Amosando publicacións coa etiqueta Peruchela edicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Peruchela edicións. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de marzo de 2025

Canta xente se necesita?

Canta xente se necesita? de Anna Font, traducido por Manuela Rodríguez en Kalandraka. Da presentación editorial: "Un orixinal libro-xogo, cheo de humor e de cor, que invita á reflexión sobre os afectos, a convivencia e a cooperación."

Comeza o libro coa autora explicando (e agradecendo a) canta xente foi precisa para realizar este libro, dende a axente literaria a quen a coidou mentres debuxaba e foi quen de crer que a obra era posible... O libro consta de preguntas e respostas, as primeiras con maiúscula e as segundas en minúscula e bailando (no sentido de estar colocadas en calquera dirección). A primeira é doada, "para chegar" é necesario "unha mamá", para medrar, para empezar a andar, para voar máis alto... e de vez en cando "para sentirse só" / "para deixar de sentirse só" e aí a resposta é clara "un montón de xente ocupada" / "polo menos unha persoa que se fixe en ti" pero tamén (máis alá dos sentimentos persoais) aquelas preguntas que buscan a implicación social como "para facerse oír" / "para facer do mundo un lugar mellor" e as respostas "Alguén que o crea posible", pero "Canta xente se necesita? Vos tedes a resposta!!!!

Esta chamada á implicación de cada lectora, de cada lector, na construción dun mundo mellor é algo que se agradece infinitamente. Hai moitos libros pero non son moitas as historias que buscan comprometer ao lectorado nunha empresa social e colectiva. Por iso son tan necesarias estas obras.

As ilustracións son colaxes debuxados pola autora en estilo infantil, tal como pode verse na cuberta.

O misterio do tulipán de Yolanda Álvarez Castro en Peruchela edicións. Unha formiga obreira que vive nun formigueiro ao pé dun gran carballo, fáltalle unha patiña e gosta de cantar; por ambas características é obxecto de burlas polas compañeiras, de tal maneira que marcha. Atopa un campo de tulipáns, métese nun e alí vive cantando, achéganse o escarabello, a bolboreta, o grilo, os vagalumes.... todas as tardes para acompañala e cando lle piden que se mostre ela fálalles do seu complexo e eles explícanlles como todos teñen algo que se podería considerar un defecto pero que non o é porque non hai ninguén mellor ca outro senón que todos son únicos e diferentes  "e iso é o que nos dá valor e nos fai especiais". 

Unha historia que xa se contou en A formiga coxa e noutras obras, unha realización bastante simple, iso si, en letras maiúsculas toda ela, o que pode ser un punto de interese para certo lectorado.