domingo, 5 de maio de 2024

Novela para lectorado experto ou moi bo lector autónomo

Varias obras:

Un choque inesperado de María Reimóndez, cunha fermosa dedicatoria "Este foi tamén o derradeiro libro meu que leu a miña mai María José Meilán e sen ela a escrita será máis solitaria. Por iso conto con vós máis que nunca para acompañala!" Unha cidade, Lugo, catro rapazas: Ada (unha xenia da computación e a informática), Xela (unha lingüísta sen parangón), Lily (unha mestra da enxeñería), Mercy (un prodixio deportivo); así as define a autora nas primeiras páxinas, pero son moito máis ca iso, unha é cega, outra leva unhas pernas protésicas... pero ademais a súa procedencia tamén é dispar (étnia xitana, árabe, chinesa...), persoas non normativas, disidentes sexuais e mundos dos que fuxir, cheos de eucaliptos e incendios, con robots e control absoluto, sen animais... 

Un tempo futuro (despois da Gran Pandemia), no que a cidade está entregada ao turismo (servir a outros), controlada pola intelixencia artificial ou por seres que a controlan e son do peor. Dise que só o centro de día e o tanatario están pensados para os que viven na cidade, o demais está dirixido aos que veñen de visita e, polo tanto, van de paso e sen preocuparse do que deixan. Unha análise que semella feita para Compostela, para todas esas tendas de recordos barateiros que fan desaparecer o tecido comercial que existía ata hai pouco tempo. Grandez monopolios dominan o mercado. O que está claro é que esas catro mozotas, e as dúas nenas que viven na natureza, poden virar o rumbo dese mundo que semella inamovible. A novela ten esa virtude de tratar turismo masificado e desaparición doutras economías, o sistema de decisión familiar na escola ("que as familias con cartos, brancas, de clase media, votaban e por suposto escollían unha e outra vez que as xitanas coma Mercy non estiveses nas súas clases", refugallo, gueto argumentando que esas medidas se tomaban para darlles máis espazo de aprendizaxe axustada), as barreiras que lle dificultan a vida ás persoas non normativas,a  relación entre as linguas e o poder, as discriminacións que só semellan percibir as persoas discriminadas...   Como sempre, a autora dá xogo para o tratamento de todas as diversidades, da ética e a política, da lingua e o humano... As ilustracións son de Julia Lago, no seu estilo propio.

Tres segundos na zona de Xabier López. Unha novela de BALONCESTO subtitúlana. E diso vai, dun rapaz que coma seu pai é afeccionado a ese deporte, que xoga e non o fai mal, pero que unha e outra vez é castigado por quedar máis de tres minutos na zona sendo pivote.... de como súa irmá tenta axudalo tocando unha bocina para avisarlle pero como isto non vale cando hai moito ruído e... ao final atopan outra solución. 

Así se presenta: "Roberto non é o primeiro da casa en xogar ao baloncesto, pero si quen máis problemas ten cos «tres segundos na zona». Conseguirá a súa adestradora que os árbitros nos llos volvan pitar? Será a súa irmá quen dea cunha solución? Logrará o ADAB CLUB facer un bo campionato a pesar de todo? Dende o frío inverno de 1891, cando James Naismith inventou o noso deporte favorito, non se viu nada igual. Ou si?"

As ilustracións son de Michel Casado

Igual poucas noces, pero moito deporte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario