Amosando publicacións coa etiqueta Mercé Galí. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mercé Galí. Amosar todas as publicacións

venres, 3 de abril de 2026

Para o comezo do comezo

Pelos e plumas de Mercé Galí é un libro de tea para primeirísimas lecturas e está publicado por Kalandraka. 

Preséntase así: "Un libro de tea perfecto para iniciar o hábito da lectura e fortalecer o vínculo co bebé a través da lectura, do xogo e da empatía, dunha maneira amorosa e próxima, estimulando habilidades como a lingoaxe e a imaxinación... adquirindo un vocabulario básico relacionado cos animais da granxa."

Páxinas gordechas e con textura interior que nos fará pensar en plumas ou pelos para presentarnos o can, o galo, o ganso, o porquiño, o rato, a vaca, o coelloe a gata. 

Preséntase nun estoxo que nos servirá para gardalo despois de cada uso, cun furadiño no que se nos indica que debemos tocar para facernos unha idea do que nos agarda.

Ben, Kalandraka vai ampliando o seu catálogo a produtos necesarios, os indicados para o comezo, para eses tempos nos que o libro vai máis alá do libro ata converterse nese obxecto que queremos levar sempre connosco, da man, no carriño, na cama, en todo tempo e lugar. 

Con este libro aparece tamén  Aletas e burbullas.


 

sábado, 8 de febreiro de 2025

Isto é moi estraño

 

Isto é moi estraño escrito por Matilde Tacchini, ilustrado por Mercé Galí, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Demademora.

Aos animais humanizámolos, aos rapaces identificámolos con animais de maneira cariñosa e entre unha e outra cousa créase un álbum con moito sentido do humor (e do outro). Porque para mamá é un animal, para papá outro, outro para a avoa ou para o irmán maior ou para as amigas da nai, e xa non falamos das comparacións que xorden cando come, non se lava, nada, dorme... todo iso o ten farto así que se vai cabrear e facer a gran afirmación do que é.

O texto da presentación editorial referido ás imaxes é o máis acaído á obra: "As divertidas ilustracións de Mercè Galí, que destacan pola economía de recursos, completan o sentido metafórico do testemuño en primeira persoa que protagoniza este simpático relato. Os animais -humanizados coa simple representación duns lentes- son figuras expresivas, bosquexadas con trazos rápidos e grosos sobre fondos neutros, sen apenas elementos adicionais e acompañadas de pequenos escenarios paralelos
que acentúan o sentido do humor do relato."

Para non perdelo! (logo preguntarémoslle: e, a ti, con que che comparan?