Amosando publicacións coa etiqueta Luz Beloso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luz Beloso. Amosar todas as publicacións

martes, 29 de xullo de 2025

Un novo libro de Miguel Ángel Alonso, agora poesía

De príncipes, princesas e outras andrómenas de Miguel Ángel Alonso está ilustrado por Luz Beloso e publicado por Xerais na colección Merlín.

Preséntase así: "Este é un libro de princesas que bailan, que xogan ou que espertan. Tamén de princesas que se anoxan e que se alegran. Hai algunhas que loitan e outras que berran. Xunto a princesas que fan do silencio a mellor ferramenta. Pódese cambiar a palabra «princesas» por «príncipes» e todo será igual. Porque este é un libro de poemas que claman a favor da igualdade." 

Un libro fermoso no que se coida ata que o primeiro verso estea en vermello, no que as ilustracións asumen significados simbólicos como ese neno demasiado pálido coa kufiya posta para falar de guerra ou a resolución da historia do príncipe arrogante que daba medo ás mulleres por medio de dúas imaxes, cando o poema se fai adulto a ilustración vólvese surreal e maior, as princesas que queren xogar ao fútbol aparecen co balón pero xogando na rúa (o que lles falta é o campo), 

Falar de igualdade en base a príncipes e princesas, como aquela folgazana que non se dá erguido cando chega o príncipe (vaille tocar durmir todas as páxinas do conto), ou o príncipe condenado a contar roda a eternidade por chegar sempre tarde, aquela que se fartou de vestir de rosa e cambiou por mil cores tirando a violeta,  o príncipe galante que por deixar pasar ás mulleres non pode regresar ao reino que decepcionou, a princesa que marchou do conto por vontade propia, o príncipe que non vai á guerra e perde o trono, a igualdade entre príncipe e princesa, as princesas que queren xogar ao fútbol pero non teñen balón e deben decidir se agardan a que llo traian ou van a por el, as limitacións que lles poñen aos homes e a rebelión necesaria, as reivindicacións da Asociación das Mulleres Fartas de Ser Silenciadas e da Asociación de Homes Cansados de Pelexar,  o príncipe que non fai nada porque di que non sabe, non hai cousas diferentes para príncipes e princesas, detrás dun nome (Andrea) hai un príncipe ou unha princesa ou simplemente un ser, ue hai detrás dun nome, o que pode haber detrás do príncipe ideal, aprincesa que se farta de que lle digan como ha de vestir, os príncipe que vive facendoo que outro queren e non conforme aos seus desexos, a princesa que di que quere reinar ela e non seu irmán cando en realidade o que queren é montar unha libraría entre os dous...    

A verdade verdade é que se fala de príncipes e princesas para dicir homes e mulleres, nenos e nenas, para colocar no terreo simbólico do conto a igualdade que debe impregnar a realidade.

mércores, 15 de xaneiro de 2025

Unha nova obra de Miguel Alonso e Luz Beloso

O tándem Miguel A.Alonso e Luz Beloso é quen de crear uns produtos moi especiais. O último é O soño de Emma publicado por Embora.

As imaxes características de Luz, coas nenas bonecas de ollos grandes, gardas dun colorido impresionante nas que as figuras de paisaxe se transforman en figuras xeométricas xogando cunha tonalidade de fondo (laranxa ou azul), unhas mulleres en zancos debuxando as letras, o texto en estrofas co versos de catro sílabas preséntanos a nena, unha letra que forma parte do seu nome e debemos adiviñar con algunha outra pista tanto textual como gráfica pois aparece representadade maneira persoanalizada a modo dun boneco de peluche, a letra soña con ser número para pode sumar cousas boas e restar as malas, as referencias á Georges Seurat (tarde festiva no parque), as gardas e demais casas a Paul Klee, nas cores e as formas redondeadas Sonia Delaunay, figuras de Picasso especialmente do Guernika e de Goya. Un percorrido polos artistas que a emocionan para acompañar os versos de Alonso que xogan con letras e números que se moven entre os naturais, enteiros, racionais... pero, sobre todo, entre a bondade e a maldade, o que se debe sumar para levalo con ós e o que se debe restar para deixar atrás, para sempre. Para que imos querer as guerras, o odio, a morte, a fame ou a envexa?

Así se presenta: "Qué teñen en común Emma, unha vogal, os números e a pintura?

Pero ela quería ser un número,

soñaba con sumar

bicos, amigos, paxaros,

voces e nubes de lento pasar.

