martes, 4 de febreiro de 2020
Varios e ben distintos, sempre de viaxes
A peregrina gastrónoma. Unha guía do Camiño Inglés escrita por María Canosa e ilustrada por Miguel Cerro.
Da presentación editorial:
"Tara, a peregrina protagonista desta guía para as viaxeiras curiosas, elixe o Camiño Inglés e percorre na súa viaxe desde A Coruña ‒un dos puntos de inicio xunto a Ferrol‒ a Santiago pasando por Elviña, O Burgo, Alvedro, Cambre, Carral, Aquelabanda, As Travesas, Bruma, Outeiro, A Calle... para coñecer o Castelo de Santo Antón, a Torre de Hércules, o Golfo Ártabro, o encoro de Cecebre, o monumento aos mártires, o Pazo das Candeas, As Encrobas, pazos, cruceiros, hórreos, antigos hospitais, igrexas, pontes, cemiterios ou saborear a cervexa galega, roxóns, filloas, lacoada e torta de Santiago para converter o lector nun auténtico peregrino gastronómico no seu percorrido ata a Catedral".
Unha viaxeira inglesa con raíces irlandesas chega á Coruña en cruceiro e decide seguir a pé facendo O Camiño. María Canosa acompáñaa nesa viaxe polo país para deterse nel, para falarnos do que ve e do que escoita, do que se pode comer e gozar. A viaxe é un motivo para facer unha guía na que falar de todo o noso, do que foi e é, do que nos caracteriza e do que nos gusta, do noso patrimonio e das nosas loitas...
Todos os sentidos alerta. A memoria acude a prestarnos o saber. Tara é o nome da moza viaxeira, o dunha deusa, o da plantación de Foise co vento...
"Eu son Tara. A primeira da miña estirpe, a que reúne no meu nome, e no camiño, o desexo de coñecer as raíces e a firme decisión de avanzar e ser distinta, única"
As ilustracións acompañan moi ben o texto, escollendo a esencia dos lugares e obxectos con cores fortes que se pegan ao verde (non podía ser doutra maneira neste país) e a figura feminina lembrando o cubismo daquelas mulleres que levan dous ollos nun lado da cara.
Etram e Ailux na Terra dos Mortos de Buenaventura Aparicio Casado con ilustracións de Pilar Castro Caamaño, publicado por Ab Origine Edicións. Dous extraterrestres viaxan, tamén no tempo, e aparecen na prehistoria... O encontro entre dúas civilizacións.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario