Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións

sábado, 7 de xaneiro de 2023

De mulleres e néboas

As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores

Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo. 

Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas. 

Porque hai presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias: vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade  e pola que a recoñecemos.

luns, 13 de xuño de 2022

De Cuarto de inverno

Cuarto de inverno, a editora, agasállanos con libros por veces inesperados. Así me resultou a min o de Dorotea Bárcena e agora o das irmás Pura e Dora Vázquez. A mestra corremundos de Arancha Nogueira con ilustracións de Ana Varela pon na boca de Dora a historia de súa irmá Pura que é tamén a súa. Dúas mestras, dúas irmás de Ourense, dúas escritoras en galego no franquismo, dúas pioneiras da literatura infantil. O libro fala deses tempos, da amizade tan grande entre elas, do traballo conxunto, dos éxitos e os durísimos traballos nunha época na que todos eran atrancos. Ese percorrido pola memoria da vida prodúcese ao tempo que dan un paseo pola súa cidade, collidas de ganchete. Unha tenrura polos afectos que contén pero tamén pola maneira de contar, case a modo de conversa entre elas.

Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega. Unha obra de Andrea Barreira Freije publicada por Baía edicións. Asi se presenta: "Este libro que tes nas mans fará que, capa a capa, descubras como funciona o teu corpo. Guiarante as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras doutoras que estudaron na Universidade de Santiago sen ocultar que eran mulleres. Estas contribuíron a debuxar o mapa do noso corpo. Atréveste a seguir os seus pasos?" 

De novo dúas irmás, neste caso xemelgas. De novo dúas mulleres adiantadas ao seu tempo (estas son as primeiras que estudan na universidade de Santiago sen ocultar que eran mulleres, médicas e doutoras, investigadoras). De paso que se conta a súa historia vaise introducindo o estudo do corpo humano e isto faise a modo de instrucións, dirixindo a observación do lectorado, a súa reflexión. Dous tipos de letra para dous textos diferentes que se entremesturan. As ilustracións de Aynara Pereiro contribúen á comprensión pero tamén a esa combinación de ficción e exposición, de pintura e escrita.

luns, 9 de marzo de 2020

De cando as mulleres abriron as portas do mundo

Veleno de tinta impresa de Xosé A. Neira Cruz, premio Ánxel Fole de Narración Curta do concello de Lugo.
Presentación editorial: "Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova... (...) Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro. (...) Unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño."
Un libro necesario: a ficción dun tempo e das mulleres que deixaron unha pegada que o Golpe de Estado borrou e só moito tempo despois se vai descubrindo. Mulleres que acompañaron o camiñar pola liberdade dos homes que foron compañeiros. O tempo no que Emilia Pardo Bazán vivia en Meirás, no que a pedagoga María Barbeito poñía en pé os seus soños, no que Fanny Garrido escribía e traducía compartindo co seu home Marcial del Adalid poemas que el musicaba, no que Sofía Casanova se estreaba como primeira muller correspondente de guerra no estranxeiro, no que María Miramontes cosía para o máis granado da sociedade soruñesa, no que Elvira Vao militaba nas Irmandades da Fala, no que Amparo López Jeán estableceria relacións con César Alvear para posibilitar a saga dos Alvear López con continuarían a labor a pro dos republicanismo, no que Francisca Herrera se preparaba para ser a primeira muller en acceder á Real Academia Galega, no que Filomena Datoescribía e defendía o papel da muller, no que a pianista Eugenia Osterberger compoñía magníficas pezas, no que María Dolores del Adalid pintaba ou no que Carolina Otero acompañaba príncipes.  
Porque ás veces o corazón está encapsulado, porque todo o que poidas perder xa non formaba parte do que tiñas... por todo iso! 

martes, 4 de febreiro de 2020

Varios e ben distintos, sempre de viaxes



A peregrina gastrónoma. Unha guía do Camiño Inglés escrita por María Canosa e ilustrada por Miguel Cerro.
Da presentación editorial:
"Tara, a peregrina protagonista desta guía para as viaxeiras curiosas, elixe o Camiño Inglés e percorre na súa viaxe desde A Coruña ‒un dos puntos de inicio xunto a Ferrol‒ a Santiago pasando por Elviña, O Burgo, Alvedro, Cambre, Carral, Aquelabanda, As Travesas, Bruma, Outeiro, A Calle... para coñecer o Castelo de Santo Antón, a Torre de Hércules, o Golfo Ártabro, o encoro de Cecebre, o monumento aos mártires, o Pazo das Candeas, As Encrobas, pazos, cruceiros, hórreos, antigos hospitais, igrexas, pontes, cemiterios ou saborear a cervexa galega, roxóns, filloas, lacoada e torta de Santiago para converter o lector nun auténtico peregrino gastronómico no seu percorrido ata a Catedral".
Unha viaxeira inglesa con raíces irlandesas chega á Coruña en cruceiro e decide seguir a pé facendo O Camiño. María Canosa acompáñaa nesa viaxe polo país para deterse nel, para falarnos do que ve e do que escoita, do que se pode comer e gozar. A viaxe é un motivo para facer unha guía na que falar de todo o noso, do que foi e é, do que nos caracteriza e do que nos gusta, do noso patrimonio e das nosas loitas...
Todos os sentidos alerta. A memoria acude a prestarnos o saber. Tara é o nome da moza viaxeira, o dunha deusa, o da plantación de Foise co vento... 
"Eu son Tara. A primeira da miña estirpe, a que reúne no meu nome, e no camiño, o desexo de coñecer as raíces e a firme decisión de avanzar e ser distinta, única"
As ilustracións acompañan moi ben o texto, escollendo a esencia dos lugares e obxectos con cores fortes que se pegan ao verde (non podía ser doutra maneira neste país) e a figura feminina lembrando o cubismo daquelas mulleres que levan dous ollos nun lado da cara.

Etram e Ailux na Terra dos Mortos de Buenaventura Aparicio Casado con ilustracións de Pilar Castro Caamaño, publicado por Ab Origine Edicións. Dous extraterrestres viaxan, tamén no tempo, e aparecen na prehistoria... O encontro entre dúas civilizacións.

venres, 17 de xaneiro de 2020

Novidades diferentes: Guindastre Edicións

Supremas de Xan Eguía ven sendo un inventario de mozas mitolóxicas porque " É certo que existen deusas e outros personaxes femininos fascinantes, pero parece que os mitos os escribiron os homes. Porque nos nosos días a maneira de escribir historias aínda se parece moito á de outrora, e mesmo os heroes de ciencia ficción seguen sendo mozos. Ou xa non? Os tempos cambian, e cada vez hai máis heroínas nas novelas, películas e cómics." Xan Eguía recolle todas as personaxes femininas da mitoloxía pasada e do presente creado a través dos videoxogos, películas, novelas, cómics... Xúntaas nun ramallo e preséntanolas creando un relato informal, case familiar, que comeza con Friff (a deusa viquinga da fertilidade, o amor, o fogar, o matrimonio, a maternidade e a sabedoría) e remata con Daenerys Targaryen, a princesa que rexurde do lume, en Xogo de tronos. 
Publicada por Guindastre Edicións, con códigos QR ou entrando na páxina da editorial para escoitar as músicas.
Cóntasenos a historia dun equipo de baloncesto desde diferentes voces: a do narrador ou narradora e a de cada un dos rapaces e rapazas que forman parte do grupo ata chegar á do estraño adestrador que substitúe ao pai dun deles enfermo.
Neste caso, o libro con CD vese transformado en libro con enlace, a historia coa música e o engadido do deporte.
Por certo, chama a atención o feito de que nin ese rapaz non o narrador nos explique algo máis polo miúdo esa enfermidade porque semella que o único que importa é o asunto das xogadas, a preparación de cada un dos xogadores e xogadoras e o cambio no funcionamento do equipo. Iso é o que fai que o libro se limite despois de ter inventado (ou son reais?) cada un dos personaxes, poñendo a historia ao servizo dun obxectivo.