Amosando publicacións coa etiqueta Humor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Humor. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de agosto de 2025

XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez

Unha tenda azul cobalto de Antonio Yáñez Casal acadou XX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez a texto e Fernando Díaz Mirón á ilustración. Aparece publicado pola Deputación de Ourense que é quen convoca o certame para homenaxear a estas escritoras que foron pioneiras na nosa literatura infantil.

Do texto, o xurado destacou a súa orixinalidade e o rompedor da súa temática; ademais, subliñou, posúe unha linguaxe e un estilo coidados, e favorece a transmisión de valores necesarios como o traballo en equipo e a perseveranza.  Unha historia longa, contada polo sobriño do protagonista, un tendeiro que cando pecha a tenda (apremiado polos supermercados e centros comerciais) atopa unha caixa que lle deixou unha veciña, a señora Coralia, xustamente o día que morreu. Como ninguén pasou a recollela ábrea e atopa un libro co título Instrucións para atender unha tenda que non é unha tenda. Fáiselle saber que non pode perdelo agora que a dona xa non está e aparecerá a buscar axuda un neno que estaba a soñar co avó e espertou sen saber o final do soño. Na busca dese soño van percorrer medio mundo ata dar coa chave que abra a porta a esa realidade. Unha historia surreal que se vai complicando mentres aparecen no paso das Termópilas, na guerra de Troia ou outros lugares e situacións sen nome coñecido.

En canto ás ilustracións, o xurado destaca "a importancia do traballo, unha obra realizada de xeito manual a lapis, que capta moi ben os feitos da narración. As ilustracións teñen moi bos enfoques, con xogos e perspectivas diferentes, e complementan a narración sen interferir nela, o que favorece que o lector poida imaxinar a historia libremente".

Xirarei! de Pablo Carreiro publicado por Cuarto de inverno.

Da presentación editorial: "Xirarei! é un percorrido único por Galicia que mestura humor, tenrura e unha fonda admiración pola cultura galega. A través dun itinerario que abrangue os recunchos máis fermosos e emblemáticos da terra, o autor fainos partícipes dunha viaxe onde cada páxina é unha homenaxe ao noso patrimonio cultural. O lector poderá gozar de anécdotas cotiás con moita chispa ao tempo que descobre lugares máxicos, tradicións ancestrais e personaxes entrañables.  Pablo Carreiro celebra unha oda á identidade galega relatada con agarimo e retranca e ofrece unha experiencia que deixará unha pegada fonda no corazón de quen a lea."

Unha obra que poderiamos considerar estraña (por non dicir outra cousa) pola irregularidade no comezo con citas de cancións en castelán cando fala de cultura galega e fai coma a rapazada que na exposición do Alba de gloria apuntaba autorías para o futuro como Ana Kiro ou Gayoso. Irrespetuoso? non sei pero certamente presenta unha mestizaxe con moito traxe "rexional", criterios de selección pouco obxectivos á hora de ver quen nos representa e un certo barullo que semella ser a marca divertida da casa. O autor ten un estilo propio, sen dúbida, e nese xiro no que se empeña vai recollendo os elementos que considera igual sen pensalo demasiado ou tomando esa decisión de colocar a Castelao ao lado de Ramón Conde. Creo que está no seu carácter: alegre e moi de cultura popular (no sentido do que se populariza).   

luns, 7 de xullo de 2025

Manual de instrucións para sobrevivir no ensino

 

Profes. Guía básica de supervivencia de José Carlos Román e Ignacio Hernández está traducido por Vanessa López e publicado por Jaguar.

Da presentación editorial: "A ti tamén che seguen coma se foses Mamá Pato? Tes todo o necesario para sobrevivir á hora do recreo? Que tipo de profe es? Nesta guía seguimos a diferentes profes nun divertido repaso sobre a variedade de alumnos e alumnas que che atoparás no cole. Sorprenderémonos coas súas variadas preguntas e travesuras en clase, no patio e de excursión. Sen esquecer a diversidade das familias e, o resto de profes!"

"Comecemos polo máis importante: apaña un grupo de nenos e nenas. Hai de carácter diverso. De feito, podes atopar moitos tipos: a bohemia, o aplicado, o animalista, a túa sombra, a defensora dos preitos pobres, o megadecibelios (...) As familias tamén son importantes. Por sorte, hai moita variedade: papá e mamá, papá e papá, mamá e mamá, só mamá, só papá, e máis (e cada unha coas súas preguntas e pareceres). Así comtinúa, cos tipos de profes (nos que é doado identificarse e identificar aos que coñeces), seguen aconsellando como preparar as clases, informando sobre os virus e a súa contaminación escolar, que sucede na hora de ir ao baño, os tipos de cacas que as crianzas poden distinguir, que tipo de profes atopamos na hora do recreo, os consellos para sobre vivir no patio ou nas excursións... E anucian próximas entregas "Como funciona un profe. Manual de instrucións.

Para rir e para reflexionar. 

domingo, 18 de setembro de 2022

Falando de humor e comezo de series (ou iso agardamos)

Curros & Holmes no misterio d´O Kapital de Marcos Calveiro, tráenos de novo ao poeta Curros, neste caso, sitúao no Londres de Holmes no que Marx está a escribir a súa obra. Unha historia detectivesca na que as verbas de Curros están nacendo entre as deducións de Holmes e a loita de Marx, entre as reivindicacións irlandesas e unha cidade na que abunda a pobreza e a delicuencia ao lado de sires e miladis. A riqueza da linguaxe de Calveiro faise visible entre os versos presentados en prosa do poeta. Un bo empeño!

Chega, tamén da man de Galaxia a Aproximación á esquiva figura de Celestino Carballeira de López. Juan López Rico déixase introducir por Perfecto Conde (cousas de xornalistas) e un limiar con biografía do tal Celestino por parte do autor. A continuación os viñetas, todas elas ao redor do tal personaxe con gafas negras, un impresentable dos que abundan entre nós. Un home que non ten pudor en mostrar o seu pensamento. Vale a pena lelo e miralo, observar ese humor que nos fai rir ou chorar (non sabemos ben) porque podemos recoñecer a realidade detrás das palabras e viñetas.

Así o presentan: "Perfecto Conde dixo: López á moi seu para non ser orixinal. 

López debuxa a Celestino. Ou Celestino debuxa a López. E ambos os dous debúxannos a nós. Para rirse de nós. Para iluminar-nos. Para deitar retranca e felicidade. Na mellor tradición do Castelao humorista. Unha proposta de
humor intelixente para persoas intelixentes. Como López. Como Celestino."

luns, 21 de setembro de 2020

El Hematocrito e un dos seus libros

Rapunzel con piollos de El Hematocrito.
Ilustrado por Mar Villar e publicado por Xerais. Neste libro prodúcese un cambio nas ilustracións, anteriormente realizadas polo ilustrador Alberto Vázquez, co que formaban un dúo moi especial, ao estilo de Roald Dahl e Quentin Blake.
E vai a historia: Rapunzel odia levar o pelo tan longo pero o rei, seu pai, empéñase en que no o corte polo asunto dos príncipe que igual ten que escalar por el para salvala dun dragón, dunha madrasta, dun ogro...Nunha destas, mentres soltan a trenza para medir o longo, pilla un piollo que se vai reproducindo ata montar unha verdadeira cidade na súa cabeza. Para acabar con eles proban co exército, pero resulta imposible, inténtano cun lavado de Brancaneves, coa axuda de garavanciño, coa emperatriz do Frío ou raíña das Neves... pero nada. Ata que por fin o rei decide escoitar a un mendigo  que vén sendo o frautista de Hamelín que os leva. En lugar de recompensa quere un traballo para reinsertarse na sociedade (como están as cousas!!!!). Nestas, Rapunzel aproveita para cortar o pelo, horas eran!

sábado, 18 de xaneiro de 2020

Teatro, BD e algo máis

  
 A viaxe de Burhan de Xoán C. Riobo, ilustrado por Julia Abad e publicado por Fervenza Edicións na colección A Pinguela. Esta colección e editorial seguen a publicar teatro a pesar de todas as dificultades, agora mellorando as cubertas con algo de cor.  A obra sábese escrita por un especialista en teatro, director e dramaturgo, organizador de mostras e membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro. Xa estreada, dedicada á memoria de Sito Parada e escrita para ser representada con bonecos e actores/actrices. Unha historia que se resume desta maneira "Siria está en guerra. Burhan, un rapaz soñador, quere marchar do seu pobo para atopar ese lugar utópico de liberdade. Despídese da súa amiga Hilâl que, aferrada ao lugar que a viu medrar, non quere marchar. Os camiños convértense en fileiras de persoas que migran. Os cans da noite axexan e rouban ao que non ten. Fame, soidade, desesperación. Cando parece que todo está perdido, Burhan coñece a Nadima. Namóranse e xuntos proseguen a súa viaxe por mar cara a occidente..." pero os problemas continúan ata que o protagonista volve ao seu pobo e xunto á súa amiga. Un comezo magnífico coa introdución de dous personaxes (SI e NON) que nos contextualizan a historia; unha historia que costa traballo seguir lendo cando chegan os malos tempos cos relatos que vemos nos telediarios e nos "saturan" no peor sentido da palabra, pero o autor busca iso, que lembremos, que saibamos, que non miremos a outro lado... Ao lado, as palabras que nacen nos versos de Rosalía acaen como anel ao dedo, porque os desgraciados do mundo están aí, en calquera tempo e calquera pel.
Luzbell. O demo bombilla de Diego Rosales e Xosé Tomás, aparece en formato álbum (publicado por Galaxia) despois de nacer no congreso Pé de imaxe (a mediados dos noventa), pasando pola revista Gofiño, a páxina dominical do diario El progreso e no Diario de Pontevedra.
O mal e o ben, o ceo e o inferno,  Deus e o demo, os anxos, o crego que xoga a partida co demo... Luzbell (o demo demo), Vatio (secretario), Al-Kalina (moza, batería), Deus (por todos coñecido), Oliverius (párroco), Slurp (Norferatu)... Todos eles observando a maldade que tamén anda polo ceo e entre os humanos.
Historias divertidas que lle dan unha nova volta á Historia Sagrada, ás referencias bíblicas para traelas á actualidade e botar unhas risas porque non é ouro todo o que reluce nin as cousas son brancas e negras... e se non que o diga o cura.