venres, 7 de marzo de 2025

Un novo premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade


Quen precisa unha avoa?
de Andrea Barreira Freije está ilustrada por María Montes e publicada por Xerais.

Da sinopse:"Este curso non pinta ben para Marta. O mestre quere traballar nun proxecto para o que van ter que falar coas súas avoas... Pero ela non ten avoas! E iso que, se mira ao redor, ve unha chea. Se hai tantas, por que ela non pode ter unha? Non lle queda outra: terá que secuestrar unha avoa, e nada mellor que involucrar as súas amigas para levalo a cabo. A conciliación familiar, as necesidades das persoas maiores, os afectos e a sororidade entre as personaxes son algúns dos temas desta novela fresca e divertida que, a través do humor, transmite de xeito maxistral a complicidade entre as diferentes xeracións e unha ollada novidosa sobre a vellez."

As ilustracións de María Montes sempre son unha garantía de calidade, a publicación conta cun deseño que busca a atraer ao lectorado contemporáneo cunha serie de achegas que traen imitacións a cadernos, notas caligráficas con diferentes tipos de textos dende definición de personaxes ata anotacións, receitas... tipoloxías diversas que interrompen a narración presentando informacións.

A estrutura, en pequenos capítulos, distribuídos en sete partes pode animar a lectura:  Grandes males; Observar, escoitar; O meu espazo, o seu espazo; Actuar; Coidar, protexer; Ás veces as cousas saen ben; e Devolver as cousas ao seu lugar. Ou os finais felices.  Grandes acertos coma o tratamento dos coidados ou a relaicóns entre as avoas, esa recuperación doutro tempo no que a amizade tiña un gran valor, a reivindicación do papel das mulleres maiores e a necesidade de exercer a súa autononía, a presentación dunha familia monoparental dun xeito tan natural que nin nos preguntamos como se chegou aí...

Moi adecuado para rapazada infantil moi lectora, porque se trata dun volume moi extenso para os intereses destas idades, é dicir, que o contido pode estar algo desaxustado co tamaño. É unha opinión...

Ningún comentario:

Publicar un comentario