Os camiños do vento de Xavier Estévez, publicado por Xerais na colección Merlín.
Na presentación editorial dise: "Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO
non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas.
Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear.
Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo
con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron
ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento. Despois de Avións de papel, os personaxes de Lucas e Sara regresan á literatura
cunha nova historia sobre a amizade e sobre todo aquilo que tece os
nosos soños."
Si, volvemos a aquela historia na que a presenza de imaxes nos levaba a Hooper. Un rapaz reflexivo e sensible, unha rapaza en cadeira de rodas e unha amizade que nace cando se actúa sen pensar demasiado; así se coñecen nun golpe de espontaneidade de Lucas; agora continúan alimentando esa relacións coas saídas a pasear, coa coincidencia na escola e coa disposición a entender o que pasa e actuar en consecuencia. Porque os refuxiados poden chegar ata o lugar no que ti vives, porque podes responder a ese reto con compromiso e ver como non é tan difícil facer que a xente sexa algo máis feliz. A soidade, o abandono, a guerra, as fronteiras, os grandes muros... todo pode ter solución se actuamos con sentido, pouco a pouco, cambiando mentalidades, abrindo portas, implicándose.
Contan Lucas e Sara, en primeira persoa, pero tamén un narrador omnisciente que comeza o relato de forma magnífica.
Momentos moi bos co humor de Lucas salpresando instantáneas e outros nos que o relato se ralentiza...
As ilustracións de Xosé Cobas no seu estilo, xogando con referencias dende as maneiras aos obxectos sempre presentes como ese barco ou ese paxaro, co debuxo en branco e negro ou coas cores que lle son propias ata chegar ao culmen da casa de Manuel onde o simbolismo acada a máxima expresión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario