venres, 24 de xullo de 2026

"Xardín de inverno" de Ledicia Costas en Fóra de Xogo


Xardín de inverno de Ledicia Costas aparece na colección Fóra de Xogo. Despois daquela edición en Everest Galicia na colección Punto de encontro con ilustracións de DNL, aqueles produtos que Irene Penas poñía nas nosas mans con todo o coidado do mundo, edicións marabillosas que sempre lembraremos.

Preséntase así: 

"Ledicia Costas mergúllase nunha viaxe íntima pola memoria, a identidade e as emocións para construír un universo propio cheo de simbolismo onde o xardín de inverno funciona como refuxio fronte á dor, á perda e á mala sorte herdada. A morte, o paso do tempo e a ausencia convértense en temas centrais, mais o poemario deixa tamén espazo para a esperanza, a fantasía e a reconstrución do eu a través da palabra e da imaxinación. «Xardín de inverno» é, pois, un exercicio de lembranza e de resistencia, un canto á importancia das raíces, das mulleres e da capacidade de soñar para sobrevivir aos invernos da vida. Publicado por primeira vez en 2012, esta edición na colección Fóra de xogo inclúe, ademais do poemario íntegro, un limiar de Lucía Aldao e outros poemas que a autora escribiu por aquela época."

Moi interesante o limiar de Lucía Aldao e sorpresa ante "Cápsulas de bágoa", un monllo de poemas que se nos din desa mnesma época. 

A Ledicia poeta acompaña á autora de narrativa para persoas adultas e infantoxuvenís. Un xénero menos habitual na súa obra pero que agora nos presenta con nova envoltura despois daquela de 2012 na que as imaxes de Daniel Docampo a envolvían con tanta beleza. Nesta edición, unha imaxe de David Sierra preséntanos flores de xeo nuns azuis case brancos. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario