venres, 10 de novembro de 2017

2º venres do mes de novembro, día da libraría

 
Sempre, o segundo venres do mes de novembro, é  día da libraría.No calendario do libro aparece así, e no nosa axenda tamén.
Hai mediadores do libro: bibliotecarios e docentes, animadores socioculturais e contacontos...
Hai lectores e lectoras (sobre todo lectoras) de todas as idades e condición. Hai lectores que len sós e lectores que o fan en clubs para despois ter con quen falar do que van lendo Lectores ávidos de novidades e lectores pausados que escollen remexendo nas librarías día tras día; hai lectores de clásicos e lectores de best seller, de poesía e de conto, de teatro que recitan en voz alta os diferentes papeis e de todo tipo de novelas: negra (ía dicir branca, pero non), histórica, realista, fantástica...
Hai industria cultural, unhas máis industria e outras máis cultural, pero todas necesarias.
Distribuidoras que case pasan desapercibidas pero non deberían, porque eu descubrín lonxe do país e nunha tenda de revistas e libros de texto que, por exemplo Arnoia era unha moi boa e seria distribuidora a nivel estatal (a máis fiable, contaba a libreira, que observaba a miña alegría como se se tratara dunha accionista).
Pero, sobre todo, hai LIBRARÍAS. O comercio cultural está representado por elas. Os libreiros son seres marabillosos que escollen entre todo o que hai para que ti poidas tocalo e botarlle un ollo. Déixanche que mires e que leas, non veñen por detrás dicíndoche aquilo de que é a túa talla e che vai a cor, andan ao seu que o traballo é moito, ata que ti lles preguntas e daquela si que che explican. A min gústanme as librarías de proximidade, aquelas nas que te sentes como na casa: entras a dar unha volta, a mirar as novidades, a preguntar por un libro, a preguntar por calquera cousa porque todos os pretextos son bos para entrar, asistes á presentación dun libro, ás lecturas públicas arredor dun autor, ata a concertos podes asistir nelas!
As librarías son lugares imprescindibles nos que a cultura se fai comercio e os libreiros... amigos!     

1 comentario: