domingo, 19 de maio de 2024

Premio Merlín de Literatura Infantil

Anxo Iglesias acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil na penúltima convocatoria con Unha nova dimensión que aparece ilustrado por María Montes.

Da presentación editorial: "A partir do concepto xeométrico de dimensión artéllase este delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. Ler «Unha nova dimensión» é asistir a un festival de creatividade. É un estímulo para a imaxinación!"

As ilustracións de María Montes e o seu deseño acompañando a edición, xogando coas cores das páxinas e das letras, cos diferentes caracteres e o seu tamaño, facendo chiscadelas marabillosas fan que o libro sexa un agasallo para os sentidos e o pensamento, un xogo no que o lectorado ten que implicarse, un obxecto de culto que non se esgota en varias lecturas. O entendemento entre autor e ilustradora conseguen unha obra moi orixinal e polisémica que nos obriga a deternos e volver atrás porque queremos entender que nada é gratuíto. Así partimos do punto para chegar á liña (recta ou curva) e descubrir a lonxitude, a liña do tempo (como exemplo?); seguimos co plano, continuamos con esa dimensión que é o tempo ata dar coa última dimensión: a poesía! Para finalizar, tócanos asinar un compromiso poético (só para persoas intrépidas).

Do romance á canción de roda, o abecegrama, o poema xeométrico, o anuncio breve, o poema eco-ilóxico ou o de primeira persoa, o poema con eco, o poema publicitario, xitanxáforas, ladaíñas, poema de monosílabos, metamorfose búmerang, décimas con gheada ou sen ela, pareados, cuarteta, trabalinguas e haikus, rap poemas, adiviñas, fonemoramas, tautograma, lipograma, pictopoema, aforismo, palíndromo, limerick... de todo hai, dos existentes e dos inventados

A poesía visual, a repetición de sons ata a saciedade, os espazos en branco para que o lector ou lectora complete, as nubes de versos para crear poemas... imposible aburrirse, temos xogo asegurado!

A referencia a Espazo Lectura, esa asociación - espazo que dá de ler -e da que forma parte dende a súa creación o autor- resulta imprescindible, porque el ademais foi coordinador do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo e é un dos integrantes d´A Banda dos Cueiros

Ningún comentario:

Publicar un comentario