Quero escribir literatura de Manuel Veiga Taboada está ilustrado por Miguel Robledo e publicado por Aira editorial.
Así se presenta: "Ola. Se escolliches este libro é porque pensaches algunha vez en escribir. Escribir un conto, un poema, se cadra unha novela. Este non é un libro de receitas nin un manual. É unha invitación a deixarse levar polas palabras e as historias."
Dividido en capítulos titulados: Que necesito para escribir, Os perigos do "balconing", Antes que lectores somos escoitadores, Como facemos bos diálogos, A poesía é un baile con palabras, Como distinguir literatura do que non o é, Os segredos da narración tradicional, Os temas, os personaxes e o suspense, Xela dáme a ler a súa primeira novela e Unha nota e unha recomendación final.
As referencias a diferentes escritores e escritoras que exemplifican as súas afirmacións achega credibilidae e riqueza á obra que funciona a modo de conversa con alguén que está pensando en escribir. A ruptura de ideas predispostas, as anécdotas que conta do que lle ten pasado, os consellos ao longo do todo o proceso, a guía que non é guía para a realización de diálogos ou para distinguir o que é literatura do que non o é, as reflexións ao redor da escrita, as convencións...
Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura de Rosalía Fernández Rial está publicado na Biblioteca de Intervención Social / Didáctica de Galaxia.
Preséntase así: "Este non é un libro de texto, non é un manual de instrucións, non pretende ser exemplo de nada, non sabe a receita didáctica.
Só sostén entre as mans un reto quen vai á escola con ganas de xogar. Se tes medo a dubidar, MOVE FICHA!
Se cres que cada xeración le menos cá anterior: MOVE FICHA! E que treman os andeis que están por construír! Move ficha: antes de cubrir ocos con caixóns gramaticais, logo de non querer trabucarte. Non repartas fichas iguais.
Viste o disfrace de docente e sae brincar.
Entra ao colexio bailando. Contaxia aos demais.
Volve empezar. MOVE FICHA!"
Un trailer na páxina da editora introdúcenos no contido de forma performática.
Despois de Aulas sen paredes e do artigo "Medrar é aprender a fuxir das dictaduras. Unha proposta alén das lecturas obrigatorias" aparece esta proposta didáctica a ter moi en conta. Nela xógase co itertexto e os portos, a interrelación de diferentes materias nun proxecto común que se vai adaptando ao decorrer da vida escolar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario