Amosando publicacións coa etiqueta Libros infantís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros infantís. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de febreiro de 2023

De Frankenstein e sorrisos

Operación Frankenstein de Fermín Solís publicado por El Patito editorial. Boris, Vitor e Elsa son irmáns e deciden crear un Frankenstein cos restos de obxectos que atopan no lixo e outras que buscan, por exemplo, a cabeza vai ser unha das que utiliza súa tía para mostrar as perrucas ou unha perna ortopédica dun familiar. Unha vez que o teñen, conéctano á electricidade e aínda que semella que non funciona, o que os leva a abandonalo, ao cabo dun tempo poden velo no escaparate dunha galería de arte dando golpes de kárate. "Está vivo", berran os cativos. Dun Frankenstein a outro, dunha historia clásica a un xogo infantil... Diversión garantida.

O poder máxico do sorriso de Thalía Troitiño González ilustrado por Luz Beloso e publicado por Galaxia.

Mara dálle voltas ao seu selo de identidade, o seu sorriso. Así descobre que os ten de moitos tipos, un para cada ocasión (coma os traxes). Ten sorriso de ledicia, de tristeza, vergonzoso, coqueto, falso, de medo, de amor... E remata cun "Debuxa aquí os teus sorrisos"

Porque sempre hai algo no que fixarse, algo que investigar (tamén sobre unha mesma), algo do que sentirnos contentas...

sábado, 7 de xaneiro de 2023

De mulleres e néboas

As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores

Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo. 

Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas. 

Porque hai presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias: vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade  e pola que a recoñecemos.

sábado, 8 de outubro de 2022

Novos libros infantís de Uxío Novoneyra

 

En vida, Uxío Novoneyra publicou tres libros infantís (O cubil de Xabarín, Gorgorín e Cabezón, Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín) grazas a Xulio Cobas que por entón andaba por Edelvives e se dou conta da riqueza do poeta do Courel, tamén para a rapazada. 

Agora, moito tempo despois, descubrimos catros xoias que publica a Fundación con ilustracións de Miguel Robledo e aos que podmeos acceder tamén na voz de Elba Rey, Manuel Jabois e Nieves Neira. Unha pequena presentación fala de Roxín Roxal e os seus contos, de cando andou polo mundo da terra e o ceo recollendo aventuras e alimentando memoria. Un voabulario para axudar a entender o léxico do autor, o xogo coa súa caligrafía

Contos de Roxín Roxal é un pack de sete contos de Uxío Novoneyra ilustrados por Miguel Robledo. Os xa coñecidos: O cubil do Xabarín, Gorgorín e Cabezón, Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín e os novos:  A cabana de Sancor, Lucín e as paxarelas, Colorín e Mirabrouco e Vagaface, Brumalión e o can de pedra. E tamén: "Audiolibros lidos por escritores de referencia que acompañan a primeira edición completa da colección de contos inéditos de Uxío Novoneyra Contos de Roxín Roxal, composta por “Vagaface”, “Colorín e Mirabrouco”, “A cabana de Sancor” e “Lucín e as paxarelas”.

A cabana de Sancor cóntanos como conseguirán ter unha nova casa (o neno e seu pai) gardando a antiga para non perder aos animais que por alí andan e que o pequeno ten por amigos. Trátase das toupas, os grilos e os gorrións. Trátase de conseguir algo máis de terra para ampliar a cabana e de ver como os animais os axudan. 

Lucín e as paxarelas. Neste caso, preséntase todo texto en maiúsculas para contar a historia do pequeno que se vai detrás das bolboretas, menos mal ao caer a noite o atopan seus pais ao pé dun cruceiro onde as paxarelas se pousaron para durmir nas mans de pedra do cristo.

Vagaface, Brumalión e o can de pedra. Brumalión busca á moza Vagaface, tenta esculpila en neve; Can de pedra, o penedo... Esa busca. "Brumalión sentiu como se houbera perdido todo canto tiña, e como un berro lonxe. E outra vez esa coñecida e aceptada tristura de todas as perdas -o eterno elexíaco- mesturada co seu ensoño e misterio, duda e busco, que lle graban a mirada i as poucas verbas." O poder das palabras propias, daquelas gardadas ao longo dos séculos,

Colorín e Mirabrouco. O positivo e o negativo, a luz e a sombra, a primavera e o inverno. Dous mundos contrapostos: o neno Colorín cos primachorros  chamando a primavera, Mirabrouco cos alacráns buscando o negror, o ben e o mal...

Que nunca se esqueza o galego do Courel, dixo o poeta.

martes, 13 de setembro de 2022

Un de cada

 

De Baía:  Por tobos e tobeiras. Así o presentan..."Sabías que o raposo é un desastre, mentres que o teixugo é moi limpo e ata ten o seu propio baño? E que estes son os dous veciños que a miúdo comparten un tobo? Paréceche difícil de crer? Ven con nós botar unha ollada ao interior das cámaras misteriosas que se atopan ao pé de tocos e árbores caídas. Abriremos camiños subterráneos para visitar felices familias de coellos, veremos se cadra osos a durmir nas súas camas ou algúns armiños falcatrueiros. Esta enciclopedia de fermosas ilustracións que forma parte do libro ensinarache moitas cousas interesantes sobre o mundo animal; entre outras, o feito de que o oso pardo, aparentemente impoñente e temido, prefire manterse a unha distancia prudencial dun certo animalciño miúdo… A obra presentásenos con dúas ofertas distintas, mais complementarias, de achegamento de información: a) a tradicional, co formato dunha enciclopedia, que dá a coñecer algúns dos animais máis habituais nestes biótopos; b) un modelo de tobo, con páxinas troqueladas, no que os seus habitantes non informan de forma simpática e divertida o seu particular modo de vida." Eu, debo confesar que só vin o libro troquelado.


De Nova Galicia Edicións: Yared visita ao dentista. Para perderlle o medo, non?

De Aira: Píntame un camiño. Para colorear.

xoves, 12 de maio de 2022

Libros de gran formato: Camiñando camiñando e A estrambótica volta ao mundo en oitenta días


Libro do Camiño: Camiñando camiñando

Camiñando camiñando de Xosé Luna con ilustracións de Olaya Naveira, publicado por Bolanda

Gran formato nun xogo de deseño e ilustración, con poemas ao redor do camiño, esa estrada da vida á que Luna se refiere Camiñando camiñando... a estrada da vida imos andando á que acompañan pequenos anacos poéticos doutros autores como Nicolás Guillén, Lorca, Machado, Rosalía, Castelao... e remata cuns haukus do camiño. 

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días de Pinto e Chinto, publicado por Bululú.

A historia de Verne contada co humor desta parella que é quen de atopar o lado cómico de calquera situación, de aí que avisen aos posibles lectores e lectoras: "(...) os autores recomendámosche que leves posto traxe de mergullador cando chegues ao episodio do océano. E que se agora estás cun chapeu na cabeza, cando chegues á páxina dos tornados o suxeites ara que non che voe. E que te abrigues ben cando chegues ao parágrafo onde aparece a montaña. E que poñas un traxe ignífugo cando chegues ás liñas onde se flaa dunha gran fogueira. E que leas este libro á sombra cando chegues ás partes do relato nas que loce o sol. E que abras o paraugas e te calces botas de augacando cheguesa esa pasaxe na que chove".

Preparados/as entramos nunha historia que é a mesma e distinta á vez.

xoves, 17 de febreiro de 2022

Dous libros de Susana Peix

Miko un heroe con moita fame de Susana Peix e Julilustrador, Un lobo de conto da mesma autora con iustracións de Mercè Canals. Os dous publicados por Cumio Editorial, na colección Lemos +6. No primeiro deles coñecemos a un coala que a pesar das ganas que ten de comer as follas máis tenras dos eucaliptos, non dubida en salvar a dúas crías de paxaro que corren o risco de ser comidas por un dragón barbudo; despois, está tan canso que non dá subido á árbore para comer, pero a nai dos paxaros levaralle esas follas coas que recupera  a vida. Na presentación dise: "Axudar aos demais sen esperar nada a cambio é un sentimento positivo que nace do altruísmo. Hai un valor humano chamado empatía que nos ensina a nos pór no lugar dos demais e nos fai mellores persoas". Pois si, diso vai a historia.

O segundo, Un lobo de conto, aparece así presentado: "En tanto que os seus brincaban no bosque e aprendían a ser lobos, o pequeño lobeto sempre ficaba na cova. Encantáballe escoitar os contos que lle contaba a súa nai. Era una grande inventora de historias! Os seus irmáns pensaban que esas historias eran unha perda de tempo, até que un día o lobiño lles deu unha boa lección." Porque ouvear para chamar e que ninguén se perda ou contar contos tamén ten o seu valor. Da presentación recollemos: Ser diferente non é algo negativo, aínda que moitas veces o vivamos dese xeito por causa do noso medo. Todas as persoas somos diferentes e, moitas veces, esa diferenza é a que nos fai ser tan especiais.

Preparados para unha lectura doada e buscándolle os valores que os acompañan...

sábado, 5 de febreiro de 2022

Libros de tamaño grande

Ás veces atopamos libros cun tamaño que nos semella excesivo para o seu valor literario, incluso por veces tamén, para as ilustracións que acompañan o texto, por iso sempre animamos a pasar pola libraría a coñecer as novidades, a deterse na lectura de imaxes e texto e non deixarnos levar polo reclamo comercial ou polas dimensións.

Enyd e o bosque esquecido de María Quintana Silva, ilustrado por Silvia Álvarez e publicado por Triqueta Verde na colección "Camiñemos cara a un mundo verde". Porque no bosque están fartos do lixo que lles levan os humanos, o mapache decide comezar a protesta, vaino seguir Enyd e o sapo. Ao chegar á cidade, os veciños secúndanos. Ademais, vai arder o bosque e van traballar por recuperalo. 

Un texto que defende valores medio ambientais. Un libro con grandes ilustracións moi coloristas, realizadas a pastel, que non só enchen a páxina senón que nun caso se abren a ambos lados duplicándose e converténdose en doble páxina.  

Olivia e o clarinete máxico de Francisco Álvarez Koks con ilustracións de Emilio Baz e publicado por mr.momo.es en tres linguas (galego, castelán e inglés) cóntasenos a historia dunha nena que atopa o clarinete de seu avó nun baúl; decide tocalo e cando o fai nun concerto sente que todo se ilumina como nunha milagre.

A editorial Fervenza que nos tiña acostumadas ao teatro, está a publicar relatos ilustrados e álbumes. O porco Farruco de Margarita Fernández, ilustrado por Sabela Cadarso, con algunha rima que non se sitúa no final da liña e unha historia: a do porco namorado da veciña que pensa que non lle corresponde porque está pálido así que decide baixar á praia; ante a cantidade de dificultades que lle van xurdindo el repite:"Seguirei adiante con tal de coller cor  /  Ai, canto se fai por amor...!" Ilustracións dixitais moi evidentes.

Unha ponte para Najla. Construíndo unha ponte de amor entre os pobos de Maite Herrero Ameixeiras con ilustracións de Joseba Plazuelo. A avoa fala cos netos do Libro da vida, de que se pon triste ao ver os sirios fuxindo e acórdase de cando no 1939 un tío seu estivo nun campo de refuxiados francés "porque calquera persoa de calquera lugar se pode converter en refuxiado". Os netos coñecen unha nena siria que acabará indo á súa escola e usan camisetas que levan o lema Open the borders,o irmán ten un soño no que ve como os refuxiados dun lado do mundo se poden atopar no medio dunha ponte de luz cos do outro lado.