Amosando publicacións coa etiqueta Manuela Rodríguez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuela Rodríguez. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de marzo de 2025

Canta xente se necesita?

Canta xente se necesita? de Anna Font, traducido por Manuela Rodríguez en Kalandraka. Da presentación editorial: "Un orixinal libro-xogo, cheo de humor e de cor, que invita á reflexión sobre os afectos, a convivencia e a cooperación."

Comeza o libro coa autora explicando (e agradecendo a) canta xente foi precisa para realizar este libro, dende a axente literaria a quen a coidou mentres debuxaba e foi quen de crer que a obra era posible... O libro consta de preguntas e respostas, as primeiras con maiúscula e as segundas en minúscula e bailando (no sentido de estar colocadas en calquera dirección). A primeira é doada, "para chegar" é necesario "unha mamá", para medrar, para empezar a andar, para voar máis alto... e de vez en cando "para sentirse só" / "para deixar de sentirse só" e aí a resposta é clara "un montón de xente ocupada" / "polo menos unha persoa que se fixe en ti" pero tamén (máis alá dos sentimentos persoais) aquelas preguntas que buscan a implicación social como "para facerse oír" / "para facer do mundo un lugar mellor" e as respostas "Alguén que o crea posible", pero "Canta xente se necesita? Vos tedes a resposta!!!!

Esta chamada á implicación de cada lectora, de cada lector, na construción dun mundo mellor é algo que se agradece infinitamente. Hai moitos libros pero non son moitas as historias que buscan comprometer ao lectorado nunha empresa social e colectiva. Por iso son tan necesarias estas obras.

As ilustracións son colaxes debuxados pola autora en estilo infantil, tal como pode verse na cuberta.

O misterio do tulipán de Yolanda Álvarez Castro en Peruchela edicións. Unha formiga obreira que vive nun formigueiro ao pé dun gran carballo, fáltalle unha patiña e gosta de cantar; por ambas características é obxecto de burlas polas compañeiras, de tal maneira que marcha. Atopa un campo de tulipáns, métese nun e alí vive cantando, achéganse o escarabello, a bolboreta, o grilo, os vagalumes.... todas as tardes para acompañala e cando lle piden que se mostre ela fálalles do seu complexo e eles explícanlles como todos teñen algo que se podería considerar un defecto pero que non o é porque non hai ninguén mellor ca outro senón que todos son únicos e diferentes  "e iso é o que nos dá valor e nos fai especiais". 

Unha historia que xa se contou en A formiga coxa e noutras obras, unha realización bastante simple, iso si, en letras maiúsculas toda ela, o que pode ser un punto de interese para certo lectorado. 

sábado, 8 de febreiro de 2025

Isto é moi estraño

 

Isto é moi estraño escrito por Matilde Tacchini, ilustrado por Mercé Galí, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Demademora.

Aos animais humanizámolos, aos rapaces identificámolos con animais de maneira cariñosa e entre unha e outra cousa créase un álbum con moito sentido do humor (e do outro). Porque para mamá é un animal, para papá outro, outro para a avoa ou para o irmán maior ou para as amigas da nai, e xa non falamos das comparacións que xorden cando come, non se lava, nada, dorme... todo iso o ten farto así que se vai cabrear e facer a gran afirmación do que é.

O texto da presentación editorial referido ás imaxes é o máis acaído á obra: "As divertidas ilustracións de Mercè Galí, que destacan pola economía de recursos, completan o sentido metafórico do testemuño en primeira persoa que protagoniza este simpático relato. Os animais -humanizados coa simple representación duns lentes- son figuras expresivas, bosquexadas con trazos rápidos e grosos sobre fondos neutros, sen apenas elementos adicionais e acompañadas de pequenos escenarios paralelos
que acentúan o sentido do humor do relato."

Para non perdelo! (logo preguntarémoslle: e, a ti, con que che comparan?

mércores, 30 de outubro de 2024

Un libro para gozar da natureza e os seus ciclos.

Osa de José Ramón Alonso e Lucía Cobo é un album traducido por Manuela Rodriguez e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "O ciclo da vida e o da natureza fúndense nun tenro relato poético. Osa está soa e coa chegada do inverno busca un lugar para durmir. Unha mañá, a luz inunda o seu agocho, a súa tripa axítase e non é de fame…" 

Outono, soedade, comer para resistir, frío, os días acortándose, unha cova, a neve, un sono que dura o inverno, coa luz da primavera esperta e sente algo especial, que será?

Unhas ilustracións marabillosas (coa escolla perfecta dos planos, os motivos e as cores) para unha historia chea de tenrura e sabiduría. A vida superándose e o álbum facéndose mínimo e completo.

martes, 16 de xullo de 2024

Cinco ratiños de María Girón

Cinco ratiños de María Girón traducido por Manuela Rodríguez, publicado na colección Demademora de Kalandraka.

Da presentación editorial: "Guiados por Félix, cinco ratiños saen do seu tobo na procura de comida. Un a un irán atopando saborosos manxares, pero o perigo axexa… Un álbum ideal para contar cara adiante e cara atrás, que remite aos grandes temas e estruturas da tradición oral." 

Félix semella coidar dos seus catro irmáns, el é quen decide seguir un rico olor acaído para a merenda e dilles que vaian con el, pero deseguida unha delas atopa un caramelo e alí queda, outro fica cun floco de millo, outria entre amorodos, outro queda comendo galletas e só Félix continúa, con tan mala pata que remata na barriga do gato (seguindo ese rico olor a queixo)... daquela vai comezar a conta atrás co eructo do gato que devolve a Félix cun anaquiño de queixo e vai recolledo aos irmán un a un ata o tobo. Rematou ben a aventurae todos xuntiños botan unha soneca. Aí fica a felicidade, nese adormecer xuntos despois da aventura. 

Acumulación, contar e descontar, aventura, eses animais tan queridos polos pequerrechos (polo menos nos contos): os ratiños, a compañía dos iguais... A natureza, os obxectos cotiáns do mundo dos humanos que aparecen nas gardas e nas ilustracións.

mércores, 12 de xuño de 2024

Aburrimento, soidade e perigos

Tarde de sapo de Maite Mutuberria está traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Demademora

Preséntase así: "Unha proposta divertidísima repleta de xogos fónicos e con ritmo narrativo crecente que conduce o lector ata un inesperado final." A repetición como recurso principal, unha gama de cores moi escollida, un debuxo case minimalista sobre fondo de cor, un animal que se mantén e os outros que van pasando con rapidez polo relato. Porque a historia é a dun depredador polo que os demais se preocupan porque o ven aborrecido, soíño... e póñense a facerlle a vida un pouco mellor pero o resultado para eles non pode ser peor. Quen si consegue distraelo é o saltón que o "enreda" para que se distraia "desenredándose". Creo que dá para divertirse moito pero tamén para aprender porque "a tarde coma outra calquera" pode converterse noutra cousa.

Un marabilloso álbum no que as onomatopeas teñen un papel importante!

venres, 26 de xaneiro de 2024

Kalandraka e as súas novidades: O elefante que perdeu o seu ollo, Sete monstros e un gato...

 
O elefante que perdeu o seu ollo de Boniface Ofogo ilustrado por Marc Taeger, traducido por Manuela Rodríguez publicado por Kalandraka. Así se presenta: "Unha viaxe ao corazón de África a través dunha fábula sobre a importancia da calma para afrontar as dificultades." Imaxinemos un elefante que pasa a vida xogando cun ollo, un día lánzao tan alto que desaparecu entre as nubes, búscao por todas partes e como non o atopa pregúntalle aos animais (sapo, crocodilo, tartaruga, chimpancé, xirafa, elefante...) ata que aparece unha nena á que lle gusta velo xogar e o tranquiliza, daquela, a auga do río que da tranquila e transparente... e xa imaxinas o que pasou. E da historia sacan unha moralexa: ante os problemas o mellor é non perder os nervios, así verase máis doadamente a solución.

Sete monstros e un gato de Rafa Ordóñez e Christian Inaraja, traducido por Xosé Ballesteros na colección Demademora de Kalandraka. Así se presenta:"Os protagonistas deste conto van marchando aos poucos: rimas divertidas que nunca acaban, nada de medo, risa asegurada!" Sete monstros pasean cun gato, cada un deles quere darnos un susto pero acaban eles asustados, un a un, e cada vez quedan menos: á pantasma o vento ráchalle a sábana, o vampiro é atacado polosol, o zombi cae e descontrola o corpo, a bruxa atemorízase cando ve o seu propio reflexo, a momia perde as vendas, o lobishome non atura o ruído e a Franki espántase ante un verme; queda só o gato que decide volver á casa e ler un bonito conto de pareados que non é outro que o que temos nós nas mans. Magníficas ilustracións, sinxelas, sobre fondo branco, que lle entregan todo o protagonismo á historia.