Amosando publicacións coa etiqueta Actualidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actualidade. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de setembro de 2021

De cando as novas de prensa se converten en novelas

A pintora libertaria vai diso, dunha exposición que foi noticia porque houbo unha denuncia acerca da autenticidade da autoría dos cadros que se presentaban baixo a sinatura de Maruja Mallo. Ela é esa pintora. A exposición, ese feito controvertido, pasa á ficción para mesturar política municipal, construtores amigos que se converten en coleccionistas, profesores de arte que quedan en entredito, falsificación de obras de arte, a educación columpiándose en terras movedizas e os que sempre ganan... ganando unha vez máis, nun final absolutamente xenial que nos abre a precipicios moi preocupantes pero que sempre deben estar na liña do horizonte, porque a ética hai tempo que anda perdida nun bosque cheo de alimañas.

Pasar da realidade á ficción, da noticia ao relato, de Vila do Pazo a un nome recoñecido. E facelo por medio dunha novela xuvenil no mellor estilo best seller. Pegada á actualidade a obra lévanos a relacionar o que sabemos co que Pepe Carballude creou, nomes e feitos, aconteceres. A vida municipal  e as súas miserias, o constrtutor amigo que semella mover os fíos e incluso aos políticos coma monifates, as técnicas de cultura en terra de ninguén querendo salvar non se sabe o qué no naufraxio. A vida matrimonial cando dous non discuten se hai algo que os une que non é amor, e esa forma de darlle voltas á noria para salir ganando sempre, para que podan perder todos pero non eles... porque son intocables.

Si, teremos que pasar por unha novela xuvenil para facer inmersión na realidade crítica e na actualidade máis próxima. Algo fala isto da literatura destinada a esta franxa de idade e do acerto de Galaxia publicándoa.

domingo, 30 de maio de 2021

Tres contos para crianzas de Vicente Risco

 

Foran os homes da Xeración Nós en que puxeron un empeño especial en crear textos para a infancia. Despois das Irmandades da Fala e das Escolas de Ensiño Galego chegaron eles, coñecendo a necesidade de trasladar á rapazada a Fala e o sentimento da Terra decidiron poñerse mans á obra. Un deles foi Risco que escribiu estes Tres contos para crianzas.

Publicados anteriormente, en Galaxia na colección Árbore, aparece agora en Aira editora, en formato álbum ilustrado, da man de Noemí López nunha adaptación e edición de X. Pardo de Neyra.

O rei avarento (onde se ve a inocencia do neno que nace con boa estrela e a rei carraxento disposto a que non brile ese astro; daquela aínda había xustiza divina -ou poética- e os malos eran castigados).

O labrego e máis o rei (de cando un labrego quere coñecer o rei e terá a sorte de preguntarlle a el como podería facer para logralo).

A dona encantada (que mostra como hai que axudar sempre, a quen nolo pide, e non ser avarento porque a porta do mundo dos encantamentos pode ser perigosa).

As ilustracións de Noemí teñen o seu selo, recreando un mundo curvo e contundente, cheo de expresividade e referencias aos vellos contos.