El Hematocrítito presenta novo libro Morto de fame con ilustracións de Mar Villar (igual que os anteriores nos que lle dá volta aos personaxes dos contos tradicionais), traducido por Anaír Rodríguez e publicado por Xerais.
Así se presenta: "A irmá do conde Drácula está moi preocupada porque o seu fillo non é cruel e sanguinario: é boísimo. Drácula dille que o mande á súa casa, que xa el se encargará de convertelo nun verdadeiro vampiro aterrador. Mentres, Draculiño vai como cada noite visitar o seu amigo Lobiño, que lle garda algúns doces que prepara na súa pastelaría para que o vampiro poida cear, xa que non quere nin probar o sangue. Os dous lévanse moi ben e forman unha cuadrilla de amigos xunto a outros personaxes da Fraga, como Garavanciño ou Riciños. Draculiño é moi feliz, ata que lle cae un cairo e leva un terrible desgusto."
As historias entrecrúzanse, Lobiño é o pequeno lobo convertido en reposteiro, na súa propia aventura tamén atopamos a chamada de súa nai ao tío Feroz para que o reconvertera nun verdadeiro lobo, pero as cousas non saíron como pensaban e aí o termos coa súa pastelería en marcha. Agora, a nai de Draculiño tamén anda preocupada e tamén chama ao tío (ai! o poder que se lle supón aos tíos, sobre todo cando non aparecen os pais na historia). A cuadrilla de amigos de Draculiño son todos os personaxes que xa coñecemos: Riciños, Garavanciño ou o Rato Pérez. Pola Zona Aterradora andan Nefertita, Fantasmina, Zombi ou a casiña con pés. O protagonista segue a aparecer do revés: a Draculiño non lle gusta o sabor do sangue senón os doces pero... non sabemos que vai pasar co cambio de dentadura, un misterio que haberá que resolver!
Despois de irse, Hematocrítico segue entre nós...


