Canta xente se necesita? de Anna Font, traducido por Manuela Rodríguez en Kalandraka. Da presentación editorial: "Un orixinal libro-xogo, cheo de humor e de cor, que invita á reflexión sobre os afectos, a convivencia e a cooperación."
Comeza o libro coa autora explicando (e agradecendo a) canta xente foi precisa para realizar este libro, dende a axente literaria a quen a coidou mentres debuxaba e foi quen de crer que a obra era posible... O libro consta de preguntas e respostas, as primeiras con maiúscula e as segundas en minúscula e bailando (no sentido de estar colocadas en calquera dirección). A primeira é doada, "para chegar" é necesario "unha mamá", para medrar, para empezar a andar, para voar máis alto... e de vez en cando "para sentirse só" / "para deixar de sentirse só" e aí a resposta é clara "un montón de xente ocupada" / "polo menos unha persoa que se fixe en ti" pero tamén (máis alá dos sentimentos persoais) aquelas preguntas que buscan a implicación social como "para facerse oír" / "para facer do mundo un lugar mellor" e as respostas "Alguén que o crea posible", pero "Canta xente se necesita? Vos tedes a resposta!!!!
Esta chamada á implicación de cada lectora, de cada lector, na construción dun mundo mellor é algo que se agradece infinitamente. Hai moitos libros pero non son moitas as historias que buscan comprometer ao lectorado nunha empresa social e colectiva. Por iso son tan necesarias estas obras.
As ilustracións son colaxes debuxados pola autora en estilo infantil, tal como pode verse na cuberta.
O misterio do tulipán de Yolanda Álvarez Castro en Peruchela edicións. Unha formiga obreira que vive nun formigueiro ao pé dun gran carballo, fáltalle unha patiña e gosta de cantar; por ambas características é obxecto de burlas polas compañeiras, de tal maneira que marcha. Atopa un campo de tulipáns, métese nun e alí vive cantando, achéganse o escarabello, a bolboreta, o grilo, os vagalumes.... todas as tardes para acompañala e cando lle piden que se mostre ela fálalles do seu complexo e eles explícanlles como todos teñen algo que se podería considerar un defecto pero que non o é porque non hai ninguén mellor ca outro senón que todos son únicos e diferentes "e iso é o que nos dá valor e nos fai especiais".
Unha historia que xa se contou en A formiga coxa e noutras obras, unha realización bastante simple, iso si, en letras maiúsculas toda ela, o que pode ser un punto de interese para certo lectorado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario