venres, 1 de novembro de 2024

Unha nova serie da man de Ledicia Costas

Curriño é o protagonista, un can ao que lle cambia a vida (e moito) entre a primeira e a segunda entrega: Curriño.  O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo. Unha serie de Ledicia Costas, ilustrada por Mili Koey e publicado por Xerais.

As sinopses cóntannos: "Curriño non necesita presentación: é o can máis famoso de Internet! E o máis lindo, obviamente. Seguro que ti xa o segues en todas as súas redes. Vive a corpo de rei, faltaría máis! Dorme na cama da súa humana, aliméntano con penso de importación e acicálano tres veces por semana. O que merece unha estrela coma el, vaia! Por desgraza, Curriño está a piques de descubrir que a vida fóra da súa mansión con sete cuartos de baño, jacuzzi e vistas ao mar é moito máis dura do que el cheiraba..." Asi é, as desgrazas nunca veñen soas e vánselle ir sumando unha tras outra, así descubrirça unha nova vida cun grupo de amigos.

Realmente, os humáns confúndense cando pensan que son eles os donos dos cans, aínda que tamén é certo que, ás veces, os animais reciben os castigos que merecen, e a sobrebia págase.  

"Curriño leva días con cara de can, no peor sentido: botárono da súa mansión, tivo que rebuscar no lixo e segue sen recuperar a súa preciosísima melena! E esa carracha tan pesada continúa suxeita ao seu pescozo. Vaia desastre! Ademais, as rúas están cheas de perigos. Por exemplo, King Kong, o terrible can dos ladridos potentísimos que monta garda fronte ao supermercado, e ao que non lle fai ningunha graza que Curriño poña unha pata no seu territorio. Será a axuda dos seus novos amigos, Frecha e Gordon, suficiente para enfrontarse a el?" A okupa que leva no pescozo é coma o vermiño da conciencia; non o deixa tranquilo e sempre ten a última palabra, pero a súa relacións cos outros cans que vai coñecendo vano colocando no seu sitio, pero algo está a pique de cambiar... que pasará? 

As ilustracións van a medio camiño do cómic con bocadillos e viñetas nalgún caso. Debuxos sinxelos de cores quentes que achegan unha presentación moi chamativa. Ao final hai unha páxina de adhesivos. 

O que máis chama a atención é a facilidade da autora para reinventarse, unha e outra vez, creando novos mundos de maneira pasmosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario