venres, 31 de xaneiro de 2020

Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX


Hoxe, 31 de xaneiro de 2020, cúmprense 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX, a muller que integrou teoría e práctica arredor da muller e daqueles outros seres situados nos marxes da Historia: pobres, presos, orfos, maiores... cando traballa na reforma de cárceres, orfanatos e asilos e cando exerce como visitadora de cárceres e pobres.
Loitadora a favor da creación da sociedade civil, da transformación da caridade relixiosa en filantropía da cidadanía e da existencia dun verdadeiro estado de Dereito. Ensaísta nun tempo no que dificilmente se lles permitía escribir poesía e novelas ás mulleres, os seus postulados tivéronse en conta en congresos internacionais a pesar de non ter saído nunca de España. 
Un camiño difícil un par de exemplos poden dar a medida da inxustiza: nunca foi convidada a ditar unha conferencia no Ateneo de Señoras a pesar de facer as reseñas das Dominicales e pertencer á Xunta Directiva e tampouco foi recibida como membro na Real Academia de Ciencias Morales y Políticas a pesar de ter ganado tres premios que eles convocaban.
Con Juana de Vega (outra muller a lembrar) comparte amizade, traballos e inxustizas. Con outras dúas galegas máis: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán comparten século. Mulleres abandeiradas, en palabras de Caballé que fan de sacaneves igual que os presos en Siberia.
Recursos:
Unha unidade didáctica, Concepción Arenal: Unha muller pioneira, coelaborada por Felicia Estévez.
Unha entrada no Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.
Unha biografía, Concepción Arenal: la caminante y su sombra, de Anna Caballé (polo que recibiu o Premio Nacional de Historia).
Unha película producira por Zaza Ceballos, Concepción Arenal. A visitadora de cárceres.
Na wikipedia e nun artigo.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario