no nosa axenda tamén.
Hai mediadores do libro: bibliotecarios e docentes, animadores socioculturais e contacontos...
Hai lectores e lectoras (sobre todo lectoras) de todas as idades e condición. Hai lectores que len sós e lectores que o fan en clubs para despois ter con quen falar do que van lendo Lectores ávidos de novidades e lectores pausados que escollen remexendo nas librarías día tras día; hai lectores de clásicos e lectores de best seller, de poesía e de conto, de teatro que recitan en voz alta os diferentes papeis e de todo tipo de novelas: negra (ía dicir branca, pero non), histórica, realista, fantástica...
Hai industria cultural, unhas máis industria e outras máis cultural, pero todas necesarias.
Distribuidoras que case pasan desapercibidas pero non deberían, porque eu descubrín lonxe do país e nunha tenda de revistas e libros de texto que, por exemplo Arnoia era unha moi boa e seria distribuidora a nivel estatal (a máis fiable, contaba a libreira, que observaba a miña alegría como se se tratara dunha accionista).
Pero, sobre todo, hai LIBRARÍAS. O comercio cultural está representado por elas. Os libreiros son seres marabillosos que escollen entre todo o que hai para que ti poidas tocalo e botarlle un ollo. Déixanche que mires e que leas, non veñen por detrás dicíndoche aquilo de que é a túa talla e che vai a cor, andan ao seu que o traballo é moito, ata que ti lles preguntas e daquela si que che explican. A min gústanme as librarías de proximidade, aquelas nas que te sentes como na casa: entras a dar unha volta, a mirar as novidades, a preguntar por un libro, a preguntar por calquera cousa porque todos os pretextos son bos para entrar, asistes á presentación dun libro, ás lecturas públicas arredor dun autor, ata a concertos podes asistir nelas!
As librarías son lugares imprescindibles nos que a cultura se fai comercio e os libreiros... amigos!     

xoves, 9 de novembro de 2017

A LIX galega de noraboa


Ledicia Costas acaba de ganar o premio Lazarillo de creación literaria, por segunda vez. 
Hai un par de anos conseguírao con  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Agora, trátase, de novo, dunha novela xuvenil que presentou baixo o título de Plumas e unicornios. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedidco ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón.
Hai uns días, fora Antonio García Teijeiro quen acadou o Premio Naiconal de Literatura Infantil y Juvenil con Poemar o mar...
Que alguén me diga que a literatura infantil galega non está ao nivel das outras do seu entorno.
Que alguén me diga que non atopa boa literatura en galego e por iso debe ler noutras linguas.
Que alguén me diga que se non somos unha potencia en creación... a pesar da falta de apoios, a pesar de que cada ano se publica menos en galego, a pesar de todos os prexuízos que nos rodean e atafegan.   

mércores, 8 de novembro de 2017

An Alfaya gana o II Premio Neira Vilas de Narrativa



O home de negro é o título da obra coa que An Alfaya acaba de ganar o Premio Neira Vilas de Novela Curta, na súa segunda convocatoria.
Na primeira convocatoria resultara ganador David Daniel Vazquez Álvarez
Este galardón, convocado por la Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dotado con 1.000 euros e a publicación da novela.
An Alfaya, a nosa detective escritora de narrativa e teatro, conta cunha traxectora máis que recoñecida, tal como pode verse no listado que segue (recollido da wikipedia)
  • Accésit no Premio de Teatro Infantil Xeración Nós no 1989, por Bua, bua, requetebuá.
  • Premio de Teatro Infantil Xeración Nós no 1991, por O maquinista Antón.
  • Premio Merlín no 1997, por ¡Sireno, Sireno!.
  • Finalista do Premio de Novelas por Entregas La Voz de Galicia no 2003, por Matei un home.
  • Premio de novela curta Xulián Magariños no 2004, por Matei un home.
  • Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil no 2005, por A sombra descalza.
  • Finalista do Premio Ala Delta no 2006, por Zoa e Azor.
  • Premio Xosé Neira Vilas no 2006, por A sombra descalza.
  • Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil no 2007, por Illa Soidade.
  • Premio White Ravens no 2007, por A sombra descalza.
  • Lista de Honra do IBBY no 2008, por A sombra descalza.
  • Premio Frei Martín Sarmiento, por Zoa e Azor.
  • Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey no 2008, por Areaquente.
  • Premio Arcebispo Xoán de San Clemente no 2010, por Areaquente.
  • Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia no 2010, por Vía secundaria.
  • Premio Frei Martín Sarmiento ao mellor libro de 3º e 4º de ESO en 2017, por A cea das enaguas.
 




 

sábado, 4 de novembro de 2017

O O Códice Calixtino no Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco

O Códice Calixtino acaba de entrar n Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco.
O Rexistro da Memoria do Mundo da Unesco foi creado en 1992 para sensibilizar á comunidade internacional sobre a riqueza do patrimonio documental, a necesidade de garantir a súa conservación para as xeracións futuras e facelo accesible para un público amplo.
Polos anos 1120-1124 Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago de Compostela, ordena a un grupo de teólogos e ilustradores a compilación do Iacobus ou Libro de Santiago. Esa compilación recibe o nome de ‘Calixtino’ polo interese en simular que o seu redactor fora o papa Calixto II (1116-1124), gran benefactor da Igrexa de Santiago. 
Menos mal que o demos recuperado daquel garaxe!  
Así anda o noso patrimonio... de ser recoñecido a ser perdido, de ser roubado ou regalado a premiado.

xoves, 2 de novembro de 2017

María Reimóndez, premiada no certame Agustín Fernández Paz

O I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o concello deVilalba e Edicións Xerais de Galicia, recaeu na obra Fóra do normal de María Reimóndez.
Fóra do normal é o título da obra gañadora. 
Cando se convocaou este premio se pensaramos quen podería ganalo seguramente se no pasara pola cabeza o nome de María Reimóndez, unha muller que ten incorporada a perspectiva de xénero á súa obra dunha maneira tan auténtica e real que non podería escribir nada alleo a esa actitude ou valor. Por iso nos alegra sabe o ditame do xurado, un ha resolución que sabemos xusta xa antes de ler a obra.
Parabéns á autora!