O pequeno león de Jacques Prévert con tradución de Tamara Andrés e fotografías de Ylla dentro do proxecto de recuperación de clásicos infantís que Kalandraka leva a cabo. Neste caso, presenta unha obra que data de 1947 na que foi publicada co texto censurado pero que agora acada a plenitude con el completo, afastado do moralismo e didactismo.
Os libros de fotografía para o público infantil seguen a ser unha especie rara e cargan a lacra de considerar que a imaxe fotográfica ten menos capacidade para estimular a imaxinación infantil.
Da presentación editorial: "Na Casa de Feras o cachorro de león soña coa selva, da que a súa nai tanto lle falou. Tras lograr a súa liberdade, comeza unha trepidante aventura para explorar o mundo na que descubrirá que a vida cos humanos non é o que el buscaba. De volta na casa, contaralle ao seu irmán máis novo as súas vivencias con certas doses de imaxinación porque “a vida das plantas, das persoas e dos animais está feita de realidade, pero tamén de marabillosos segredos, de imaxinación e de verdades inventadas.” Así termina “O pequeno león”, un clásico publicado en 1947 froito da colaboración da fotógrafa Ylla e o poeta Jacques Prévert. Un canto á liberdade, ao amor e á natureza; un relato audaz e comprometido que superou o paso do tempo e que formula interesantes reflexións sobre o comportamento humano e animal. Kalandraka recupera por vez primeira, no noso país, o texto íntegro censurado no momento da súa publicación, nunha edición que permite valorar o traballo excepcional de Ylla, unha das grandes figuras da fotografía de entreguerras xunto co gran poeta francés Jacques Prévert."
Unhas fotografías de gran expresividade nas que semella que os animais nos falan porque eentendemos á perfección o que nos queren dicir. Un textos que sintetizan o que o qutor pensa de animais e persoas, que nos fan pensar poñéndonos ante o espello da realidade. Unha marabillosa historia na que os soños amplían o que se nos mostra.
Desta fotógrafa atopamos en Kalandraka tamén Dous osiños e Todos o viron.

Ningún comentario:
Publicar un comentario