mércores, 28 de xaneiro de 2026

Os libros das Letras. Os fíos de Begoña

Xerais estase especializando en publicar magníficos libros das Letras que nos achegan ao personaxe a quen estas están destinadas.

Faino este ano con Os fíos de Begona de Eva Mejuto e Nuria Díaz, a modo de álbum.  A ilustradora dedícalle o libro a súa nai "por axudarlle a tecer os fíos desta historia". Certamente hai fíos que debuxan na cuberta poñendo o título, nas gardas mostrando o mundo propio da muller que traballou nos medios de comunicación e teceu novas historias en base aos antigos mitos, novas versións nos que estereotipos e roles foron transformados para entregarlle a voz ás mulleres, devolverlles a palabra que dende o principio dos tempos lles fora roubada.

Unha pequena biografía como di o subtítulo, que comeza cunha cita de Begoña Caamaño "Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta" que nos estremece. Mejuto comeza falándonos das Moiras de como tecían un fío co destino de cada persoa ao nacer e vainos contando a vida de Begoña: a gran imaxinación que a acompaña dende a infancia, as lecturas que a acompañan sempre achegándose as historias e esa necesidade de identificarse cos personaxes, o tempo de estudios e as boas profesoras que atopa e que será referencia, o espertar da conciencia social, o traballo na radio, o activismo social, os seus gustos e aficións, a súa escrita de dous libros a partir dos corenta a cinco anos nos que traballa cos mitos gregos e da materia de Bretaña para darlles voz ás mulleres ata a súa morte. Os fíos forona levando de un a outro lugar, duna outro ámbito, entre as amizades e as cantigas, a festa e a alegría... e o fío continúa despois da súa morte, con todas as homenaxes ( O libro das amigas, Begoñísima, De Circe a Morgana. Homenaxe das escritoras galegas a Begoña Caamaño, o premio da Deputación da Coruña que leva oi seu nome, a declaración de filla adoptiva de Santiago e a homenaxe Embegoreñadas, o seu nome nun parque de Compostela, a estrea da obra teatral Morgana en Esmelle por Sarabela teatro... e a declaración da RAG pola que o 2026 se lle dedicarán as Letras Galegas (aquelas que tanto defendeu).

Remata o libro cun "Para sabermos máis" onde se esquematiza todo o relatado e un código QR nos anima a escoitar as cancións da súa vida. 

Escribe Eva, coa voz que se dirixe a nós e comenta esa vida con chiscadelas oara que podamos entendela mellor dende os noso ollos de hoxe. Engade comentarios e datos a modo de libro informativoe percorre todos os campos nos que hai algo que dicir.

Así se presenta: "A vida de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, foi un fío extraordinario que se pode seguir nas páxinas desta biografía ilustrada. Desde a súa infancia inventando xogos ata converterse nunha das voces máis importantes da radio, do activismo e da literatura galega, Begoña loitou sempre pola xustiza, polo galego e pola igualdade, tecendo redes de amizade e escribindo. Nas súas obras, deulles voz e puxo no centro a mulleres que a literatura deixara nun segundo plano. O fío de Begoña rompeu cedo de máis, pero os fíos da memoria permanecen e manteñen vivo o legado dunha figura clave na cultura galega contemporánea." 

Ningún comentario:

Publicar un comentario