Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de setembro de 2025

Rosalía oculta, premio Castelao Banda Deseñada

Rosalía oculta acadou o premio Castelao de Banda Deseñada en 2023. Aparece agora publicada pola editorial Galaxia.

Así se presenta:

"Unha obra que afonda na verdadeira identidade de Rosalía de Castro, máis aló do mito, ofrecéndonos unha visión íntima e reveladora dunha das figuras máis importantes da nosa literatura.
A través dunha coidada investigación e unha narración visual envolvente, Rosalía oculta reconstrúe a vida da autora a partir das súas experiencias e da súa obra. 

Amosa unha muller que loitou contra as inxustizas do seu tempo. Rosalía de Castro foi unha pioneira. No século XIX, cando as mulleres estaban confinadas ao fogar, ela ergueuse como unha voz poderosa que denunciou as inxustizas do seu tempo. A súa obra fala da terra, da opresión e da marxinación, de cuestións tan actuais como o feminismo, as diferenzas de clase, a emigración ou a androxinia. Pero quen era realmente Rosalía?

Esta novela gráfica non pretende dar unha resposta definitiva, senón construír, a través da banda deseñada, un relato fragmentado e cheo de matices sobre a súa identidade, os seus conflitos e as súas loitas. Porque a súa figura, coma a súa poesía, é un quebracabezas que nunca deixamos de reconstruír.

Paula Mayor, artista e ilustradora coruñesa, emprendeu unha intensa viaxe documental para achegarse á verdadeira Rosalía. Tras dous anos de investigación, presentouse ao Premio Castelao de Banda Deseñada cun proxecto que reinterpreta a vida da escritora desde unha perspectiva nova e valente. O resultado é este libro: unha obra que desafía as imaxes preconcibidas e nos convida a redescubrir a unha Rosalía máis humana, máis real e, sobre todo, máis viva ca nunca.

Con Rosalía oculta, Editorial Galaxia reforza o seu compromiso coa banda deseñada galega e coa reivindicación das nosas voces máis icónicas. Non perdas a oportunidade de descubrir esta novela gráfica única.

Rosalía segue a falarnos. Só hai que saber escoitala."

A nivel visual xoga cunha iconografía simbólica e romántica de flores, máscaras e orlas, moitas veces con fondo negro ou escuro que lle achegan dramatismo e beleza. Debuxos en branco e negro e apenas cor para relatar a biografía nos momentos menos luminosos a nivel persoal e social. Xogos plásticos como esa herba case puntillista para a natureza nos días de festa cos Pondal ou no banquete de Conxo traxes patrimoniais para a festa e o baile, a brillantez do teatro, a alternancia de cores e a súa ausencia para separar as emocións de cada tempo, os fondos realistas das cidades a modo de decorado, o expresionismo das bocas enormes cando son murmuradoras asemellándose amáscaras de morte ou os enormes ollos de Rosalía que lembran o manga, variedade e cantidade de metáforas visuais e sempre a palabra de Rosalía nos dous idiomas certificando o relato. Moitas das planas servirían para magníficos cartaces. Doce capítulos nos que dividir unha vida curta e frutífera, un contido extra con "A xustiza pola man" e un esquema xeral feito de debuxos en branco e negro a modo de guión xeral.

Un libro no que non se escatimaron esforzos, documentación e creatividade ao redor da poeta nacional, unha obra digna da escritora que busca envolvela nas luces e sombras do seu tempo e a propia biografía. A ela haberá que vover en moitas ocasións e dará moito que pensar e preguntar ao lectorado novo.   

martes, 13 de agosto de 2024

O sombreiro de Murga na Casa de Rosalía

O sombreiro de Murga na Casa de Rosalía. Todo comeza cando percorres a Casa da Matanza e nunha das salas aparece o sombreiro de copa de Manuel Murguía, o guía fala do home de Rosalía, do seu tamaño real e simbólico. Cando a visita remata e estás saíndo, na tenda aparece o libro que se presenta así: "Murguía era pequeno, tan pequeno, que os amigos lle chamaban Murga, “o rato”. Cando veñades, os máis cativos, á Casa de Rosalía na Matanza, tendes que saber que no cuarto de enriba, no sobrado, deibaixo do sombreiro de copa de Murguía, efectivamente, vive un rato…" Da autoría de Manuel Lorenzo Baleirón, está ilustrado por Bea Gregores e conta cunha segunda parte, a modo de obra informativa chamada "A hucha de Murga" na que se fala de distintos elementos relacionados co lugar: presçéntase a Casa de Rosalía no pasado e na actualidade, a chisteira negra de Murguía cedida pola RAG, o xardín da casa con diferentes árbores (carballo -unha tropeza do de Guernika), figueira, camelios, loureiro, árbore do coral,  ombñu...), o pote do caldo (para facer o caldo de gloria), a casa representada na cerámica Celta), as fotos, os compañeiros de viaxe (Vicetto, Pondal, Aguirre, Chao...), os libros (Cantares e Follas), o cuarto dende o que se ve o mar, as pinturas de Ovidio (o fillo da Xeración Doente), o piano e as referencias aos lugares ("Como miudiño chove") e aos barcos ("Inchadiña branca vela").

