A viaxe de Burhan de Xoán C. Riobo, ilustrado por Julia Abad e publicado por Fervenza Edicións na colección A Pinguela. Esta colección e editorial seguen a publicar teatro a pesar de todas as dificultades, agora mellorando as cubertas con algo de cor. A obra sábese escrita por un especialista en teatro, director e dramaturgo, organizador de mostras e membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro. Xa estreada, dedicada á memoria de Sito Parada e escrita para ser representada con bonecos e actores/actrices. Unha historia que se resume desta maneira "Siria está en guerra. Burhan, un rapaz soñador, quere marchar do
seu pobo para atopar ese lugar utópico de liberdade. Despídese da súa
amiga Hilâl que, aferrada ao lugar que a viu medrar, non quere marchar.
Os camiños convértense en fileiras de persoas que migran. Os cans da
noite axexan e rouban ao que non ten. Fame, soidade, desesperación.
Cando parece que todo está perdido, Burhan coñece a Nadima. Namóranse e
xuntos proseguen a súa viaxe por mar cara a occidente..." pero os problemas continúan ata que o protagonista volve ao seu pobo e xunto á súa amiga. Un comezo magnífico coa introdución de dous personaxes (SI e NON) que nos contextualizan a historia; unha historia que costa traballo seguir lendo cando chegan os malos tempos cos relatos que vemos nos telediarios e nos "saturan" no peor sentido da palabra, pero o autor busca iso, que lembremos, que saibamos, que non miremos a outro lado... Ao lado, as palabras que nacen nos versos de Rosalía acaen como anel ao dedo, porque os desgraciados do mundo están aí, en calquera tempo e calquera pel.
Luzbell. O demo bombilla de Diego Rosales e Xosé Tomás, aparece en formato álbum (publicado por Galaxia) despois de nacer no congreso Pé de imaxe (a mediados dos noventa), pasando pola revista Gofiño, a páxina dominical do diario El progreso e no Diario de Pontevedra.
O mal e o ben, o ceo e o inferno, Deus e o demo, os anxos, o crego que xoga a partida co demo... Luzbell (o demo demo), Vatio (secretario), Al-Kalina (moza, batería), Deus (por todos coñecido), Oliverius (párroco), Slurp (Norferatu)... Todos eles observando a maldade que tamén anda polo ceo e entre os humanos.
Historias divertidas que lle dan unha nova volta á Historia Sagrada, ás referencias bíblicas para traelas á actualidade e botar unhas risas porque non é ouro todo o que reluce nin as cousas son brancas e negras... e se non que o diga o cura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario