Amosando publicacións coa etiqueta Julia Lago. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Julia Lago. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de setembro de 2025

De inventos e concursos

O Concurso dos Mellores Inventos (e outros acontecementos) de Berta Dávila con ilustración de Julia Lago e publicado por Xerais.

Preséntase así:"Unha disparatada aventura con viaxes no tempo, malvados impostores e o poder da amizade e a imaxinación"

A favor das científicas e cineastas e contra os mentireiros, enmascarados ou non. Así o dedica a autora. A narradora fala con nós, o lectorado, comeza explicándonos a diferenza entre as cousas naturais e as inventadas, antes de comezar coa historia da cineasta Begoña López. Ela vive co seu sobriño Pepe (esas mulleres con nenos ao seu cargo que non son fillos e que andan aparecendo con brío pola LIXG e colocándonos en diálogo cos cellos clásicos, nos que di a autora que estes rapaces non eran queridos, agora si, sen dúbida). O cine non dá moitos cartos (e, aínda menos, o documental) e eles viven bastante "apretados", o peto en forma de porquiño nunca moito ten e moito menos agora despois dunha celebración de Nadal onde non mediran os orzamentos. Pódese dicir que están na ruína, por iso, cando pola porta aparece a inventora Calista Armada para cineasta para que documente o seu invento e poda presentalo ao Concurso dos Mellores Inventos. O seu é unha máquina no tempo na que poder viaxar a calquera acontecemento histórico e así van ao momento da creación do cine... Volven cun pasaxeiro inesperado e participan, pero non sempre os concursos son tan transparentes como deberan ser. As cousas, non acaban sendo xustas de todo, pero tampouco non acaban mal, así que hai que ler o libro para poder opinar e, sobre todo, para dialogar ao redor de todo o que se conta.

As ilustracións de Julia Lago son especiais, do estilo que ela escolleu para ilustrar infantil, tal cmo aparecían no libro de Meixide.

Aprendizaxe: ás veces non hai nin que cabrearse cos motes que che poñen senón utilizalos con gusto e demostrar que non che molesta. O poder da verdade, aínda que con ela perdas, fronte á manipulación, ese xogo perverso de que todos vexan o que ti queiras que vexas (sintas...) simplemente porque llo dis e o cren, así de inocente e estúpida é a humanidade, do contrario non existirían as fake news porque serían castigadas sen límite. A xustiza é unha utopía pero por veces podemos conseguir a que leva o calificativo de poética.

domingo, 5 de maio de 2024

Novela para lectorado experto ou moi bo lector autónomo

Varias obras:

Un choque inesperado de María Reimóndez, cunha fermosa dedicatoria "Este foi tamén o derradeiro libro meu que leu a miña mai María José Meilán e sen ela a escrita será máis solitaria. Por iso conto con vós máis que nunca para acompañala!" Unha cidade, Lugo, catro rapazas: Ada (unha xenia da computación e a informática), Xela (unha lingüísta sen parangón), Lily (unha mestra da enxeñería), Mercy (un prodixio deportivo); así as define a autora nas primeiras páxinas, pero son moito máis ca iso, unha é cega, outra leva unhas pernas protésicas... pero ademais a súa procedencia tamén é dispar (étnia xitana, árabe, chinesa...), persoas non normativas, disidentes sexuais e mundos dos que fuxir, cheos de eucaliptos e incendios, con robots e control absoluto, sen animais... 

Un tempo futuro (despois da Gran Pandemia), no que a cidade está entregada ao turismo (servir a outros), controlada pola intelixencia artificial ou por seres que a controlan e son do peor. Dise que só o centro de día e o tanatario están pensados para os que viven na cidade, o demais está dirixido aos que veñen de visita e, polo tanto, van de paso e sen preocuparse do que deixan. Unha análise que semella feita para Compostela, para todas esas tendas de recordos barateiros que fan desaparecer o tecido comercial que existía ata hai pouco tempo. Grandez monopolios dominan o mercado. O que está claro é que esas catro mozotas, e as dúas nenas que viven na natureza, poden virar o rumbo dese mundo que semella inamovible. A novela ten esa virtude de tratar turismo masificado e desaparición doutras economías, o sistema de decisión familiar na escola ("que as familias con cartos, brancas, de clase media, votaban e por suposto escollían unha e outra vez que as xitanas coma Mercy non estiveses nas súas clases", refugallo, gueto argumentando que esas medidas se tomaban para darlles máis espazo de aprendizaxe axustada), as barreiras que lle dificultan a vida ás persoas non normativas,a  relación entre as linguas e o poder, as discriminacións que só semellan percibir as persoas discriminadas...   Como sempre, a autora dá xogo para o tratamento de todas as diversidades, da ética e a política, da lingua e o humano... As ilustracións son de Julia Lago, no seu estilo propio.

Tres segundos na zona de Xabier López. Unha novela de BALONCESTO subtitúlana. E diso vai, dun rapaz que coma seu pai é afeccionado a ese deporte, que xoga e non o fai mal, pero que unha e outra vez é castigado por quedar máis de tres minutos na zona sendo pivote.... de como súa irmá tenta axudalo tocando unha bocina para avisarlle pero como isto non vale cando hai moito ruído e... ao final atopan outra solución. 

Así se presenta: "Roberto non é o primeiro da casa en xogar ao baloncesto, pero si quen máis problemas ten cos «tres segundos na zona». Conseguirá a súa adestradora que os árbitros nos llos volvan pitar? Será a súa irmá quen dea cunha solución? Logrará o ADAB CLUB facer un bo campionato a pesar de todo? Dende o frío inverno de 1891, cando James Naismith inventou o noso deporte favorito, non se viu nada igual. Ou si?"

As ilustracións son de Michel Casado

Igual poucas noces, pero moito deporte.

luns, 7 de agosto de 2023

Os eólicos aparecen na LIXG (aínda que só sexa para que tropecen as naves extraterrestes)

Ánxela e Spencer de Carlos Meixide é unha novela infantil, situada entre Guitiriz e Betanzos (sei da querenza do autor polos topónimos, por algo asinou as novelas xuvenís Ons, Cans, Guitiriz, Arousa e Portugal). As ilustracións de Julia Lago (a ganadora do Premio Castelao con Nós seis son moi persoais e recoñecibles.

Así se presenta: "Na aldea onde vive Ánxela, os muíños do parque eólico deixaron de xirar coma todos os días. A xente di que houbo un accidente, que unha avioneta se estrelou contra eles, que o exército anda a facer pescudas pola contorna... As preguntas aumentan cando Ánxela atopa, no galiñeiro da súa casa, un peluchiño adorable con aspecto de toupa. Di que se chama Spencer. Pero... Quen é? De onde vén?, e sobre todo..., como se pode ser tan bonitiño? Unha emocionantísima viaxe repleta de humor e trepidantes aventuras." Tamén de tenrura, afectos que se materializan en actos e caricias, que dan resultados de tal forma que se alguén se empeña en libros de emocións igual teñen que ler este, para ver como se pode tratar esa temática sen ñoñerías.

Dúas rapazas dispostas a todo para defender a unha criatura doutro planeta, dúas familias que botan mans sen demagoxias nin mimos, a presenza do rural nunha historia moi actual, amores e celos que se tratan dun xeito san, a música galega asentada na obra (a de antes e a de agora)... e un relato para ser lido, sen dúbida. Para min, o feito de que aparezan os eólicos, aínda que sexa ao paso, achégalle un plus de autenticidade porque dende qué aldea non se ven parques eólicos?