Pero tamén quería ser un número

tamén para restar

envexar, fame, morte,

odio e guerras de triste vagar."

Unha obra realmente moi persoal dun escritor e unha ilustradora, sempre dispostos a crear un novo a orixinal libro.

domingo, 19 de febreiro de 2023

De Frankenstein e sorrisos

Operación Frankenstein de Fermín Solís publicado por El Patito editorial. Boris, Vitor e Elsa son irmáns e deciden crear un Frankenstein cos restos de obxectos que atopan no lixo e outras que buscan, por exemplo, a cabeza vai ser unha das que utiliza súa tía para mostrar as perrucas ou unha perna ortopédica dun familiar. Unha vez que o teñen, conéctano á electricidade e aínda que semella que non funciona, o que os leva a abandonalo, ao cabo dun tempo poden velo no escaparate dunha galería de arte dando golpes de kárate. "Está vivo", berran os cativos. Dun Frankenstein a outro, dunha historia clásica a un xogo infantil... Diversión garantida.

O poder máxico do sorriso de Thalía Troitiño González ilustrado por Luz Beloso e publicado por Galaxia.

Mara dálle voltas ao seu selo de identidade, o seu sorriso. Así descobre que os ten de moitos tipos, un para cada ocasión (coma os traxes). Ten sorriso de ledicia, de tristeza, vergonzoso, coqueto, falso, de medo, de amor... E remata cun "Debuxa aquí os teus sorrisos"

Porque sempre hai algo no que fixarse, algo que investigar (tamén sobre unha mesma), algo do que sentirnos contentas...

venres, 3 de febreiro de 2023

Novidades

 Imos vendo...

Portugal de Carlos Meixide. A continuidade da serie protagonizada polos cinco amigos (Anabel, Roi, Suso, Fátima e mais a Rula), que neste caso e despois do pasamento do avó de Roi viaxan ao país veciño para enfrontarse a novas aventuras. Sempre lembro aqueles primeiros de título monosílabo (Ons e Cans) para continuar con máis sílabas e topónimos (Guitiriz e Arousa), desembocando, neste caso, no nome dun país (Portugal)

Amiga lúa, amigo mar de Claudia Castro e Luz Beloso, publicado por Galaxia. Poemas tecidos a partir doutros versos de escritoras estranxeiras (maioritariaente) que, segundo a presentación editorial "nos fan vogar por augas salgadas ao abeiro do luar".

O país dos raposos de Andrián Noia, 2º premio da Xuventude crea 2021 na categoría "Novela curta". Unha distopía, unha historia que xa comeza co máximo de violencia e á que lle debería ter dado un tempo para repousala e mellorala  tanto no continente como no contido. Porque podía ter dado algo moi especial... A présa mátanos. Así se presenta: "Nun país calquera, a vida cotiá vese alterada pola sublevación dun grupo terrorista que quere impoñer un réxime violento. Dous irmáns, membros da alta Administración do extinto Estado democrático, son obrigados a colaborar na nova causa. Con todo, a sociedade en vías de construción nace da vontade persoal dun individuo, aflixido polos seus traumas máis profundos. Amor, violencia, hipocrisía e distopía son os temas que se mergullan nesta historia inverosímil, pero factible. Así e todo, ninguén coñece, a ciencia certa, cal é o seu porvir"

domingo, 4 de decembro de 2022

Un novo álbum de Luz Beloso

Un novo álbum de Luz Beloso, O poder máxico do sorriso, da autoría de Thalía Troitiño González e publicado por Galaxia na colección de álbum con pastas brandas. A modo de inventario de sorrisos, de definición de cada un deles, funciona esta historia que nos vai presentando porque cada sorriso (di) é coma un traxe que te colocas. Hainos de ledicia (que vai de orella a orella deixando ver os dentes e engurrando os ollos), o da tristeza (que aparece nas despedidas e non abre a boca), o vergonzoso (lixeiro e con rubor nas meixelas mentres inclina a cabeza), o coqueto (que mira e non mira, que ri e non ri), o falso (no que so ri a boca pero non os ollos), o do medo (cos ollos paralizados) e o do amor (que aparece unicamente con quen queres moito, nas miradas e nas apertas). Ao final, pídeselle ao neno ou nena lectora que debuxe os seus sorrisos na última páxina, así formará parte do libro, pero sobre todo, observará as súas expresións, as súas emocións. 

Anunciamos este entrada coa ilustradora, porque Luz Beloso ten un estilo moi especial e recoñecible, que salta sobre calquera outra participación na obra.