Amosando publicacións coa etiqueta Ledicia Costas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ledicia Costas. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de outubro de 2025

Partes de serie


Curriño. Fama ou fuga de Ledicia Costas está ilustrado por Mili Koey e publicado por Xerais. Terceira parte da serie protagonizada por ese can, Curriño, ao que lle pasa de todo. Pasa de ser un can influencer de primeiro nivel a caer de desgraza? cando a súa ama desaparece levada por unha onda mentres anda  a facerlle fotos. A segunda parte conta a vida do can abandonado na rúa sen ama, como o pasa mal ata entenderse cunha manda de cans libres. A terceira, cóntanos como é secuestrado o can ao ser recoñecido por unha nena que o adora, que ten a súa foto ocupando todo o cuarto xunto con todos os produtos do seu merchaising e como, de novo, se ve abocado a converterse nun can comercial (agor ade máis baixo nivel) ata que consegue fuxir axudado pola manda. Esa nena á que el ve cun brillo diabólico nos ollos de vez en cando, disposta ao que sexa por cumprir os seus desexos, vai ser para elmoito peor que a carracha que levaba no pescozo na vida anterior, ela, Superferolítica, será quen consiga libralo do chip... A diferenza entre as "creadoras de contido" e as seguidoras e fans, unha materia para a reflexión. Igual que a relación coas mascotas, para que as queremos?

O tempo dos influencers, eses seres dispostos ao que sexa por conseguir fama e cartos, os egocéntricos ao máximo, enfróntase ao da liberdade dos animais de rúa. Os avós permisivos pero cun toque. Uns pais dos que nada sabemos e unha nena consentida. Cores alegres, moito rosa que semella ser a cor de moda igual que os selfies...

Así se presenta: "A nova saga infantil de Ledicia Costas, protagonizada por Curriño, o can máis famoso de Internet" "Socorro! Secuestraron a Curriño! Non imaxines uns tipos fortes e con cara de malos, non. A secuestradora é Anxélica, unha nena moi fan de Curriño, que o recoñece na rúa e o leva á súa casa para coidalo e volver facelo famoso. Queira el... ou non. Curriño bota en falta os seus amigos e, aínda que Anxélica é bastante prosma, tamén bota en falta ter preto alguén que lle dea agarimo e que o adore (como debe ser!). Así que terá que escoller. Que prefire recuperar: a súa antiga fama ou a liberdade, que acaba de descubrir?"  

mércores, 23 de abril de 2025

El Hematocrítico continúa agasallándonos cunha nova entrega de Dona Problemas

Dona Problemas, rescatadora de mascotas de El Hematocrítico aparece da man de Paco Roca, igual que nas entregas anteriores. Traducido por Anaír Rodríguez co asesoramento literario de Ledicia Costas.  Despois de Dona Problemas e Dona Problemas salvadora da escola aquí está Dona Problemas, rescatadora de mascotas.

Preséntase así: "Tras o seu enfrontamento coa mestra «influencer», que foi retransmitido por televisión, Carlota (Dona Problemas) converteuse nunha celebridade entre nenos e nenas. Recoñécena pola súa cidade e mesmo lle piden selfies e axuda para problemas cotiáns. Así e todo, nin Dona Problemas nin Xoán, o seu axudante, esperaban recibir na escola a visita dunha nena preocupada pola desaparición da súa mascota: unha cacatúa chamada Riqui, pola que agora lle piden un rescate que ela non pode pagar." 

Neste caso, Dona Problemas xa ten que auxiliar máis alá da propia escola, porque xa todo o mundo a coñece e lle pide axuda: ha de botar unha man no cine para colocar a todo o mundo de forma que podan ver ben a pantalla, descubrir a un timador que entregan á policía, dar cunha nova maneira de conseguir cartos ao dar co que pode ser un bo agocho (o sofá, debaixo dos coxíns), atopar a cacatúa coa axuda dunha especialista en paxaros... A súa fama vai en aumento cando unha xornalista decide facerlles unha entrevista a dobre páxina (a ela e ao seu axudante). De todas formas, ese engado de colaboradora marabillosa disposta a axudar onde sexa necesario ou de crítica precisa e observadora do momento actual cando deixa en ridículo á profesora influencer queda nas nosas mentes. Ben é certo que o tema das mascotas tráenos á cabeza o libro de Diego Ameixeiras co que se estrea na LIXG, Xulia Belavista. detective animalista.  

luns, 14 de abril de 2025

De profesións e avoas piratas


 As estañas profesións do meu pai de Miguel A. Alonso está ilustrado por María Brenn e publicado por Cumio na colección Minicumio.

Así o presentan: "Daniel anda nunha busca intrigante por descubrir a que se dedica o seu pai mentres fai un traballo de clase sobre as profesións. Será un espía? Un axente secreto? A que se dedicará o seu pai?" 

Unhas marabillosas imaxes para acompañar un texto no que o autor xoga co lectorado levándoo e traéndoo por unha historia de indagación a través duns capítulos que van e veñen, que poden repetirse ou saltarse. Todo comeza na escola cando a profe lles pregunta cal é a profesión dos pais e acaba pedíndolles que o poñan por escrito nas vacacións. El vainolo contando todo, directamente, xogando coas palabras porque lle encanta facelo, buscar os sinónimos, el mesmo nolo explica "Por certo, perdoa que, de cando en vez, pare para escribir palabras que significan o mesmo, ou o contrario, pero encántame xogar coas palabras". Non pode negalo.

Moitas sospeitas e poucas certezas en relación ao oficio do pai ou do veciño. Tampouco nós temos moitas a respecto do que pasou coa nai, nada se nos conta e queda como esas cousas que nunca preguntamos e xa é tarde para facelo. Esa parella de pai e neno non sei se existe ou non, pero sería boa cousa coñecelos, os creadores fánnolos tenros, con moito afecto e entendemento entre ambos, compartindo valores e respectándose. O relato cobra riqueza con esa maneira de despistarnos dirixíndose a nós como lectores ou á mestra destinataria da investigación, sexa como for é ben interesante e seguiremos defendéndoo cando algún rapaz lle chame bicho polo seu costume de estar só, xogando coas palabras. De certo que o fai moi ben e merece unha boa nota.

Barbavoa é un álbum de O Hematocrítico ilustrado por Eugenia Ábalos e traducido por Ledicia Costas  para Nórdica Infantil. Imos vendo un barco e adiviñando para que serán os canóns, que tipo de paxaro teñen como mascota, para que pode ser unha táboa que levan polo lado ou a cesta que levan alá enriba xusto debaixo da bandeira negra coa caveira e os ósos cruzados... Un barco de piratas! que se nos confirma cando venos a tripulación e escoitamos que van enterrar un tesouro pero nesta aparece unha visita. Quen é? A avoa que exerce de avoa contando cousas que non se deben contar do pirata cando era neno; non remata aí, vai dando consellos en relación á limpeza, á alimentación ou á decoración; con ela todo vai cambiando, as plantas ocupan o barco así coma os adornos de ganchillo, vailles calcetando xerseis abrigosos... pero tamén lles demostra que ela segue a ser unha valente pirata pero tedes que ver como luce o barco neste momento, nunca o teriades imaxinado... O humor de O Hematocrítico, ese bo facer á hora de construír historias dándolle un golpe de man a calquera prexuízo co afecto por bandeira. Por iso carapuchiña se fixo alcaldesa e o barco pirata presenta unha imaxe tan feminina, dise así? 

As ilustracións non poden ser máis acaídas.

xoves, 27 de marzo de 2025

Un álbum sobre a guerra e a continuación dunha serie

Que é a guerra de Eduard Altarriba está traducido por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books. Da presentación editorial: "Este libro está pensado  para responder de maneira sinxela todas as preguntas que se nos ocorran despois de ver noticias sobre a guerra. Comprender como funcionan as guerras, as súas causas e consecuencias é o primeiro paso para a paz."

Para tempos escuros, de guerra e sen razón, igual o mellor é acceder a libros de coñecemento que nos enfronten a ela.  Plana a plana con deseño, texto e ilustracións moi interesantes vainos introducindo nese mal universal baixo títulos como Conflito, Quen é quen, Actores internacionais, Poder, Negociio, Armamento, Tecnoloxía, Propaganda e ciberguerra, A guerra na historia, A guerraxusta, DIH, revolución, Guerra entre estados, AGuerra Fría,Mísiles, Potencias militares,A OTN e o Pacto de Varsovia, A fin da guerra entre estados?, Como son as guerras actuais?, Intervencións militares, Como remata unha guerra?, Paz e mediación, Consecuencias dunha guerra, Informa:Corea do Norte e Dossier: Ucraína (as claves, as operacións militares).

Unha nova entrega dos Minimortos: Falso aniversario. Ledicia Costas continúa a serie, con Mar Villar nas ilustracións, e dentro do selo Xerais. Asi se presenta: "Maya está nerviosa porque se aproxima o seu aniversario. Cando chega o día, os Minimortos prepáranlle unha festa sorpresa onde non falta de nada, mesmo hai uns impresionantes fogos de artificio que preparou Dinamito no seu laboratorio. Vai ser un aniversario imposible de esquecer, sobre todo porque o Outro Barrio aparece ateigado dunhas eirugas de luz que formaban parte do espectáculo pirotécnico. A luz que emiten é insoportable e todo o mundo está enfadadísimo, ata o punto de que alguén denuncia a Dinamito e a Policía Esqueleta lévao preso. Que poden facer os demais Minimortos para axudar ao seu amigo? Conseguirán liberalo?" A historia é contada por Curuxa, a ave viaxeira entre mundos. 

Os minimortos fan bromas bastante pesadas, son un tanto inconscientes das consecuencias dos seus actos o que esta vez lles vai traer problemas porque Dinamito vai ser detido e levado á prisión. Daquela os seus amigos van liberalo, para iso terán que atravesar o Bosque das Calamidades e utilizar todosos seus recursos.

Os marabillosos nomes de Petunio (que adora coidar as flores do seu xardín e finou cando lle caeu na cabeza un testo de petucias dende a altura dun quito piso), Maya (a nena alérxica ás abellas que morreu despois de botarlle unha pedra a un panal e come flores desesperadamente), Dinamito (o apaixonado á ciencia e os inventos que morreu saltando polos aires nun experimento), Penoso (o oso de peluche que morreu de pena cando o deixaron abandonado) e Pochiña (a que vai dunha noutra enfermidade ata non saber a causa da morte pero adora os relatos de medo)

venres, 1 de novembro de 2024

Unha nova serie da man de Ledicia Costas

Curriño é o protagonista, un can ao que lle cambia a vida (e moito) entre a primeira e a segunda entrega: Curriño.  O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo. Unha serie de Ledicia Costas, ilustrada por Mili Koey e publicado por Xerais.

As sinopses cóntannos: "Curriño non necesita presentación: é o can máis famoso de Internet! E o máis lindo, obviamente. Seguro que ti xa o segues en todas as súas redes. Vive a corpo de rei, faltaría máis! Dorme na cama da súa humana, aliméntano con penso de importación e acicálano tres veces por semana. O que merece unha estrela coma el, vaia! Por desgraza, Curriño está a piques de descubrir que a vida fóra da súa mansión con sete cuartos de baño, jacuzzi e vistas ao mar é moito máis dura do que el cheiraba..." Asi é, as desgrazas nunca veñen soas e vánselle ir sumando unha tras outra, así descubrirça unha nova vida cun grupo de amigos.

Realmente, os humáns confúndense cando pensan que son eles os donos dos cans, aínda que tamén é certo que, ás veces, os animais reciben os castigos que merecen, e a sobrebia págase.  

"Curriño leva días con cara de can, no peor sentido: botárono da súa mansión, tivo que rebuscar no lixo e segue sen recuperar a súa preciosísima melena! E esa carracha tan pesada continúa suxeita ao seu pescozo. Vaia desastre! Ademais, as rúas están cheas de perigos. Por exemplo, King Kong, o terrible can dos ladridos potentísimos que monta garda fronte ao supermercado, e ao que non lle fai ningunha graza que Curriño poña unha pata no seu territorio. Será a axuda dos seus novos amigos, Frecha e Gordon, suficiente para enfrontarse a el?" A okupa que leva no pescozo é coma o vermiño da conciencia; non o deixa tranquilo e sempre ten a última palabra, pero a súa relacións cos outros cans que vai coñecendo vano colocando no seu sitio, pero algo está a pique de cambiar... que pasará? 

As ilustracións van a medio camiño do cómic con bocadillos e viñetas nalgún caso. Debuxos sinxelos de cores quentes que achegan unha presentación moi chamativa. Ao final hai unha páxina de adhesivos. 

O que máis chama a atención é a facilidade da autora para reinventarse, unha e outra vez, creando novos mundos de maneira pasmosa.

luns, 5 de agosto de 2024

Un título escrito a catro (ou oito mans)

Un título escrito a catro (ou oito mans): Caramomia de Ledicia Costas, El Hematocrítico, Daniel Landesa e María Lado.

Da presentación editorial:"O aburrimento entrou de cheo nas vidas de Roque, Mafalda, Mabel e Brando xogándolles malas pasadas. Están empezando a ver cousas moi estrañas no barrio. É posible que a súa veciña sexa algo máis ca unha anciá encantadora? Será certo que garda relación cos misteriosos roubos que se están producindo na cidade? O Hematocrítico, María Lado, Daniel Landesa e Ledicia Costas uníronse para crear Caramomia, un divertido misterio a oito mans." Os nomes dos rapaces e rapazas protagonistas en cor, cada un no seu (Roque en azul, Mabel en vermello, Mafalda en amarelo e Brando en lila), un narrador en terceira persoa que recolle os textos de cada creador/a neses vermuts virtuais do confinamento porque se trata dunha historia de pandemia creada en plena pandemia, que ten esa caraterística especial de estar escrita por varias mans. Xa Ledicia probara anteriormente esa fórmula nos libros escritos con Pere Tobaruela e asinados como Pereledi: Mortos de Ningures, Desaparizión, Ouro negro e Letras de xeo, publicados pola editorial Everest nas coleccións Punto de encontro e Ler é vivir, con ilustracións de Andrés Meixide.

Caramomia aparece en Xerais cunhas ilustracións realmente interesantes (utilizando unha variedade moi limitada de cores e buscando un estilo moi propio tanto nos encadres ou as angulacións como na representación por veces surreal) que de Martín Romero.

mércores, 5 de xuño de 2024

A última obra de Ledicia Costas, un álbum

Sete dentes de león de Ledicia Costas e David Sierra é un álbum publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Esta historia sucedeu cando o mundo era gris. A vella tivo sete soños durante sete noites e naceron sete dentes de león que acenderon o mundo."

Un novo mito da creación do mundo, a aparición das cores e a explicación do nome do arco da vella.  Plantas que nacen de soños e soños que provocan nacementos. Nubes que podes pescarse e gardarse.

Un libro para ler e ver, para mirar paseniño e paseniño, observando cada imaxe e cada detalle. Unhas ilustracións que poden lembrar as de artistas do Leste dunha determinada época e que colocan a historia nun mundo propio

domingo, 26 de maio de 2024

Outra entrega da Señorita Buble

Unha nova entrega desta serie de Ledicia Costas que tanto gusta ao lectorado autónomo. A señorita Buble. Deus salve as raíñas está publicado por Xerais e ambientado na corte británica ata na presentación da autora e ilustrador (Andrés Meixide).

Así se presenta: "A señorita Bubble recibe unha carta de Isabel II e ten que viaxar de inmediato ao Palacio de Buckingham. A raíña está en problemas: hai unha invasión de ratas na cidade de Londres. Conseguiron entrar no palacio e roubaron unha das pezas máis valiosas da colección de Isabel II. Os roedores actúan baixo as ordes de Jack White, un cazador de ratas que conseguiu adestralas coa intención de dominar o Reino Unido. A inventora vai ter que despregar todo o seu enxeño para recuperar a peza roubada e tamén para que a paz regrese a Londres. Mais non o vai ter nada doado."

Non, volver a Londres é reencontrar o pasado, ese "accidente" no que perdeu un ollo e un brazo, ese irmán que non é amigo... pero tamén a raíña e a xente que traballa no pazo, o laboratorio que sempre foi dela, a presenza da raíña dos británicos recentemente falecida... Están as ratas e todo ese mundo ao redor delas. Está o respecto por todos os seres vivos que sente a señorita Buble e o seu fillo Vincent (ese neno feliz que forma unha familia perfecta con Buble), están os inventos e as solucións que sempre estiveron a man. Unha nova aventura que non vai defraudar a ninguén, porque nela recobramos esa atmosfera que para nós creou Ledicia Costas, ese universo no que a bondade loita por seguir viva.

As ilustracións de Andrés Meixide cumpren marabillosamente ese papel acompañante, ese complemento que alimenta a historia.

venres, 27 de outubro de 2023

Aí vén o samaín (I)

Chega o samaín e con el as lecturas de medo (ou non tanto) para o que lembraremos algúns dos textos ad hoc:

O noso samaín de Galaxia

Indo para o Samain de Sabela e Carlos Labraña

A serie dos Minimortos, Vampira de biblioteca ou Esmeraldina, a pequena defunta e Escarlativa, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, publicados por Xerais.

Publicados por Kalandraka: Os esqueletos divertidos1 2 3 vampiro ti es, Sete monstros e un gato... Este último acaba de chegar ás librarías, con texto de Rafa Ordoñez, coas ilustracións características de Christian Inaraja,  traducido por Xosé Ballesteros para a colección Demademora. Un conto de mostros, acuulativo ou máis ben restante pois os monstros vanse perdendo de un en un ata queda o gato soíño, disposto a loitar contra todo tipo de perigos ata que baixo a tormenta volve á casa, cea a carón da chimenea e ponse a ler un libro, sabes cal vai ser?... Ese mesmo! para que o conto non tiña fin.