Amosando publicacións coa etiqueta María Montes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Montes. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de marzo de 2025

Un novo premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade


Quen precisa unha avoa?
de Andrea Barreira Freije está ilustrada por María Montes e publicada por Xerais.

Da sinopse:"Este curso non pinta ben para Marta. O mestre quere traballar nun proxecto para o que van ter que falar coas súas avoas... Pero ela non ten avoas! E iso que, se mira ao redor, ve unha chea. Se hai tantas, por que ela non pode ter unha? Non lle queda outra: terá que secuestrar unha avoa, e nada mellor que involucrar as súas amigas para levalo a cabo. A conciliación familiar, as necesidades das persoas maiores, os afectos e a sororidade entre as personaxes son algúns dos temas desta novela fresca e divertida que, a través do humor, transmite de xeito maxistral a complicidade entre as diferentes xeracións e unha ollada novidosa sobre a vellez."

As ilustracións de María Montes sempre son unha garantía de calidade, a publicación conta cun deseño que busca atraer ao lectorado contemporáneo cunha serie de achegas que traen imitacións a cadernos, notas caligráficas con diferentes tipos de textos dende definición de personaxes ata anotacións, receitas... tipoloxías diversas que interrompen a narración presentando informacións.

A estrutura, en pequenos capítulos, distribuídos en sete partes pode animar a lectura:  Grandes males; Observar, escoitar; O meu espazo, o seu espazo; Actuar; Coidar, protexer; Ás veces as cousas saen ben; e Devolver as cousas ao seu lugar. Ou os finais felices.  Grandes acertos coma o tratamento dos coidados ou a relacións entre as avoas, esa recuperación doutro tempo no que a amizade tiña un gran valor, a reivindicación do papel das mulleres maiores e a necesidade de exercer a súa autononía, a presentación dunha familia monoparental dun xeito tan natural que nin nos preguntamos como se chegou aí...

Moi adecuado para rapazada infantil moi lectora, porque se trata dun volume moi extenso para os intereses destas idades, é dicir, que o contido pode estar algo desaxustado co tamaño. É unha opinión...

domingo, 19 de maio de 2024

Premio Merlín de Literatura Infantil

Anxo Iglesias acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil na penúltima convocatoria con Unha nova dimensión que aparece ilustrado por María Montes.

Da presentación editorial: "A partir do concepto xeométrico de dimensión artéllase este delicioso libro de poemas onde prima a compoñente lúdica e imaxinativa que conecta directamente co mundo da infancia. A poesía entendida como xogo. A poesía entendida como fonte de diversión. A poesía reivindicada, ademais, como unha dimensión con entidade propia. Ler «Unha nova dimensión» é asistir a un festival de creatividade. É un estímulo para a imaxinación!"

As ilustracións de María Montes e o seu deseño acompañando a edición, xogando coas cores das páxinas e das letras, cos diferentes caracteres e o seu tamaño, facendo chiscadelas marabillosas fan que o libro sexa un agasallo para os sentidos e o pensamento, un xogo no que o lectorado ten que implicarse, un obxecto de culto que non se esgota en varias lecturas. O entendemento entre autor e ilustradora conseguen unha obra moi orixinal e polisémica que nos obriga a deternos e volver atrás porque queremos entender que nada é gratuíto. Así partimos do punto para chegar á liña (recta ou curva) e descubrir a lonxitude, a liña do tempo (como exemplo?); seguimos co plano, continuamos con esa dimensión que é o tempo ata dar coa última dimensión: a poesía! Para finalizar, tócanos asinar un compromiso poético (só para persoas intrépidas).

Do romance á canción de roda, o abecegrama, o poema xeométrico, o anuncio breve, o poema eco-ilóxico ou o de primeira persoa, o poema con eco, o poema publicitario, xitanxáforas, ladaíñas, poema de monosílabos, metamorfose búmerang, décimas con gheada ou sen ela, pareados, cuarteta, trabalinguas e haikus, rap poemas, adiviñas, fonemoramas, tautograma, lipograma, pictopoema, aforismo, palíndromo, limerick... de todo hai, dos existentes e dos inventados

A poesía visual, a repetición de sons ata a saciedade, os espazos en branco para que o lector ou lectora complete, as nubes de versos para crear poemas... imposible aburrirse, temos xogo asegurado!

A referencia a Espazo Lectura, esa asociación - espazo que dá de ler -e da que forma parte dende a súa creación o autor- resulta imprescindible, porque el ademais foi coordinador do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo e é un dos integrantes d´A Banda dos Cueiros

venres, 20 de outubro de 2023

Novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola                    Igualdade acaba de publicarse.

 E que vai ser? de Adelaida Vidal, ilustrado por María Montes e publicado por Baía. Despois de A reconquista e Vermella, de O país do Gran Furado e A pita xefa, chega agora E que vai ser?

Así se presenta:"Unha bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades as preguntas que lle fan sobre que vai ser ela unha vez naza. Tanto importa? Obra gañadora do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2023), polos motivos que indica o xurado: E que vai ser? é unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción. Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros."

As ilustracións achegan unha riqueza que parte da imaxe ao pé da letra para avanzar nun imaxinario propio de adobíos e telas, plasmación visual de metáforas, asociacións e introdución de novos personaxes, un mundo propio e recoñecible no que a imaxe dese bebé do que non sabemos o sexo se proxecta en cada páxina, o peluche aparecendo cando a nai lle di "Que ganas de coñecerte!". So daquela, cando remata o conto sabemos que é unha nena, pois a linguaxe foi tan escollida que en ningún momento o puideramos adiviñar. 

luns, 6 de marzo de 2023

Unha tradución

A casa da Moira de Sergio Sánchez Benítez con ilustracións de María Montes, traducida por Xosé Duncan  e publicada por Bululú.

Así se presenta: "Aquela casa de cor gris, atrapada no medio do tráfico, sempre chamara a miña atención. Quen podería vivir rodeado de asfalto, sen comunicación ningunha? Estaba convencida de que alí só podía habitar unha bruxa. Unha tarde de inverno decidín cruzar a autoestrada e, malia que non coñecín ningunha meiga, si descubrín quen son as moiras.» Daniela é unha rapaza moi imaxinativa e observadora, un día decide descubrir quen vive nesa casa, atravesa a autoestrada e algo sucede... é atropelada? atravesa aproveitando que o castelo baixou a ponte levadizo por medio dun camión que envorcou? O caso é que coñece a unha dos Moiras e que este decide axudala, así se salva e para demostrar que o que sucedeu foi certo, anos máis tarde atopou os sinais.

Mitoloxía ao servizo das historias actuais.