Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Meixide. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Meixide. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de agosto de 2023

Os eólicos aparecen na LIXG (aínda que só sexa para que tropecen as naves extraterrestes)

Ánxela e Spencer de Carlos Meixide é unha novela infantil, situada entre Guitiriz e Betanzos (sei da querenza do autor polos topónimos, por algo asinou as novelas xuvenís Ons, Cans, Guitiriz, Arousa e Portugal). As ilustracións de Julia Lago (a ganadora do Premio Castelao con Nós seis son moi persoais e recoñecibles.

Así se presenta: "Na aldea onde vive Ánxela, os muíños do parque eólico deixaron de xirar coma todos os días. A xente di que houbo un accidente, que unha avioneta se estrelou contra eles, que o exército anda a facer pescudas pola contorna... As preguntas aumentan cando Ánxela atopa, no galiñeiro da súa casa, un peluchiño adorable con aspecto de toupa. Di que se chama Spencer. Pero... Quen é? De onde vén?, e sobre todo..., como se pode ser tan bonitiño? Unha emocionantísima viaxe repleta de humor e trepidantes aventuras." Tamén de tenrura, afectos que se materializan en actos e caricias, que dan resultados de tal forma que se alguén se empeña en libros de emocións igual teñen que ler este, para ver como se pode tratar esa temática sen ñoñerías.

Dúas rapazas dispostas a todo para defender a unha criatura doutro planeta, dúas familias que botan mans sen demagoxias nin mimos, a presenza do rural nunha historia moi actual, amores e celos que se tratan dun xeito san, a música galega asentada na obra (a de antes e a de agora)... e un relato para ser lido, sen dúbida. Para min, o feito de que aparezan os eólicos, aínda que sexa ao paso, achégalle un plus de autenticidade porque dende qué aldea non se ven parques eólicos?

venres, 3 de febreiro de 2023

Novidades

 Imos vendo...

Portugal de Carlos Meixide. A continuidade da serie protagonizada polos cinco amigos (Anabel, Roi, Suso, Fátima e mais a Rula), que neste caso e despois do pasamento do avó de Roi viaxan ao país veciño para enfrontarse a novas aventuras. Sempre lembro aqueles primeiros de título monosílabo (Ons e Cans) para continuar con máis sílabas e topónimos (Guitiriz e Arousa), desembocando, neste caso, no nome dun país (Portugal)

Amiga lúa, amigo mar de Claudia Castro e Luz Beloso, publicado por Galaxia. Poemas tecidos a partir doutros versos de escritoras estranxeiras (maioritariaente) que, segundo a presentación editorial "nos fan vogar por augas salgadas ao abeiro do luar".

O país dos raposos de Andrián Noia, 2º premio da Xuventude crea 2021 na categoría "Novela curta". Unha distopía, unha historia que xa comeza co máximo de violencia e á que lle debería ter dado un tempo para repousala e mellorala  tanto no continente como no contido. Porque podía ter dado algo moi especial... A présa mátanos. Así se presenta: "Nun país calquera, a vida cotiá vese alterada pola sublevación dun grupo terrorista que quere impoñer un réxime violento. Dous irmáns, membros da alta Administración do extinto Estado democrático, son obrigados a colaborar na nova causa. Con todo, a sociedade en vías de construción nace da vontade persoal dun individuo, aflixido polos seus traumas máis profundos. Amor, violencia, hipocrisía e distopía son os temas que se mergullan nesta historia inverosímil, pero factible. Así e todo, ninguén coñece, a ciencia certa, cal é o seu porvir"