O rato, que vive na chisteira recibe o nome de Murga (seica tamén chamaban así os amigos a Murguía) e sae polas noites para percorrer os lugares da casa e os de fóra, creando misterios que só el sabe resolver.

Unha obra entre a ficción e a realidade, entre a verdade novelada e os animaliños sempre próximos ás crianzas.

Conta cunha guía de lectura elaborada por Pilar Ponte. 

mércores, 17 de xullo de 2024

De Rosalía

 

Un poema de Rosalía: "Miña casiña, meu lar" e as ilustracións de Blanca Millán nun álbum ilustrado de Galaxia.

O texto na versión orixinal o que dificulta algo pola diferenza de normas ortográficas. As ilustracións moi expresivas e características da ilustradora, con certas chiscadelas á arquitectura e vexetación... un xogo entre o vello e o novo (esas roupas, tendas e produtos) fronte ao pote do caldo. Esas cores vivas fronte a unha historia triste. Non vai deixar indiferente!

Preséntase así: "A loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia todo a alegría por vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. Todo isto está no reivindicativo poema de Rosalía de Castro que Blanca Millán ilustra neste libro, con mestría."

domingo, 7 de xullo de 2024

Unha nova colección de libros: Miudiños de Cumio

 

Na nova colección de libros Miudiños de Cumio aparecen dous títulos: Luís Seoane e Rosalía de Castro da autoría de Alba de Evan e Xabier Domínguez. Unha edición magnífica, unha boa escolla de artista e escritora pola que comezar, dous referentes da nosa cultura que dan moi ben para un comezo glorioso. Poucas veces nos chegan ás mans edicións tan coidadas e que se presentan así: "Unha vida feita poema. A colección Miudiños conta a vida de artistas importantes da nosa cultura a través de diferentes biopoemas: poesías que falan das súas vidas e obras."

Teño que confesar que xustamente os biopoemas son o que cambiaría, semella que non están ao mesmo nivel dunha edición impresionante e unha ilustracións de gran calidade. O texto introdutorio e a liña cronolóxica, a pintura de Seoane ou o poema de Rosalía para pechar o libro, tamén resultan moi acaídos. Igual hai que facer os experimentos con máis coidado, porque o desequilibio que se crea entre o texto e a ilustración e deseño da obra resultan chocantes, porque estamos moi necesitados destas obras e precisamos non perder oportunidades.

Parabéns a Bea Gregores porque nunca nos defrauda, porque se supera a si mesma e vai máis alá, tal como precisa a nosa rapazada. 

xoves, 9 de novembro de 2023

De Xosé Tomás e a AS-PG un libro ao redor de Rosalía de Castro

 

Cando penso que te fuches é unha obra de Xosé Tomas que aborda dende a perspectiva plástica a obra de Rosalía. En palabras do autor este poema é, de principio a fin, unha gota de auga que cae nunha poza e  se espalla en todas direccións. As imaxes suxeridas e que suxiren interpretacións e abren fiestras a que cada unha de nós a sinta nos momentos vitais persoais.

En branco e negro, buscando o expresionismo, espindo as imaxes de artificios, para chegar á pureza da mensaxe, crúa e directa. Dende ilustracións a recreacións, de novas interpretacións a creacións noutro ámbito, da banda deseñada á actualización da mensaxe, Xosé Tomás toma os poemas para convertelos en imaxes que acompañan as palabras dun xeito tan contundente como nese "Sen niño" de Follas Novas no que as imaxes de guerra e desa pomba da paz convertida nun xoguete a corda que non pode facer nada por si mesma, no medio dunha guerra na que a rapazada sofre. Realismo e simbolismo, actualización da mensaxe e sensibilidade pura.