luns, 13 de xaneiro de 2020

Cando o protagonista é o grupo





O misterio do torques de Burela e Os peloteiros teñen iso en común, repartir o protagonismo entre o grupo de rapaces e rapazas que andan a medrar. O primeiro deles, da autoría de Antía Yáñez) retoma aos catro irmáns e un can, todos eles especialistas en resolver misterios e convencidos do seu poder indagador, despois de ter pasado pola aventura anterior en O misterio de Portomarín. O segundo, de Patricia Mallo, dálle a voz a Xurxo para que nos conte a aventura do verán pasado cando ha de montar un equipo de fútbol cos tres sobriños (dous xemelgos e a irmá maior, Emilia), a amiga de Emilia que adora este xogo, o fillo da alcaldesa e o seu súbdito e seguidor ata a morte; sete xogadores que deben perder porque o partido debería estar amañado pero sen saber como van ganando. 
Por que aparecen estas dúas novelas xuntas? Porque están ben contadas, co humor e os ingredientes necesarios para que o relato corra e vaia atrapando ao lector e lectora, personaxes ben debuxados, ritmo no relato, unha historia que contar...
Incluso, ambos están ben ilustrados, Os peloteiros da man de Dani Padrón, co acerto dos personaxes centrais, O misterio do torques de Burela por Kristina Sabaite cun punto simbólico nalgunha delas, o selo propio nos animais e paisaxes evocadoras. 
Dúas escritoras, unha delas poñendo en marcha unha serie arredor dunha familia numerosa con can e outra seguindo unha estela de criaturas: Os Cabezombis, Os Fantom e Os peloteiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario