Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias está ilustrado por Laura Romero (con colaxes e apuntándose marabillosamente a ese xogo que nos propón o autore publicado na colección Merlín (en +11) de Xerais.
Así se presenta: "No universo, unha galaxia; nela, un sistema solar, un planeta, un continente, unha península e, na súa punta máis salgada, un recanto feliz. Un lugar onde os mexillóns non xogan ao béisbol e Doraemon ten gardado no seu peto máxico un chimpín. Alí poderás facer piragüismo, empanadas, beatbox... e mesmo cantar un gol! Un sitio distinto, de mulleres bravas e cabalos ao galope, onde caen chuzos de punta e contan os tacóns, hai troula a todas as horas e, no faro da fin do mundo, agarda por ti un solpor. E mentres, a poesía, chovendo versos, na súa tinta ou masterchof, que vén pra quedar, pra quedar, pra quedar... E as palabras, patas arriba, aturuxando e facendo equilibrios imposibles. Mergúllate nas páxinas deste libro: malo será que non descubras, antes ou despois, de que estamos a falar. Dígocho eu!"
Un libro de poesía que leva este poema na contracapa: "Este libro non é un conto. / Nin tampouco unha adiviña. /Ten poemas, non o nego... / e3 nalghúns ata unha rima! / É probable que me digas / que o seu título é ben raro./ Non é fácil decidilo... / levoume máis dun ano! / Podes facer a pregunta / que me espera no interior?/ Un pouco de piragüismo... / e tamén un locutor! / E cabalos ao galope, / e batallas de palabras, / e filloas e aturuxos... / e moitas mulleres bravas!/ Dirás: non enendo nada! / Non importa, que máis dá? / Ao final ti saberás / do que erstamos a falar... / Malo será, dígocho eu!
Unha marabillosa mestura de texto e imaxe, de palabras en cores e diferentes tamaños, de inventos de palabras (sinonimograma, cosrisma, coslusmo, xogueranca, ñamica...) e poemas (poema riada, isosílabos abecesdrúxulos, maepo de cosrisma e coslusmo, soneto arbóreo de cuartetos distintos, poema berro, poema radiofónico con seseo, calambur de carnaval, poema de vogais apampadas, poema onomatopeico en grupo, galimatias...), de referencia a personaxes de conto (como a señorita Buble ou a parellas de verdade como Elisa e Marcela) , de poesía visual coma os caligramas ou o poema espello para lelo ao reflectirse... Sempre xogando como no poema de verso ro-to no que nos toca adiviñar ese final perdido tras a ruptura ou no poema de números no quetemos que pasalos a letras igual que nos xeroglíficos ou encrucillados. Cos recursos máis antigos e as novidades máis actuais. Un xogo continuo (pero tamén serio, non creades) para rematar nun Palabrario e unha longa lista de agradecementos, porque o autor é iso: agradecido e boa xente.
Un libro para divertirse ao redor da poesía e estar disposta a seguir o xogo para que o verso non remate.
O misterio das zocas de Ramón Caride está ilustrado por Dani Padrón e publicado na colección Merlín (+11) de Xerais. Trátase da segunda parte de As músicas viaxeiras: unha historia que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban.
Da presentación editorial: "María, Frida, Nursa e Xeria, as catro músicas ambulantes que cantan en feiras, festas e romarías, vense implicadas nun estraño misterio. Unhas zocas moi noviñas, penduradas no alto das árbores, semellan querer avisalas de algo importante. O novo camiño que empezarán deste xeito vainas levar a viaxes inesperadas, perigos mortais, feitizos insólitos, dilemas vitais e probas asombrosas que as mudarán para sempre. Nada resultará ser o que pensaban, mais elas non se acovardan. Nesta historia hai contos familiares, hai contos descoñecidos e hai contos revirados. E tamén cantos e cantigas. As mozas desta historia non agardan que veña ningún príncipe a salvalas, porque elas saben defenderse soas."
Segue, polo tanto a historia de rapazas rebeldes que se enfrontan a un mundo que non acepta os cambios, cheo de perigos para as mulleres e para os homes que non queren selo acorde ao estereotipo (polo menos). Este conto de pandereteiras que andan polos camiños remata ben porque a muller á que liberan de ser araña, grazas aos bicos, lles concede un desexo a cada unha, sen preguntar, a cada unha o que máis desexa, alá no fondo da súa esencia. E a Xeria a das zocas coredoras poñeraa ante o abismo de demos e demiños, o lado escuro anda polo medio e hai que enfrontalo, non é? Caride decidiu poñer a andar outra serie máis alá de Said e Sheila, son outros tempos e cómpren outras historias. Só nos queda desexarlle tanto éxito como aquela tivo e seguramente continuará a ter, porque as boas historias son coma os vellos roqueiros, non morren!
Ningún comentario:
Publicar un comentario