domingo, 23 de marzo de 2025

O tranvía chamado Flor

O tranvía chamado Flor de Guia Risari e Federico Delicado está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka na colección MareMar. 

Da presentación editorial: "Un álbum sobre a amizade e o poder transformador da palabra e da imaxinación. Unha viaxe extraordinaria a través de paisaxes fantásticas, quizais novas ou quizais gardadas nos nosos soños" "Laura contaba historias incribles. Ninguén a cría agás Omar, un rapaz reservado e melancólico que botaba en falta a súa casa e o seu país. Queres volver velo? preguntoulle Laura un día. Esta tarde, agarda por min na parada do tranvía ás tres en punto. Xuntos iniciaron unha viaxe extraordinaria.
Di Michèle Petit en Os libros e a beleza que a arte e a literatura, tanto escritas como orais, poden restaurar a paisaxe e facer habitables lugares hostís. Nesta historia, os protagonistas comparten algo máis que tempo e amizade, embárcanse nunha viaxe a través da palabra atravesando paisaxes fantásticas, quizais novas, quizais ocultas en recunchos recónditos do subconsciente. As ilustracións realistas e cheas de detalles de Federico Delicado amplían os significados do texto de Guia Risari acentuando esta proposta próxima ao surrealismo."

A autora dedica o libro "a quen sabe observar o mundo con paciencia e marabilla". Diso se trata, cando Laura lle escoita a Omar que bota de menos o país onde naceu, convídao a unha viaxe no tranvía que non ten número senón unha flor no seu lugar. Nel viaxarán por lugares insólitos e cos personaxes máis insospeitados pero deixando sempre un espazo de liberdade para quen le e mira, quen observa dende fóra. As ilustracións non só lle dan o contrapunto senón que amplían a lectura ata extremos ilimitados, sempre un paso máis alá introducindo surrealismo nos pequenos detalles como a forma das plantas ou o humor exquisito dese parque no que os adultos acompañan cans ou un deles con toda a seriedade do caso carga un gato nas costas, a indumentaria dos personaxes animais ou humanos, os edificios, os animais paseando as súas crías en carriños, os paxaros con ás nas mochilas...

Un parque, dous nenos colgándose das barras (o máis comúns e tradicional dos xogos), un libro no banco, a maneira de axudarlle a non estrañar o país de orixe, o tranvía número Flor que percorrera o mundo por terra, mar e aire e que é só de quen sabe agardalo... a imaxinación, a historia nun libro, a fantasía dirixida e todo sucendendo mentres o paxariño pasa dos cables do tranvía á póla da árbore. Unha historia fermosa multiplicada polas imaxes de Delicado que a afondan e a transcenden.

Ningún comentario:

Publicar un comentario