domingo, 10 de novembro de 2024

O premio Merlín do 2024: Milú e o edificio das persoas extraordinarias

Milú e o edificio das persoas extraordinarias de Abel Tomé resultou ganadora do premio Merlín 2024 e aparece ilustrado por Laura Romero.

A editorial preséntao así: "Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. O don de Milú é construír soños. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. Unha luminosa fábula social sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor. O optimismo e a fantasía propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo." 

Está contado en primeira persoa por Milú que nos introduce nun mundo tan especial que non nos chama a atención se os gatos desaparecen do cesto no que estaban, na foto do calendario, deixando o cestiño baleiro.

Nun exercicio de bondade todo é transformado para poder sentilo como bo e divertido, Unha realidade triste convertida en algo luminoso grazas á imaxinación: o edificio vello e inclinado, cheo de hedras que abren gretas é un bosque, os buracos no chan son lugares nos que medran amorodos; na guerra que continúa no país do que fuxiron Milú e a nai (Urenica) as bombas ao caer erguen casas ou árbores, sementan leiras ou soltan lambetadas e di o tío que poden matarte dun ataque de risa ou cambian a túa pequena casa por unha vivenda de catro plantas na que está coma nun hotel; Malú (o poeta, que cando fala emociona) e a nai chegaron a este país camiñando polo fondo do mar dende Moringa (fuxindo do odio entre as relixións (os que adoran un can e que son os Guaus e os que adoran a un deus con forma de gato e son os Miaus, cando se cruzan uns fan grrrrrrrr! e os outros fffffffff!); a nena Xía (que pinta porque naceu dun cadro no que a nai se pintou a si mesma e lle foi engordando a barriga) e os avós veñen dende Siam a bordo do que crea o avó con origami (un barco no que choven chocolatinas e co seu papel fai o avión, uns cabalos); Martina vén co pai dende Ursa fuxindo do Líder (porque aínda hai xente á que lle gusta o que di o ditador) de coche en coche e sempre aproveitando para durmir ou comer, ela comunícase cos insectos; de Brazilinisia chegan Nuno e Coralia que naceron da terra e véñense porque o seu país que era unha selva verde deriva en deserto e comunícanse coa vexetación; un veciño que foi forzudo no circo e agora anda en cadeira de rodas e ten un axudante mecánico (coma o mordomo de Batman) co que fala, un científico "tolo" que calza zapatillas de peluche con forma de animais que cobran vida; a feminista condutora de coche de carreiras que o deixou por un trauma pero segue co casco posto...

A relación de Milú e a nai é moi especial: ela cóntalle que Milú recibe o nome do neno que pinta de cores a paisaxe cando el nace (porque antes era gris), di a nai que el é a súa patria; entre os dous  cambian as novas dos periódicos substituíndo as malas palabras polas boas, corrixindo a ortografía das pintadas porque os que as fan non saben de ortografía (din). Ela ensínalle todo, tamén que a amizade non é só compartir un anaco de torta ou a pelota senón non deixalo só nos momentos difíciles, cando te poida precisar. A nai de Milú di que unha nai nunca morre, simplemente cambia de lugar. En vista de todo o que ve Milú decide non medrar en vista das cosas que fan os adultos (é unha decisión difícil porque todos os nenos queren ser grandes para facer o que queiran) e para iso, fálalles ás células.

É a rapazada a que salva, teñen un plan: o forzudo ten que endereitar o edificio (aínda que bote un peido co esforzo), as hedras convencidas polos irmás retíranse, o científico crea unha masa para que as grietas nunca máis se abran, os insectos repartirán ese pegamento por todos os furados, o amañador de aparatos vai resolvendo todos os problemas comúns e logo pasa a cada piso, Micaela -a vella con casco automobilístico- vai correndo dun lado para outro axudando, Xian Li pinta un bosque na fachada do edificio porque iso significa liberdade e colle vida (móvense as árbores). Cando chegan para o desfiuzamento cos papeis, a corredora vai en tempo récord amañalos e non poden botalos

 

Hai chispas de humor e sentido común, por exemplo, as formigas non queren que as denominen exército senón sindicato ou comunidade, afirmacións como que os adultos son fáciles de convencer para cousas absurdas ou a que pon a acción en marcha "Que alguén crea en ti dá unha forza descomunal" ou esa que nos convence de que a tristeza e o malhumor fai envellecer e enfermar. Resolto o problema Milú reparte soños para que cada habitante sexa feliz. Resulta unha marabillosa volta ao pasado ver como a rapazada inventa xogos cando se aburren, sen que precisen ningún xoguete ou sementan tulipáns ao redor do edificio; 

Verborrea fantástica, creo que se pasa un pouco inventando máis alá do necesario, algo xa case excesivo, do "maís alá aínda". Do mal facer ben, velo como na película La vida es bella (lembremos como "nun contexto de horror e desesperanza, un pai xudeo utiliza a imaxinación e o humor para protexer ao seu fillo da realidade do Holocausto e o campo de concentración coma un xogo, preservando a súa inocencia ante a crueldade", aquí, é Milú quen fai ese traballo nun exercicio de inxenuidade bondadosa. Os nomes definen bastante ben os lugares: Parisia, Les Marginaux, Urenica, Brazilinisia, Ursa, Moringa, Siam...  Unha obra que fala de solidariedade, do poder do traballo común, do optimismo, o poder da imaxinación para mellorar o mundo crendo nel, a fantasía da infancia contra a intolerancia e o odio transformando en esperanza a tráxica realidade. O fogar que deixan atrás e o constrúen entre todos, nunha utopía social. O milagre das pequenas cousas: ese pan que se disfruta, eses doces, eses amorodos, eses xogos que se inventan... e fronte a todo iso, o carniceiro (tiña que ser el) que ten as mesmas bandeiras coas que se manifestan contra eles.

Remata "E o meu soño era ver como os meus amigos soñaban felices" 

Unha nova voz irrumpe no coro da nosa literatura, trae un imaxinario propio cheo de fantasía e boas intencións, de respecto pola rapazada e busca dun novo espazo.

En canto ás ilustracións, gústame moito a da cuberta coa casa e aquela outra na que as hedras rodean as páxinas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario