O fabricante de sombreiros de Pinto & Chinto é unha desas xoias que cando aparecen sempre nos alegran os días. Unha obra para permanecer, chea de orixinalidade, imaxinación e bo facer. Este dúo de creadores (David Pintor e Carlos López) tan coñecidos pola viñetas de humor no xornal como polos libros infantís, agasállanos, de vez en cando, con materiais dunha calidade superior ante os que non nos queda outra que sacar o sombreiro e saudar (aínda que vos vou contar un segredo: o señor Martus creou un sombreiro que saúda el só, sen necesidade de ter que erguelo coa man).
Esta é a historia do mellor fabricante de sombreiros do mundo. Vánsenos presentando os seus produtos. Imaxinemos un sombreiro de nube que pode refrescarnos cando vai moita calor pero ademais pode ir tomando diferentes formas co que semella que quen o leva ten varios, un sombreiro con forma de tellado para a chuvia cuns canlóns para desaguar, un sombreiro para pescador que era tan atractivo que os peixes ían admiralo e caían no anzó, un sombreiro de palla para labregos que poden salvar a colleita coas espigas que xerminaban nel nos malos anos, un sobreiro de pelo de coello que se mete no sombreireira igual que se se tratase dun tobo, outro de pelo de castor para leñadores que roía os troncos das árbores mentres estes descansaban, o de cazador que leva dúas plumas de aguia para voar e atrapar no aire as perdices, un de músico de rúa coas moedas incorporadas... e así moitísimos máis. Cada sombreiro a súa imaxe no estilo inconfundible de David Pintor que engade detalles como a atadura dos canlóns ou a forma de libro no sombreiro tellado, os peixes tentando admirar o sombreiro por detrás para non ser pescados, o cazador que voa sobre a perdiz... e outras veces engade un mundo propio coma no do gondaleiro que non aparece sentado senón na postura característica a modo de surf de pala,o de buscador de ouro que coloca sobre un home en bicicleta que leva sobre o manillar un rapazote igual que o de praia que podía usarse como frisbi ou modelo para a fabricación de castelos no que o neno coa pala divírtese sobre as costas do pai ou aquel outro de froitas no que unha criatura nas da nai estende o brazo para alimentarse.
O remate do libro non pode ser mellor porque forma un círculo perfecto, esa figura sen principio nin fin que nos fala desa mesa redonda do rei Artur na que todos os cabaleiros eran iguais oou deses libros nos que podes comezar a ler por onde queiras.
Sombreiros estrafalarios, estravagantes, fabulosos e inimaxinables tal como corresponde a ese humor que está sempre presente nas súas obras, unha comicidade coa que espertan e gusto pola lectura visual e textual. A imaxinación ao poder ou o poder da inventiva envolto na orixinalidade que os identifica facéndonos recoñecelos en cada obra. Cando o vou lendo, vánseme ocorrendo outro modelos de sombreiro e con iso podemos xogar coa rapazada, coa posibilidade de seguir creando sombreiros a cada cal máis orixinal: para outras profesións, para diferentes situacións, para cada tipo de persoas, para distintas necesidades... o señor Martus pode argullar calquera cousa que nos pase pola cabeza en sorma de sombreiro. Que nunca falte a fantasía!
Ningún comentario:
Publicar un comentario