O segredo da serpe de Abel Alves e Esteban Tolj publicada por Demo. Á segunda entrega da serie ambientada na Galicia da segunda metade da século XIX que leva o nome de "Aventuras de Antón Dedo d'Ouro". O primeiro título foi A tumba de Breogán. Tratábase dun relato de aventuras ambientado na Coruña do 1870 cun papel importante da Torre de Hércules ou o Colexiata de Santa María do Campo. Nel mesturaban personaxes absolutamente fiticios con outros históricos coma o matrimonio Manuel Murguía e Rosalía de Castro xunto con Emilia Pardo Bazán ou Eduardo Pondal que se nos presenta coma un intelectual curioso disposto a correr todos os riscos necesarios para descubrir o que hai de real acerca da tumba de Breogán que aparece nunha inscrición. O intrépido e valeroso Antón Dedo d´Ouro, un antigo bandoleiro sen recursos, será quen axude ao bardo de Ponteceso na aventura.
Neste segunda entrega, será Rosalía de Castro a que lle encarga ao ex bandoleiro a busca de Pondal que ten desaparecido. Antón Dedo d'Ouro está en horas baixas, unha perda teno sumido no alcohol e o abandono, pero aínda así poñerase en marcha. A busca levarao ata a aldea de A Serpiña onde se perdeu a pista de Pondal que anda investigando acrca dunha antiga relixión ao redor da serpe. Contra a súa vontade varase acompañado por unha mociña desexosa de aventuras. Trátase da xove Sofía Casanova que semella comezar así unha azarosa vida de xornalista e viaxeira farta xa de coñecer ese mundo a través das lecturas das obras de Dumas. Cando semella rematar a novela gráfica, o inimigo que semella morto (un italiano que persegue toda crenza anterior á cristiá) abre un ollo e deixa ao lectorado pendente da seguinte entrega.
A introdución de personaxes históricos galegos, a situación da acción dentro do nosa xeografía fálanos dunha BD enraizada no país. A utilización destas figuras, igual que a iconografía que se crea ao redor de Rosalía, Castelao... noutros campos é algo interesante que pode atraer a un público novo, do outro lado está o risco de que estes intelectuais se desfiguren e desnaturalicen, pero non creo que sexa o caso.
Unha utilización escasa de cores que vai do dourado do día ao azul da noite e o vermello das túnicas dos que realizan o ritual e da sangue dota o traballo de elegancia. Viñetas e debuxos que parten sempre do interese en que a lectura sexa clara e deixar o pensamento libre para seguir remoendo vidas e aventuras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario